a espada pacifista
TRANSCRIPT
Había unha vez unha espada preciosa. Pertencía a un gran rei e, desde sempre, estivera no
palacio participando nos seus adestramentos e exhibicións, enormemente orgullosa. Ata que un
día, unha gran discusión entre a súa maxestade e o rei do país veciño terminou con ambos
reinos declarándose a guerra.
A espada estaba emocionada coa súa primeira participación nunha batalla de verdade.
Demostraríalles a todos o valente e especial que era, e gañaría unha gran fama. Así estivo
imaxinándose vencedora de moitos combates mentres ían de camiño á batalla.
Pero cando chegaron, xa se producira unha primeira batalla, e a espada puido ver
o resultado da guerra.
Aquilo non tiña nada que ver co que imaxinara: nada de cabaleiros limpos, elegantes e
triunfadores coas súas armas resplandecentes; alí só había armas rotas e fendidas, e
moitísima xente sufrindo fame e sede; todo estaba cheo de lixo, envolto no cheiro máis
repugnante. Moitos estaban medio mortos e tirados polo chan e todos sangraban polas
súas feridas...
Entón a espada deuse de conta de
que non lle gustaban as guerras
nin as batallas. Prefería estar en
paz e dedicarse a participar en
torneos e concursos polo que a
noite anterior á gran batalla, ideou
unha forma de impedila: empezou
a vibrar... ao principio emitía un
pequeno zunido... pero... o son foi
crecendo ata converterse nun
molesto son metálico...
As espadas e armaduras do resto dos soldados preguntáronlle á espada do rei que
estaba facendo, e esta díxolles:
- "Non quero que haxa batalla ningunha mañá, non me gustan as guerras".
- "A ninguén nos gusta, pero que podemos facer?".
"Vibrade como fago eu. Se facemos suficiente ruído ninguén poderá durmir".
-Entón as armas empezaron a vibrar, e o ruído creceu ata facerse enxordecedor, tanto creceu que
chegou ata o campamento dos inimigos, cuxas armas, fartas tamén da guerra, se uniron á gran
protesta.
Á mañá seguinte, cando debía comezar a batalla, ningún soldado estaba preparado. Ninguén conseguira durmir nin un chisquiño, nin sequera os reis e os xenerais, así que todos pasaron o día durmindo. Á tardiña, ao espertaren, decidiron deixar a batalla para o día seguinte.
Pero ao día seguinte... e ao seguinte... e ao seguinte... e así durante sete días, as armas, lideradas pola espada do rei, pasaban a noite entoando o seu canto de paz. Os soldados, que non podían descansar, aprazaban decote a batalla!
Outra noite sin durmir!!. Caio de sono.
Eu xa non me podo nin levantar!!
Ao atardecer do sétimo día, os reis dos dous bandos reuníronse para solucionar aquela situación. Ambos os dous estaban moi enfadados pola discusión que causou a guerra, e ao pouco de estaren xuntos, comentaron o sucedido: o ruído das espadas, as noites en vela, a estrañeza dos soldados, o desconcerto do día e da noite e as divertidas situacións que se viviron. Tan divertidas eran as historietas que, ao pouco, ambos reis rían amigablemente.
E así, falando e rindo, esqueceron as súas antigas disputas e puxeron fin á guerra, volvendo a cadanseu país coa ledicia de non teren loitado e de teren recuperado un amigo. E, de cando en vez, os reis reuníanse para comentar as súas aventuras como reis, comprendendo que eran moitas máis as cousas que os unían que as que os afastaban. E dende aquela sempre reinou a paz entre os seus reinos.
Que parvos somos!!!. Se se pasa mellor sendo
amigos, que perdendo o tempo loitando.
Tes toda a razón!!!
COLORIN,
COLOROU…
ESTE CONTO
REMATOU