o cambio demográfico e o futuro de galicia. ¿qué facemos
Post on 23-Oct-2021
1 Views
Preview:
TRANSCRIPT
O cambio demográfico e o futuro de Galicia.
¿Qué facemos? ¿Planificamos?
Carlos Ferrás Sexto
USC. Departamento de Xeografía
A crise demográfica galega é incuestionable; as proxeccións optimistas do Instituto
Galego de Estatística da Xunta de Galicia sinalan que perderemos ata 300.000
habitantes nos próximos 30 anos. Debemos considerar que dende o ano 1975 a
pobación galega entrou nun proceso de declive ata adquirir saldos negativos netos no
1986, pois no dito ano o seu movemento natural faise recesivo e continúa deste xeito
ata a hoxe en día, case que dúas décadas despois, debido á caída da fecundidade,
con tan só un fillo por cada muller en idade fértil, aos escasos nacementos ao cabo do
ano, con 7 nenos por cada 1.000 habitantes, e a un forte incremento da mortalidade
por avellentamento, con 10 falecementos por cada 1.000 habitantes por ano. Na
sociedade galega xa non se produce o reemprazo xeracional e tradicionalmente, e ata
o de agora, non fomos capaces de fixar a poboación nova nin de atraer novos
habitantes. Atrás quedan os tempos cando os galegos e galegas emigraban por centos
de miles fuxindo da escaseza que a sociedade rural tradicional e a insuficiente
industrialización lles brindaban. Na actualidade Galicia sofre as consecuencias da súa
historia e amósase como un país fortemente avellentado, cun promedio de idade da
súa poboación xa enfiando os 50 anos e unha longa espezanza de vida, que para as
mulleres xa supera amplamente os 80 anos. Por tanto, estamos asistindo a un cambio
demográfico que require ser valorado en todas as súas consecuencias.
Galicia ten mudado a súa estrutura demográfica pero tamén económica e social
durante os últimos 30 anos, deixou de ser unha sociedade moza, rural, tradicional,
illada, atrasada e sen capacidade de goberno para converterse nunha sociedade
avellentada, cada vez máis urbanizada, mellor comunicada, máis industrializada, cun
desenvolvemento tecnolóxico como nunca coñeceu, e con institucións de goberno
propio e unha significativa capacidade de decisión política. Por tanto, debe ser neste
contexto de transformación e modernización social, cultural e económica no cal
debemos interpretar a atual crise demográfica e o futuro dos galegos e galegas.
Ademais, debemos ter en conta que Galicia non é allea ao avellentamento
xeneralizado que coñece Europa, seguimos as pautas, pero no noso caso temos o
problema engadido de que non somos capaces de xerar emprego suficiente nin de
atraer inmigrantes. Temos unha alta dependencia de subsidios e pensións e a
poboación dependente de parados, xubilados, estudantes e pensionistas comeza a
superar a poboación ocupada que desenvolve un traballo profesional e paga os seus
impostos. No 2013 os datos do Instituto Galego de Estatística deixan contancia de que
temos contabilizados 913.000 afiliados á Seguridade Social para unha poboación de
2.765.000 habitantes. É dicir, temos un traballador cotizando á Seguridade Social por
cada tres habitantes.
Sen embargo hai que ter presente que a observación en detalle do mapa de Galicia
nos permite comprobar que a demografía é moi diferente segundo o lugar, bisbarra ou
espazo en cuestión. No contexto xeral do comportamento demográfico recesivo de
Galicia acontece un proceso de despoboamento rural xeneralizado e percíbese un
cambio social que vai desde o rural do pasado cara a un presente e novo futuro
urbano. Non debemos esquecer que non toda a xeografía de Galicia amosa unha
demografía recesiva. Novas áreas rurais na periferia das principais cidades e as vilas
cabeceira de bisbarra xorden como polos de vitalidade demográfica. Preséntansenos
diante dos nosos ollos interrogantes chave que requiren respostas. ¿Cal é o proceso
de cambio? ¿Que significado ten e como condiciona o futuro social, económico e
cultural de Galicia? ¿Os cambios foron ou son previstos? Unha Galicia actual en clara
recesión demográfica, ocupada nos servizos, dependente, avellentada e en declive
vital; ¿cara onde pode ir? Requirimos argumentos que nos permitan comprender o
cambio e imaxinar un posible futuro.
Nestas páxinas intento acometer unha reflexión fundamentada en datos e
antecedentes bibliográficos que me levan a intentar caracterizar a transformación de
Galicia; do que foi un país rural no pasado cara a un singular e orixinal país urbano
coas suas particularidades no presente. A analizar o despoboamento rural e a
suburbanización, así como á definición en positivo dun modelo territorial baseado nos
conceptos de cidade atlántica, eurorrexional, policéntrica, ecolóxica e sostible, cun
sistema de cidades e asentamentos xerarquizado, complementario e planificado.
Indago e intento explorar as posibililidades das novas tecnoloxías da comunicación, do
marketing territorial para definir Galicia como unha «cidade da natureza, ecolóxica e
inclusiva» organizada en rede, onde campo e cidade se mesturan orixinalmente, e
finalmene reviso o concepto tabú de «minifundio», causante de todo o negativo que
historicamente ten acontecido no noso país, tratando de actualizalo e intepretalo en
positivo, como unha oportunidade innovadora para o desenvolvemento social e
económico sostible. Para logar incrementar a fecundidade, evitar o éxodo dos mozos e
asegurar a prestación de servizos públicos ás persoas maiores, Galicia necesita ser un
lugar atractivo para vivir, onde existan oportunidades e un mercado de traballo activo e
un lugar onde a súa poboación perciba unha calidade de vida e sexa capaz de
interpretar criticamente o seu pasado e de planificar o seu futuro. Non se pode afrontar
a crise demográfica se non definimos en positivo un proxecto colectivo e ilusionante de
país.
1. OS ESTUDOS DEMOGRÁFICOS EN GALICIA.
Os estudos demográficos en Galicia no período 1990-2013 foron realizados
fundamentalmente por xeógrafos, antropólogos, historiadores, economistas,
sociólogos e estatísticos, tanto no marco de investigacións universitarias como no
marco de organismos públicos e privados de variada natureza como poden ser
servizos estatísticos rexionais, fundacións, asociacións, concellos, sindicatos, etc.
A análise cualitativa da información bibliográfica producida neste período permítenos
distinguir tres grandes temas recurrentes que abarcan moi diversas e variadas liñas de
traballo ou puntos de vista analíticos, ademais de escalas territoriais de estudo tamén
diversas.
O tema dos movementos migratorios ten sido tradicionalmente o de maior interese e
nel se engloban liñas concretas como a emigración histórica de galegos cara a
México, Cuba, Arxentina, etc., cara a América en xeral e, en moita menor medida cara
a Europa, concretamente cara ao Reino Unido e cara a Francia, temas que continúan
sendo de interese preferente para os historiadores locais e, en menor medida, para os
xeógrafos. A produción bibliográfica é abundante e ás veces reiterativa, pois xorden
novos enfoques e interpretacións da evolución, impactos en Galicia, características
sociais, etc., o cal á súa vez garda estreita relación coa enorme dimensión que tal
fenómeno tivo para a sociedade galega durante séculos. A escala de estudo é
fundamentalmente xeral, é dicir, a nivel de Galicia como lugar de éxodo.
Tamén é tema de certo interese o estudo da inmigración que chega a Galicia, tema ao
que se lle presta atención preferente desde os ámbitos económicos ou sociais,
estudando o impacto sobre o mercado de traballo ou sobre o sistema educativo. A
escala tamén é a nivel de Galicia e non se constata a existencia de estudos de detalle
en municipios ou parroquias. Xa de forma máis recente, entre 2011 e 2013, comezan a
aparecer nos medios de omunicación as alarmantes noticias da aparición dunn novo
fluxo emigratorio de mozos galegos e estranxeiros residentes que marchan de Galicia
na procura dun posto de traballo. Sen embargo, este incipiente proceso aínda non ten
sido obxecto de investigación académica.
Por outra banda o avellentamento demográfico preocupa especialmente á opinión
pública en Galicia. A recesión demográfica e a perda de efectivos nos censos das
últimas décadas impulsou o estudo da caída da natalidade, o ascenso da mortalidade
e os impactos sociais, económicos, culturais, políticos, etc. que conleva o paso dunha
sociedade nova e emigrante a outra sociedade vella incapaz de asegurar a súa
substitución xeracional. Son liñas de interese o estudo das necesidades das persoas
maiores, o despoboamento rural co abandono de aldeas no interior de Galicia, o
impacto sobre o mercado de traballo, sobre o mercado da terra, ou as consecuencias
do avellentamento sobre o sistema de saúde ou as prestacións sociais, ademais de
reflexións sobre o impacto cultural e político. As escalas de estudo son
dominantemente a nivel de Galicia, con casos concretos en comarcas do interior e
tamén a nivel municipal ou estudos comparados entre o litoral-interior ou a Galicia
urbana e rural.
O tema da urbanización en relación cos movementos demográficos urbano-rurais foi
estudado sobre todo pola xeografía. O estudo do proceso clásico de urbanización, é
dicir, do abandono rural e concentración urbana e conseguinte análise da
conformación histórica das cidades, vila e/ou pobos, ten protagonizado en gran
medida o interese da xeografía galega durante os últimos anos. Destacan as visións
xerais do proceso no sistema de cidades galego, con todas as particularidades
destacables, pero tamén o estudo de casos de cidades, vilas ou ata pobos rurais que
deixan de selo para converterse en urbanos, ou, polo menos, en certa medida. Tamén
é salientable o estudo de novas formas de urbanización, periurbanización,
urbanización difusa, a urbanización do campo, a suburbanización, a desruralización, a
rururbanización, etc, as cales deixan constancia nidia do cambio social, económico, e
cultural que se desenvolve en Galicia nos últimos anos, e que nos remiten á
superación da imaxe tradicional de Galicia como un territorio profundamente rural. O
estudo do desenvolvemento económico e demográfico nas periferias das principais
cidades galegas, pero tamén de diversos pobos cabeceira de comarca rural, a un
maior ritmo en termos relativos cás cidades centrais, reforza a hipótese da
contraurbanización, no sentido de que o proceso clásico de urbanización polo cal se
produce o abandono rural, a emigración desde os asentamentos pequenos cara ás
grandes cidades capitais comeza a ser superado, e que emerxen tendencias
contrarias de desconcentración ou redistribución da poboación en redes de
asentamentos complementarios. A escala é diversa e pódense constatar estudos de
caso a nivel municipal, de pobos e vilas, a nivel das áreas metropolitanas rexionais e
tamén a escala de detalle en parroquias e aldeas. Enfatízanse especialmente as
diferenzas entre a Galicia oriental e a occidental e entre a urbana e a rural. Cabo
destacar o estudo de casos de movementos migratorios internos no sistema de
asentamentos galego e externos coa chegada dos emigrantes retornados entre 1990 e
2005, que en xeral preferiron as localidades urbanas cabeceiras de comarca para
emprazar a súa nova residencia en Galicia.
A nivel de fortalezas dos estudios demográficos galegos pódese destacar o notable
volume de publicacións, as escalas de análises utilizadas que foron variadas, a
comparativa a nivel de comunidades autónomas españolas para os temas de maior
interese como pode ser o das consecuencias do avellentamento, da caída da
natalidade ou do despoboamento en relación aos seus impactos no mercado de
traballo, na educación ou no sistema de saúde. Tamén destaca a escala rexional con
análises globais que complementan os estudos de caso en comarcas, provincias,
municipios concretos ou outros. Tamén ten sido unha fortaleza o debate conceptual a
nivel demográfico para denominar os movementos migratorios de retorno ao medio
rural ou urbano, tanto adxacente ás cidades como cara ao rural máis afastado, e os
seus impactos e características. O estudo do hábitat e das formas tradicionais de
asentamento humano no espazo complementou as visións máis tecnocráticas e
positivistas.
A nivel de debilidades é necesario destacar o excesivo protagonismo que acapara o
estudo histórico da emigración galega cara a América e en menor medida cara a
Europa e os enfoques xeneralistas a partir de estatísticas oficiais. Bótanse en falta
investigacións sobre o retorno dos antigos emigrantes como fenómeno despuntado
tanto a nivel urbano como rural. É un déficit de investigación a procura de enfoques
comparativos a nivel de España, tanto de estudo de casos concretos de pobos, vilas,
cidades, etc., como a nivel de comunidades autónomas. Sería moi interesante
fortalecer liñas de investigación a nivel comparativo internacional sobre temática
demográfica tratando de buscar sinerxias e complementariedades entre investigadores
de diferentes universidades e países. Tamén é unha debilidade o feito de non existir
estudos demográficos prospectivos que, a diferenza do que sucede no ámbito
anglosaxón, permiten anticiparse aos impactos negativos das novas formas de hábitat
humano sobre o territorio, como pode ser a contraurbanización e a suburbanización
planificada fronte á espontánea. Para rematar, é un déficit destacado a escasa
interdisciplinariedade nos estudos e análises, necesítanse visións complementarias
dos fenómenos demográficos a partir do traballo colaborativo de disciplinas afíns como
a Xeografía, a Historia, a Economía ou a Antropoloxía. Podemos interpretar que as
debilidades son produto da presenza dun excesivo corporativismo disciplinar nas
universidades e da falta de tradición nas investigacións comparadas e pormenorizadas
de estudo de caso.
Podemos destacar a produción bibliográfica de investigadores da Universidade de
Santiago, onde se concentra a maior masa crítica científica no tema das ciencias
sociais de Galicia; son destacables as liñas cultivadas respecto ao estudo dos
movementos migratorios, ao avellentamento e o mercado de traballo, os novos
procesos de urbanización e a contraurbanización. Na Universidade de Vigo é
destacable a investigación demográfica en relación coa economía, tanto da emigración
tradicional como dos procesos de masculinización ou caída da fecundidade. Na
Universidade da Coruña destaca a liña sociolóxica centrada no estudo da emigración
clásica ademais doutra máis innovadora que relaciona a arquitectura coa vivenda e
coas migracións.
A expensas da universidade destaca a actividade do Arquivo Galego da Emigración do
Consello da Cultura Galega, que desenvolve unha moi prolífica investigación en
materia demográfica, aínda que coa especialización na análise histórica da emigración
tradicional galega. Son ademais editores da revista científica Estudos Migratorios, que
tivo unha importante difusión e presenza internacional.
En suma, a produción bibliográfica galega en demografía foi numerosa no período
1990-2010 cuns 135 títulos. Obsérvase un excesivo protagonismo dos estudos
históricos da emigración clásica galega cara a América e Europa. Hai liñas de
investigación definidas en temas de avellentamento e economía, migracións e
urbanización e contraurbanización. Requírense enfoques comparados a nivel nacional
e internacional ademais do desenvolvemento de estudo de casos pormenorizados, e é
preciso superar o corporativismo disciplinar favorecendo o traballo complementario de
xeógrafos, economistas, sociólogos, antropólogos e historiadores; así como é
necesario superar o enfoque xeneralista que se sustenta tan só en análise de datos
estatísticos oficiais.
2. A CRISE DEMOGRÁFICA E A TRANSFORMACIÓN RURAL.
A poboación galega tende a unha densificación no corredor occidental que une as
cidades de Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Vigo con respecto á
desertización e abandono de núcleos rurais no interior e espazos de montaña. O
cambio social, cultural, económico e político que está a experimentar Galicia dende o
1970 no contexto do período democrático do sistema político español, xunto coa a
prospección no marco do declive demográfico e do envellecemento actual son
condicións determinantes para caracterizar as súas formas de hábitat e o seu futuro
vital. ¿Cara onde imos os galegos e galegas e que estamos facendo para asegurar o
futuro do noso país? Se quereremos que sexa sostible non podemos manternos
impasibles diante da recesión demográfica e incipiente fuxida dos nosos mozos e
mozas cara o exterior.
Galicia comprende nas súas catro provincias 32.415 entidades singulares de
poboación, que representan o 47% das existentes en España, e tan só o 24% do total
son entidades con núcleo ou poboación agrupada, mentres que o resto carece de
núcleo e ten dispersa a edificación e, polo tanto, a poboación. Este feito é o que
caracteriza e ao mesmo tempo diferenza a Galicia do resto do territorio español. Na
figura 5 (p. 117) pódese observar o mapa de parroquias galegas coa súa
fragmentación e ruralidade extensa segundo a Unión Europea a partir de criterios de
densidade demográfica. Pero ademais se observamos a figura 6 (p. 118), onde se
cartografia o mapa de parroquias de Galicia segundo a sua evolución demográfica,
constatamos como entre 1999 e 2010 existe unha nidia tendencia de perda de
poboación xeral en todo o territorio; quedando en evidencia o abandono e
despoboación rural.
Desde o punto de vista da xeografía o territorio galego é diverso; pódense diferenciar a
Galicia da montaña oriental e a Galicia de relevo máis suave da parte occidental. Polo
que respecta ao clima é posible distinguir en Galicia duas zonas principais; a primeira
que coincide aproximadamente coa rexión do norte do Miño, con frontes atlánticas,
invernos suaves e veráns frescos; e a rexión sur divida á súa vez en dúas sub-rexións,
unha ao oeste de veráns secos e conectada co clima de Portugal, e unha segunda
conectada co clima de matices máis mediterráneos continentais da sub-meseta norte.
Esta diversidade climática e a abundancia da auga fixo aínda máis irregular a paisaxe
e condicionou en boa medida a morfoloxía e distribución e dispersión dos
asentamentos de poboación.
O trazo de dispersión do poboamento e fraccionamento do sistema de asentamentos
característico de Galicia supón para moitos un entorpecemento histórico ao
desenvolvemento, resaltando o maior custo da implantación e mantemento dos
servizos, e referíndose ás esixencias que a industrialización impón en orde á
concentración urbana da poboación. Pero para outros, o hábitat galego cumpriu ata
agora unha función insubstituíble e o medio rural resístese obstinadamente a deixar de
selo, sinalando que o balance de beneficios e desvantaxes da dispersión, para os
efectos dos modos de vida, constitúe un tema polémico que está por elucidar. O que
parece ben claro é que no contexto da recesión demográfica en Galicia temos espazos
con poboación nova, altas taxas de natalidade e claros trazos de vitalidade que á súa
vez conviven com outros espazos altamente avellentados e recesivos.
Polo tanto desde o punto de vista da xeografía da poboación os galegos temos vivido
tradicionalmente nun país rural e en declive vital. As principais cidades galegas da
Coruña e Vigo desenvolvéronse por factores esóxenos ao próprio territorio, aínda que
apoiadas nos recursos e posibilidades da costa galega. As actividades relacionadas co
mar foron o motor do crecemento urbano. Vigo constitúe o caso máis elocuente. Esta
cidade que a principios do século XX apenas superaba os 20.000 habitantes alcanzou
os 230.000 en 1974 ou os máis de 350.000 da actualidade, pasou a constituírse como
a cidade máis dinámica de Galicia. A orixe deste espectacular desenvolvemento, ao
igual có doutras grandes cidades, estivo vinculada coa pesca e a súa evolución
realizouse á marxe das atividades agrarias propias do medio rural; exceptúanse certas
bisbarras costeiras que se viron favorecidas pola proximidade dos mercados urbanos.
Como contraste, as cidades interiores (Lugo, Ourense, Santiago de Compostela)
aparecen como verdadeiras illas no medio de extensas áreas rurais. Os estudosos do
sistema actual de asentamentos galego coinciden en afirmar que o gran problema da
urbanización galega radicou na práctica inexistencia de núcleos intermedios que
servisen de vínculo entre as cidades e os pobos ou vilas, xa que soamente hai catro
cunha poboación comprendida entre os 15.000 e 50.000 habitantes.
Nas últimas décadas estanse a producir unha serie de transformacións no rural
galego, principalmente en dous aspectos: son promovidas e aparecen novas
edificacións con estilos variados, e os camiños rurais convértense en estradas
asfaltadas. Ao mesmo tempo hai unha maior uniformidade xa que os materiais de
construción «in situ» (lousas e tellas), son substituídos polo que pode bautizarse como
a «revolución do ladrillo e do cemento». A vivenda tende a ser soamente cuarto
humano, quedando disociadas as cortes e os usos agrícolas. Estas construcións
recentes inflúen na distribución da poboación, xa que se distribúen de forma anárquica
polo territorio, moitas veces apartadas das aldeas, e en numerosas ocasións estas
vivendas illadas funcionan como lugares de segunda residencia. As causas polas que
xorden estes cambios relaciónanse coa estrutura económica, que experimenta un
crecemento importante nos sectores secundario e terciario. A sociedade galega deixa
de ser unha sociedade agraria; o 92% da súa poboación activa vincúlase cos servizos
e coa industria (segundo a Enquisa de Poboación Activa 2012 do Instituto Nacional de
Estatística). Desta forma redúcese o número de campesiños e isto consecuentemente
incide no hábitat galego tradicional e na aparición de novos procesos de urbanización
e desagrarización que transforman os estilos de vida locais a partir de mestizaxes
rural-urbanos. Por outra banda, nestas transformacións acontecidas tamén destaca o
feito de que na periferia das cidades o turismo e a crecente mobilidade xeográfica dos
propios galegos está a crear novos asentamentos en lugares deshabitados e novas
construcións como chalets, casas rurais rehabilitadas e grandes bloques de
apartamentos para o aloxamento dos visitantes e novos veciños. Hoxe en día as casas
e edificacións proliferan seguindo as principais vías de comunicación, formando
diversos asentamentos lineais nas proximidades de cidades, vilas e pobos galegos;
coincidindo á súa vez co abandono de centos de aldeas e parroquias da Galicia rural
do interior, onde os últimos anciáns residentes afrontan o que será tamén a última
etapa dunha sociedade tradicional practicamente en proceso de desaparición.
Asistimos a un crecente proceso de desaparición, fragmentación e dispersión de
antigos e novos asentamentos e dos seus habitantes e á descomposición definitiva
dun mundo rural tradicional que durante séculos foi o sinal de identidade colectiva dos
galegos.
Neste contexto de transformacións rurais, desagrarización e desenvolvemento dos
servizos acontece en Galicia unha tendencia de constante retroceso da fecundidade,
un incremento da esperanza de vida e un avellentamento demográfico xeral; ata o
punto de que actualmente por termo medio as mulleres en Galicia apenas teñen un
fillo durante toda a súa vida e os galegos podemos esperar vivir máis de 80 anos. Nas
figuras 1 e 2 pódese observar como o mapa de concellos de Galicia tende cara á
representación cartografica dun territorio ocupado por altas taxas de persoas maiores
de 65 anos nun contexto de recesión e perda demográfica xeral. Podemos observar
que destacan como illas dinámicas capaces de incrementar a súa poboación os
concellos das cidades e vilas máis grandes e dos seus adxacentes. Asistimos polo
tanto a un escenario de vitalidade demográfica urbana e suburbana e de recesión
demográfica e avellentamento no medio rural interior e de montaña máis afastado.
3. A TRANSFORMACIÓN DE GALICIA NO CONTEXTO DA EUROPA
ATLÁNTICA.
O período 1960-2000 conforma unha fase histórica de cambio e transformación social
e territorial en Galicia. Foi durante este período cando Galicia comeza a superar o
illamento xeográfico, o centralismo do Estado e as tendencias emigratorias cara ás
cidades industriais españolas, europeas e americanas. E isto estivo en
correspondencia co feito transcendental de que neste mesmo período Galicia asume a
democratización social e política, conseguiu un parlamento propio, entrou e
beneficiouse das políticas estruturais de desenvolvemento da Unión Europea e
comezaron a regresar a súa orixe milleiros de antigos emigrantes. A década do 1960-
1970 coincide co período final do franquismo, a falla de democracia e o chamado
«desarrollismo español» que canalizou a emigración de moitos galegos cara a Madrid,
Barcelona e Bilbao, onde se concentraban as actividades industriais de capital público
promovidas polas políticas do momento.
O país galego encádrase na periféria das fisterras atlánticsa europeas que transmitiron
tradicionalmente unha imaxe de atraso e ruralidade, moi enfatizada na literatura
internacional e autóctona. Esta imaxe hoxe en día deixou de ser real, xa que tivo lugar
un significativo e importante proceso de modernización e racionalización das
actividades agrarias, o crecemento do emprego industrial e, sobre todo, nos servicios,
e a proliferación de novas formas de urbanización. A dispersión da poboación xa non é
un argumento válido de ruralidade e os sistemas agrarios arcaicos son unha rémora
do pasado. Nestes anos moitas familias de orixe urbano foron vivir ao campo,
concretamente fóronse asentando na periferia das súas principais cidades, vilas e
determinados pobos cabeceira de municipio ou comarca, suscitando avantaxes e
problemas no contexto dunha diversificación social e do xurdimento de novas
posibilidades de vida entre os membros das comunidades locais receptoras. A
homoxeneidade social, o despoboamento, a emigración, o illamento e incomunicación,
as economías familiares agrarias de subsistencia, etc., características propias das
comunidades rurais tradicionais, tenden a desaparecer ou a difuminarse en favor
dunha maior heteroxeneidade social, novo poboamento, inmigración, universalización
do automóbil particular, mellora das comunicacións e multiplicación das economías
familiares mixtas, nas novas comunidades rurais e urbanas galegas. A urbanización do
campo configurouse como un proceso de gran envergadura e pegada na xeografía do
noso país durante as últimas décadas do século XX.
Neste período de 1960 ao 2000 xurdiron certas tendencias non suficientemente
previstas cara a un desenvolvemento territorial. Así temos que subliñar a creación da
Gran Área de Expansión Industrial de Galicia (GAEIG) e os proxectos de SODIGA
para evitar a concentración industrial, o que manifesta o interés do poder público por
contrarrestar os intereses da empresa privada. Aínda así existen fortes desequilibrios
territoriais; as comarcas orientais e noroccidentais galegas, Os Ancares, O Courel,
Monterroso, A Limia, Fisterra,..., tradicionalmente foron as áreas marxinais e pobres. A
emigración, o illamento, a falta de oportunidades de vida foron unha constante no seu
devir histórico, e a escasa industria galega foise concentrando nas principais cidades
do corredor Atlántico occidental: Ferrol, A Coruña e Vigo. Durante as décadas dos
anos oitenta e noventa do século XX apareceron tendencias de signo contrario.
Prodúcese un desenvolvemento territorial máis equilibrado coa aparición dun modelo
de desenvolvemento endóxeno que intenta aproveitar os propios recursos.
Desapareceron as políticas concentradoras da industria en determinadas comarcas e
cidades occidentais, os polos de crecemento, potenciándose o investimento
descentralizado; sen embargo esta valiosa tendencia non foi planeada senón que tivo
un carácter netamente espontáneo. Isto sucede, en gran medida, porque non existíu
un verdadeiro Plano Estratéxico de Desenvolvemento Territorial para Galicia, artellado
en unidades territoriais con competencias de seu, como deben ser as divisións
subrexionais entendidas como áreas homoxéneas de planeamento (comarcas).
Tampouco existe un nidio sistema de asentamentos xerarquizado que valore o
protagonismo comunitario das parroquias, como ocorre noutras rexións da Europa
Atlántica, como poden ser Portugal, Gales e Inglaterra. Hai que ter moi presente que
en Galicia nunca se acometeu con rigor unha ordenación xearquizada do seu denso e
rico sistema de asentamentos. En Irlanda tal experiencia foi acometida a comezos do
século XX, ao tempo que se realizaba a concentración parcelaria que ía parella a
aplicación dun plan de ordenación dos sistemas de asentamentos rurais, evitándose
con isto, en boa medida, que as fincas rústicas se transformasen en solares para
edificar sen control, como ocorre en Galicia.
Nestas décadas de finais do século XX quedou paralizada, en gran medida, a
emigración exterior diante das dificultades dos países receptores, que xa non ofrecían
posibilidades de encontrar emprego como no pasado. Neses anos xurdiu unha
descoñecida corrente inmigratoria formada por antigos emigrantes que retornaban á
súa orixe. A emigración de retorno é frecuente noutras rexións da fisterra atlántica
europea, Escocia, a Bretaña ou Cornwall, ó igual que o foi o éxodo. Non debemos
esquecer que o futuro crecemento demográfico en Galicia dependerá da súa
capacidade de frear o éxodo e de atraer aos emigrantes retornados. Actualmente, o
elevado envellecemento da sociedade galega e a caída da natalidade evidencian a
incapacidade real de asegurar o relevo xeracional.
As áreas rurais de natureza marxinal, aquelas onde a agricultura de
autoabastecemento é a actividade básica das familias de campesiños, que practican
unha agricultura de baixo rendemento, e onde a emigración é a tónica dominante na
súa evolución demográfica, están quedando relegadas a localizacións moi afastadas
das cidades. Pero, ademáis, os grandes centros urbanos comezaron a deixar de ser
os polos de atracción exclusivos de poboación e recursos. As áreas rurais periurbanas
e as vilas e pequenas cidades experimentaron un novo rexurdimento nas últimas
décadas e localízanse xeograficamente entre os centros urbanos e as áreas rurais
marxinais. Os factores máis significativos que favoreceron a recuperación demográfica
e socioeconómica nestas áreas urbanas e periurbanas galegas pódense sintetizar nos
seguintes:
1. As tendencias cara á desconcentración demográfica en relación co cambio
de sentido dos movementos migratorios rural-urbanos, e á capacidade das áreas
periurbanas e vilas de atraeren poboación que procuran un novo estilo de vida,
proximidade aos servizos de saúde ou educativos ou simplemente vivendas
máis baratas que na cidade.
2. O incremento da capacidade de mobilidade espacial da poboación e o
desenvolvemento das tecnoloxías da información e telecomunicacións, en
relación coa universalización do automóbil particular e a mellora das
comunicacións. O que permite desvincular o lugar de residencia do de traballo, e
a fluidez e intercambio de información e coñecementos entre os asentamentos
urbanos e rurais, sen ter en conta a súa xerarquía.
3. A industrialización rural, que ofrece novas posibilidades de vida a aquelas
persoas que tradicionalmente se encontraban subocupadas no sector agrario e
predestinadas á emigración. En calquera caso é unha industria rural dependente
ou auxiliar da urbana.
4. A paralización da emigración cara ás cidades debido a que os centros urbanos
industriais xa non ofrecen posibilidades de atopar emprego e mellorar a calidade
de vida como no pasado.
5. A emigración de retorno que significa a chegada de persoas e familias que se
asentan na periferia de cidades e vilas tras pasar parte da súa vida nas cidades
industriais.
6. O desenvolvemento dos servicios públicos e privados e a súa
descentralización territorial, que está a xeneralizar a universalización social no
acceso á educación, sanidade, comercio, etc.
4. O DESPOBOAMENTO RURAL E O DESENVOLVEMENTO DA PERIFERIA
URBANA.
Actualmente as principais aglomeracións urbanas de Galicia deixaron de ser os polos
de atracción exclusivos dos fluxos migratorios; determinados espazos e asentamentos
da súa periferia inmediata son capaces de atraer novos residentes nun maior número,
sendo na súa maioría familias mozas que abandonan o centro da cidade ou a aldea.
Buscan vivendas máis baratas e, en moitos casos, un estilo de vida diferente nun
ambiente máis tranquilo e ata ás veces menos urbano. Asistimos á conformación de
espazos e asentamentos suburbanos como transición entre o campo e a cidade.
No período 1990-2012 as sete grandes cidades galegas, A Coruña, Vigo, Santiago,
Ferrol, Ourense, Pontevedra e Lugo, coñeceron momentos netamente recesivos con
perda de poboación intercensal na Coruña, Santiago, Vigo e Ferrol entre 1991 e 2001
e, en xeral unha recuperación posterior entre 2001 e 2010, cando de novo case todas
elas son capaces de experimentar novos crecementos (en torno ao 1,5%). Cómpre
destacar que en todo o período de estudo, 1990-2012 de forma reiterada, corresponde
a maior vitalidade demográfica aos municipios da periferia inmediata das principais
cidades galegas; son os municipios periurbanos da Coruña, como Arteixo, Oleiros,
Cambre, e Culleredo; ou de Santiago, como Ames, Teo, Oroso, e Brión; de Vigo como
Nigrán, Tomiño, Gondomar ou Baiona; ou en Ourense, o municipio de San Cibrao dás
Viñas. Todos eles chegan a superar taxas de crecemento superiores ao 3%. Tamén é
destacable o crecemento dos municipios de tamaño intermedio con importantes vilas
ou pequenas cidades que exercen de capitais de comarca, como poden ser Ordes,
Boiro, Ribeira, Carballo, Narón, Melide e Arzúa na provincia da Coruña; Xove,
Chantada, Monforte, Ribadeo, Sarria ou Vilalba en Lugo; ou O Barco de Valdeorras,
Verín, Xinzo da Limia, ou Carballiño e Rivadavia en Ourense; e Lalín, A Estrada,
Silleda, Baiona ou Ponteareas en Pontevedra. Estes feitos permítennos afirmar que os
movementos migratorios rural-urbanos xa non se concentran nas principais cidades
galegas e que se constata un crecemento moi significativo de vilas, pobos e
determinados asentamentos rurais próximos ás cidades. O desenvolvemento do
potencial endóxeno dunha industria puxante relacionada cos recursos locais permite
comprender o proceso de crecemento de asentamentos cabeceira de comarca rural
como Lalín en relación ao téxtil, ou O Barco en relación coa industria da lousa, A
Estrada en relación co moble, etc. Pero a deslocalización residencial con fluxos
demográficos desde a aldea ou desde a cidade cara á vila cabeceira de comarca ou
área suburbana próxima á cidade convértense nos movementos demográficos
dominantes no territorio.
Por outra banda, se nos detemos a examinar a evolución da mobilidade natural da
poboación dos municipios periféricos suburbanos, de novo xorden evidencias da súa
vitalidade demográfica e social fronte aos municipios máis urbanizados que,
actualmente, xa non teñen asegurado a substitución xeracional. A tendencia durante
os últimos anos foi de aumento da mortalidade e descenso da natalidade, o que se
enmarca na dinámica natural do conxunto da sociedade galega en relación co seu
elevado grao de avellentamento. A Galicia oriental e do interior oponse á Galicia
occidental e próxima á costa, a primeira moi envellecida e incapaz de asegurar a
substitución xeracional con taxas municipais de natalidade por baixo do 7 por mil e de
mortalidade por encima do 15 por mil. Fronte a isto, os municipios suburbanos da
periferia das cidades galegas posúen as maiores taxas de natalidade, en relación
directa co perfil novo dos seus habitantes; son os municipios da periferia inmediata
das cidades de Santiago, caso de Ames, ou da Coruña, caso de Cambre, os que
presentan as maiores taxas de natalidade, por enriba do 13 por mil.
O feito de que nos municipios periféricos suburbanos falezan máis persoas das que
nacen e con todo presenten as maiores taxas de crecemento demográfico, pon de
relevo a dimensión alcanzada polo fluxo inmigratorio que se dirixiu a estes lugares
para fixar a súa residencia. Esta corrente inmigratoria cara aos municipios periféricos
desbordou as tradicionais correntes inmigratorias que se dirixían ás cidades. Podemos
afirmar que as cidades deixaron de ser os exclusivos polos de atracción dos
movementos migratorios. Pero a suburbanización como fenómeno demográfico con
forte impacto territorial non foi planeada, e as persoas que deciden cambiar a súa
residencia, na cidade ou no campo, por outra na periferia suburbana fano máis por
iniciativa propia ao verse atraídos por un mercado da vivenda máis asequible, novos
estilo de vida ou polas facilidades de mobilidade xeográfica que permiten as redes de
estradas e autoestradas ou a universalización do automóbil particular ou a extensión
das redes públicas de transporte colectivo. Con todo, podemos observar a
descoordinación en materia de planificación territorial, a nivel demográfico ou
urbanístico, que está creando conflitos entre as autoridades políticas dos municipios
das cidades e os da súa periferia. Como cada un ten competencias propias en
planificación urbanística e políticas sociais constátanse intereses contrapostos; os
municipios periféricos adoitan ser máis permisivos no control da edificación, adoitan
ofertar chan máis barato, taxas impositivas máis reducidas, etc., mentres que non
contan cos servizos de atención social das cidades. Como na periferia da cidade
danse as circunstancias apropiadas para a especulación e a inxustiza social, podemos
preguntarnos se a suburbanización en Galicia é realmente prevista ou planeada e a
quen corresponde tal actividade.
As tendencias do crecemento natural en Galicia viraron en torno ao declive
demográfico xeneralizado. Entre 1990 e 2012 a recesión foi incrementándose, produto
do avellentamento e da incapacidade para asegurar a substitución xeracional. Tan só
se poden citar como auténticas illas de vitalidade natural casos concretos de
municipios na periferia inmediata das cidades máis importantes; como Culleredo e
Cambre na Coruña, Ames en Santiago de Compostela e Poio en Pontevedra. Só se
constatan taxas de natalidade por riba do 8 por mil nos municipios das cidades e na
súa periferia inmediata ademais de en cabeceira comarcal como no caso de Verín,
Xinzo de Limia, ou O Barco etc.
A suburbanización xurdiu na década de entre 1970-1980 ao beneficiarse da tendencia
cara á desconcentración demográfica das cidades pero adquire especial vigor e
transcendencia a partir de 1990. Neses anos os fluxos migratorios desconcentradores
estiveron compostos na súa maioría por familias novas e adultas en plena fase de
maior vitalidade, que posuíron a suficiente solvencia económica para adquirir en
propiedade a súa vivenda ou promover a súa construción. Os novos habitantes
suburbanos impulsaron unha transformación social e económica na periferia da
cidade. O predominio das actividades agrarias de natureza industrial e a agricultura
tradicional cedeu ante o crecemento do sector servizos, converténdose na actividade
básica da poboación residente; servizos que na súa maioría localízanse na cidade
próxima á cal acoden diariamente a ocupar o seu posto de traballo os residentes
suburbanos. En xeral, as familias da periferia da cidade posúen a suficiente mobilidade
para desprazarse libremente, en relación coa universalización do automóbil particular
e melloras das vías de comunicación. Ademais, tamén cambiou a composición social
destas comunidades, nas cales os grupos sociais de maior cualificación profesional e
poder adquisitivo adquiren protagonismo nas institucións políticas e vida social e
cultural local. Comezaron a despuntar convivencias e conflitos entre os novos
residentes recentemente chegados, alóctonos, e os residentes de orixe ou autóctonos.
Todos eles comezaron a convivir en colexios e institucións locais e a compartir
espazos e equipamentos. Desenvolveuse unha diversidade social e cultural sobre un
medio rural orixinal creando un novo escenario suburbano.
A permisividade das políticas de control urbanístico nos concellos suburbanos,
interesada ou desinteresadamente, a falta de coordinación entre municipios sobre as
políticas urbanísticas ou doutro tipo, como poden ser as de características sociais ou
culturais, e as preferencias por vivir fóra da cidade, actuaron como factores de
atracción dos novos residentes nos municipios da periferia das cidades. Estas persoas
optan pola vivenda unifamiliar illada no campo, ben de promoción particular ou
formando parte de urbanizacións privadas de calidade con servizos privados. Pero,
tamén, o desenvolvemento urbanístico suburbano non foi alleo a procesos de
edificación de vivendas multifamiliares en determinados núcleos rurais tradicionais ou
de nova creación, pero emprazándose case sempre nos bordos das principais vías de
comunicación. A disposición de edificios de diferentes volumes en fileiras nunha ou
ambas marxes das estradas, tanto de pisos e apartamentos, casas rurais tradicionais
ou vivendas unifamiliares con xardín, é un trazo morfolóxico propio dos novos espazos
rurais galegos da periferia da cidade.
Por outra banda, o fluxo inmigratorio levou consigo transformacións na estrutura do
emprego das comunidades receptoras, é dicir nos municipios adxacentes aos das
principais cidades galegas. Na provincia da Coruña estes municipios da periferia no
período 1991-2001 coñeceron un crecemento desorbitado do emprego no sector
servizos e, en menor medida, na industria e a construción; as actividades relacionadas
coa agricultura, a gandería ou a pesca reduciron o número de persoas ocupadas en
máis de 2.000, ao mesmo tempo cós servizos incrementábanas en máis de 6.000, as
manufacturas nunhas 800 e a construción en máis de 1.000. Na actualidade,
prácticamente a metade da poboación ocupada atópase vinculada ao sector terciario
ou de servizos. Produciuse un trasvase de man de obra agraria aos demais sectores
de actividade, o cal levou consigo, sen dúbida, cambios socioeconómicos, novos
estilos de vida, mentalidades, aspiracións, etc.
A suburbanización xerou un crecemento demográfico nos espazos periféricos das
cidades a costa destas últimas, impulsando unha transformación social e económica
que se traduce na diversificación funcional e social. Nos espazos periféricos das
cidades galegas desenvolvéronse as economías mixtas entre as familias autóctonas,
combinando os labores na explotación agraria co traballo asalariado, e todo iso
acompañado dunha gran diversificación social xa que os novos residentes que
chegaron son de diferente condición social e económica respecto dos veciños
autóctonos. Pero, ¿que implicacións trae consigo a suburbanización para aqueles
espazos rurais máis afastados das cidades? Podemos interpretar que o abandono e
retroceso da terra cultivada e a proliferación do monte e da masa forestal está
intimamente ligado ao despoboamento rural e ao avellentamento demográfico. Ata
podemos reflexionar sobre a extensión da suburbanización e a rápida proliferación dos
bosques de eucaliptos e do fenómeno dos incendios forestais. Non debemos obviar o
feito de que a presión urbanística na periferia de cidades, nas vilas e nos pobos de
Galicia se fixo sobre terras de concentración parcelaria que perderon a súa orientación
agraria; deixaron de ter valor de uso para ter valor de cambio; é dicir, deixaron de ser
espazos agrarios en rendimento para converterse en solares para edificar e especular
no mercado inmobiliario.
O desenvolvemento demográfico e urbanístico suburbano galego prodúcese tanto de
forma concentrada en pequenos núcleos como de forma dispersa no campo. As
cidades gelagas tenden a quedar relegadas do seu tradicional papel de focos
centralizadores dos fluxos migratorios fronte a este tipo de espazos da súa periferia
inmediata. Despunta un fluxo de desconcentración da poboación en relación directa
cun éxodo migratorio urbano, formado maioritariamente por familias que deciden
establecer a súa residencia en asentamentos periféricos. Estas persoas buscan
vivendas a mellor prezo, unha nova forma de vida en vivendas unifamiliares no campo
ou en vivendas colectivas ou doutro tipo en pequenos núcleos urbanos próximos á
cidade. As áreas rurais localizadas na periferia das cidades preséntanse como as de
maiores perspectivas de crecemento demográfico e presión urbanística. É por iso que
en Galicia as áreas periféricas das cidades requiren unha atención especial en materia
de planificación territorial e social.
A distribución das taxas de migración neta por municipios reflicte que entre 1990 e
2012 foron os municipios da periferia das principais cidades xunto con aqueles de
carácter rural con cabeceira capital, tipo vila, pobo ou pequena cidade, os que se
mostraron como receptores netos de inmigrantes, que pasan a converterse en novos
veciños. Destacan pola súa vitalidade os municipios de Ames, Teo e Brión na periferia
da cidade de Santiago de Compostela; Arteixo, Culleredo e Cambre, entre outros, na
periferia da cidade da Coruña, ou As Viñas e Maceda na periferia da cidade de
Ourense, ou Narón en Ferrol; nalgún deles chegan a ter taxas superiores ao 10 por
mil.
As vilas, pobos e pequenas cidades tamén foron protagonistas da desconcentración
dos fluxos migratorios que neste período de fin de século deixaron de concentrarse
nas grandes cidades galegas. Podemos destacar a gran capacidade de atracción, no
período 1991-1995 superior aos 10 novos residentes por cada mil habitantes en
municipios cabeceira de comarca rural como poden ser Betanzos, Ponteareas, Laxe,
Melide, O Carballiño, Verín, O Barco, Sarria, Ribadavia, Xinzo dá Limia, etc. Esta
tendencia de redistribución dos movementos migratorios cara a municipios rurais
coincidiu cunha tendencia recesiva nas cidades de Santiago, Ferrol e A Coruña, que
no período 2001-2004 mostraban taxas migratorias recesivas. Tamén é destacable o
feito de que se constata a capacidade de atracción de municipios netamente rurais do
interior de Galicia, como pode ser Monterroso, capital dunha comarca agraria na
provincia de Lugo. O desenvolvemento agro-gandeiro, vinculado á industria do leite,
coa superación do minifundismo empresarial, a mellora dos medios de comunicación,
o retorno de capital con orixe na emigración de outrora, a potenciación dos servizos
públicos de sanidade, educación, e outros no medio rural, entre outros factores,
contribuíron á devandita redistribución dos fluxos migratorios, deixaron de
concentrarse en exclusiva nas principais cidades galegas.
En canto ao fluxo migratorio negativo e á súa distribución a nivel municipal, pódese
destacar que tiveron especial incidencia nos municipios do interior de Galicia,
naqueles máis afastados das principais cidades, en áreas de montaña nas serras
orientais galegas e tamén nos municipios illados das comarcas noroccidentais da
Costa da Morte. En xeral no período 1990-2010, Galicia no seu conxunto foi capaz de
atraer un fluxo descoñecido de inmigración, a maioría de emigrantes retornados desde
as grandes áreas metropolitanas de cidades latinoamericanas e europeas,
especialmente de Arxentina, Venezuela, Gran Bretaña, Suiza e Alemaña; en menor
medida de Madrid, Bilbao e Barcelona. O éxodo emigratorio de galegos cara ao
exterior centrouse particularmente nun fluxo de mozos cara ás Canarias para traballar
varios meses ao ano no sector da construción, que á súa vez era un sector impulsado
por capital e empresas de orixe galega; así como nas novas mobilidades vinculadas á
aprendizaxe de idiomas ou á procura de postos de traballo cualificados. O éxodo rural
galego de escasa cualificación que emigra por necesidade vital deixou de existir. Estes
movementos emigratorios estanse a acelerar actualmente no contexto da crise
económica española e galega (2007-2013), aínda que para comezar a tirar
conclusións acerca da súa dimensión aínda se requiren series de datos con maior
amplitude cronolóxica. Estes recentes fluxos emigratorios de mozos e adultos en idade
laboral previsiblemente de non retornar poderían chegar a condicionar negativamente
as taxas de fecundidade e o avellentamento demográfico xeral; sen embargo, tamén
cabe pensar que as mobilidades migratorias actuais dos galegos son diferentes ás do
pasado, pois os movementos de viaxeiros por avión e as compañías aéreas de baixo
custe facilitan rápidos e económicos movementos entre países e cidades.
Respecto da presenza de poboación estranxeira en Galicia hai que dicir que nunca ten
sido numerosa; nos momentos álxidos da mesma nos anos 2000-2010 chegou a
acadar unha cifra arredor dos 100.000 en total. Hai que ter en conta que pola súa
situación xeográfica, Galicia atópase excéntrica respecto de os fluxos de inmigración
que chegaron a España entre 1990 e 2005. A observación dos mapas de distribución
de estranxeiros por municipios revelan un proceso de concentración nas principais
cidades galegas, pois no 2005 son os seus municipios os que teñen máis de 1.000
estranxeiros contabilizados; en menor medida tamén destacan os municipios da
periferia inmediata das cidades, caso de Ames e Arteixo, xunto con casos de pobos no
interior como pode ser O Barco de Valdeorras, co que foi a súa puxante industria da
lousa, e Verín coa súa industria agraria e téxtil. En menor medida tamén se constata
unha presenza de estranxeiros en municipios cabeceira de comarca rural que nos
últimos anos experimentaron un importante desenvolvemento como centros de
servizos. A comparación dos mapas de poboación estranxeira de 1996, 2001 e 2005
mostra a incidencia dun proceso de desconcentración en canto á súa localización
xeográfica; de 1996 a 2005 obsérvase como se reduce considerablemente o número
de municipios sen estranxeiros; quedando practicamente alleos aqueles casos máis
illados en zonas de montaña. É destacable o feito de que hoxe en día a gran maioría
de municipios galegos contan con estranxeiros censados.
5. OS NOVOS MOZOS SUBURBANOS.
O crecemento demográfico e o fluxo migratorio cambiaron os perfís socioeconómicos
dos municipios onde se desenvolveu a suburbanización. Estes espazos localizados na
periferia inmediata das grandes aglomeracións urbanas convertéronse nos de maior
vitalidade demográfica. O fluxo migratorio conseguiu situar as taxas de crecemento
destes municipios periféricos a un nivel maior cós municipios propiamente urbanos:
155 novos habitantes por cada 1.000 fronte aos 58 por cada 1.000 entre 1991 e 2005.
As taxas de masculinidade revelan un cambio importante na composición por sexos da
poboación suburbana. O incremento do número de homes por cada 100 mulleres, que
pasaron de 93 a 95, debe relacionarse directamente co fluxo inmigratorio tendo en
conta que o descenso da natalidade e a tendencia ao avellentamento demográfico
repercutirían necesariamente nun descenso do número de homes. O incremento
proporcional do número de persoas nos grupos de idades de maior vitalidade
demográfica, social e económica con idades comprendidas entre os 16 e 64 anos,
tamén se pode relacionar co fluxo inmigratorio. O forte crecemento demográfico, a
maior densidade de poboación (237 hab./Km2 no 1991), o incremento da proporción do
número de homes sobre o das mulleres, o forte incremento da poboación en idade de
traballar, unido ao importante fluxo inmigratorio, son síntomas manifestos de vitalidade
demográfica na periferia das principais cidades galegas.
Existen datos que mostran nidiamente a gran presenza de mozos nas poboacións
residentes na periferia. En Galicia existen municipios na periferia das cidades cun 20%
de mozos menores de 15 anos con respecto á poboación total residente, é o caso de
Ames na periferia inmediata da cidade de Santiago de Compostela. En Santiago, esta
cohorte de menos de 15 anos é do 15%. Un caso similar obsérvase no municipio de
Cambre, na periferia da cidade da Coruña, que conta cun 18,5% e un 14% de mozos
menores de 15 anos respectivamente.
Os municipios periféricos das áreas de influenza urbana da Coruña e Santiago de
Compostela son os de maior dinamismo demográfico. As cidades da Coruña e
Santiago mostran tendencias de esgotamento e perden habitantes (datos dos padróns
municipais de 1996 e 2001), e localidades como Cambre, Oleiros, Ames e Oroso
crecen extraordinariamente. Ademais, as maiores taxas de natalidade están entre as
poboacións novas suburbanas das áreas de influenza das cidades. Ames e Cambre
teñen as maiores taxas de natalidade de Galicia. No caso de Ferrol existe un
comportamento distinto ao da Coruña e Santiago. Narón foi durante os anos oitenta o
municipio que medraba na área urbana de Ferrol. Os datos recentes mostran que
Narón está a entrar tamén na senda da recesión e esta é a tónica dominante global. A
crise económica local da comarca tradúcese nunha recesión demográfica. Con todo, a
recesión relaciónase máis coa baixa natalidade, que é a máis baixa das áreas urbanas
galegas, e coa alta mortalidade, que coa fuxida dos seus propios cidadáns residentes,
pois os movementos migratorios están paralizados.
Os mozos que viven na periferia da cidade non se concentran nun só núcleo de
poboación, como sucedería nunha cidade, senón que os seus domicilios distribúense
de forma desconcentrada en numerosos entidades habitadas como pequenas aldeas
diseminadas, urbanizacións privadas dispersas no campo, núcleos urbanos de pisos
que funcionan como pequenas vilas dormitorio e ata vivendas illadas en pleno campo.
Os mozos da periferia da cidade deben realizar desprazamentos frecuentes para o
normal desenvolvemento da súa vida diaria. Atópanse co problema dos medios de
transporte: o público é deficiente e pouco frecuente e dependen cada vez máis do
automóbil particular e dos seus pais. En Galicia non existen políticas de transporte
suburbano que puidesen coordinar os servizos da cidade cos da súa periferia.
As actividades sociais e os programas para a mocidade na cidade e na periferia
suburbana son moi dispares e desequilibrados. Os programas de atención xuvenil
ofertados proceden das institucións locais, é dicir dos concellos, das O.N.G.s. e das
distintas asociacións privadas. A oferta é variada e van desde actividades de apoio
escolar, animación á lectura, talleres ocupacionais, xogos, actividades deportivas,
culturais e actividades de protección a mozos inmigrantes, de integración de mozos
marxinados, etc. Con todo, a atención social á mocidade concéntrase na cidade que é
onde existen máis recursos e onde existen redes de asociacións privadas e están
implantadas todas as O.N.G.s. Nos municipios suburbanos os concellos non contan
con recursos equiparables aos da cidade. Hai que ter en conta que estes municipios,
que no caso de Galicia non superan os 25.000 habitantes, coñecen un rápido
crecemento demográfico sen previsión das necesidades sociais que xera. Asistimos,
por tanto, a unha aparente contradición no contexto xeral da crise demográfica de
Galicia, ao convivir dúas dinámicas contrapostas a nivel territorial. Temos ante nós
unha demografía caracterizada por un dinamismo urbano e unha regresión rural.
Os programas sociais para a mocidade son moi accesibles para aqueles que viven na
cidade ou no centro urbano, que é onde se ofertan máis actividades, hai maior
proximidade e non é necesario facer desprazamentos longos. A oferta urbana é máis
diversa e adecúase máis ás necesidades individuais (horarios, economía,
preferencias, etc.). As actividades están pensadas para levarse a cabo nun espazo
concreto. Por exemplo, un concello organiza actividades centralizadas en locais moi
concretos na cidade, esquecéndose dos mozos que viven en barrios ou no medio
rural. O mesmo ocorre nas localidades suburbanas, onde, ademáis, a poboación está
máis dispersa e as actividades normalmente non se levan ás parroquias ou aldeas,
quedando desatendidos moitos dos mozos residentes. Actualmente estase debatendo
entre os profesionais dos servizos sociais galegos a posibilidade de utilizar como
locais sociais as antigas escolas unitarias de parroquia ou as instalacións dos
«teleclubs» coa finalidade de dar dinamismo social á periferia suburbana e rural. Os
«teleclubs» foron unha iniciativa social levada a cabo polas autoridades municipais nos
anos 1960-80, a través da cal dotábase ao medio rural duns locais públicos onde se
desenvolvían actividades de interese comunitario. Estes «teleclubs»
caeron en desuso moi pronto e hoxe en día están case abandonados. As políticas de
inclusión social en relación coa demografía deberían ter presente as necesidades dos
novos mozos suburbanos galegos; pois non podemos asumir nin política nin
socialmente que o declive demográfico sexa xeral en todo o territorio galego.
Entre o 1991 e o 2013 o avellentamento demográfico en Galicia xeralizouse na
práctica totalidade dos seus municipios, o cal está en consonancia coa súa
incapacidade para asegurar a substitución xeracional e as moi baixas taxas de
natalidade. Se comparamos os mapas de 1990 e de 2010 pódese comprobar como a
presenza de cohortes de mozos foise reducindo paulatinamente ata tan só poder
destacar nos casos dos municipios da periferia das cidades e, en menor medida, nas
propias cidades. Tamén é destacable que no contexto do avellentamento xeral, son os
municipios próximos ao litoral os que mostran maior vitalidade e grao de mocidade.
Pola contra, é a provincia de Ourense a que presenta o maior número de municipios
con porcentaxes de poboación menor de 15 anos inferiores ao 6%, coincidindo cun
dominio absorbente de vellos e adultos-vellos.
En denifitiva, no período 1990-2013 evidénciase en Galicia un proceso de
redistribución dos fluxos migratorios interiores en relación con importantes cambios
demográficos e territoriais. Actualmente as cidades galegas comezaron a deixar de ser
os polos de atracción exclusivos dos fluxos migratorios. Determinados espazos da súa
periferia inmediata son capaces de atraer novos residentes nun maior número, sendo
na súa maioría familias mozas que abandonan o centro da cidade ou a parroquia rural.
Buscan vivendas máis baratas e, en moitos casos, un estilo de vida diferente nun
ambiente, en principio, máis tranquilo. O crecemento das vilas cabeceiras de comarca
ou municipio débese ter moi presente neste proceso de cambio. Non debemos
esquecer que as comunicacións actuáis, coa extensión da rede de estradas, permiten
rápidos desprazamentos entre cidades, pobos e aldeas de Galicia.
O desenvolvemento de novos modelos de migración implica que en determinados
municipios e/ou parroquias periféricas ás principais cidades e vilas galegas se estean
experimentando tendencias de crecemento demográfico. Este desenvolvemento
urbano periférico estase utilizando como argumento para criticar o enfoque tradicional
que opoñía o urbano ao rural. Hoxe en día asistimos ao feito de que as comunidades
con maior grao de mocidade localízanse na periferia das cidades e vilas cabeceira de
bisbarra, e este feito relaciónase cos procesos de suburbanización que podemos
denominar como novas formas de urbanización desconcentrada sobre o hinterland
rural das cidades.
Estas novas formas de urbanización desconcentrada non están sendo planeadas nin
previstas desde o punto de vista demográfico e económico, e as persoas que deciden
cambiar a súa residencia na cidade ou na aldea por outra na periferia suburbana fano
máis por iniciativa privada e interese persoal que por incentivo planeado de políticas
públicas activas. Os factores de atracción son económicos no senso de chegar a
ofertar vivendas e solares edificables a menor custo ca na cidade, proximidade aos
servizos públicos de saúde ou educación e fácil accesbilidade á cidade por motivos de
traballo, estudio ou ocio. A descoordinación en materia de planificación territorial está
creando conflitos entre as autoridades políticas dos municipios das cidades e os da
súa periferia. Como cada un ten competencias propias en planificación urbanística e
políticas sectoriais diversas existen intereses contrapostos. Os municipios periféricos
adoitan ser máis permisivos no control da edificación, adoitan ofertar chan máis
barato, taxas impositivas máis reducidas, etc., mentres que non contan cos servizos
de atención social ou os equipamientos das cidades. É por iso que na periferia da
cidade danse as circunstancias apropiadas para a especulación e a inxustiza social
nun contexto demográfico xove e dinámico.
Hoxe en día en Galicia existen claras dinámicas de dispersión do poboamento que
tamén podemos denominar de deslocalización residencial. Existen hábitos sociais
polos cales moitas persoas optan pola vivenda unifamiliar illada no campo, ben de
promoción particular ou formando parte de urbanizacións con servizos privados; pero,
tamén novas formas de hábitat xorden cos procesos de edificación de vivendas
multifamiliares en determinados núcleos, que se emprazan nos bordos das principais
vías de comunicación. A disposición de edificios de diferentes volumes en fileiras
nunha ou ambas marxes das estradas, tanto de pisos e apartamentos, casas rurais
tradicionais ou vivendas unifamiliares con xardín, é un trazo morfolóxico propio dos
espazos rurais e da periferia suburbana da cidade que necesita ser previsto e
ordenado. En definitiva, as áreas rurais localizadas na periferia das cidades
preséntanse como as de maiores perspectivas de crecemento demográfico e presión
urbanística, e requiren unha atención especial en materia de planificación territorial e
demográfico-social. Ábrense interrogantes acerca dos impactos que sobre a sociedade
galega terá este crecente e desorganizado proceso de suburbanización.
6. ¿GALICIA PAÍS URBANO?
A análise anterior permítenos percibir a Galicia como un país menos rural e máis
urbano en relación co seu desenvolvemento territorial e transformación
socioeconómica. Isto debe condicionar a definición dun modelo de desenvolvemento
territorial, que será un referente obrigado na programación das políticas e normativas
de planeamento e planificación demográfica e económica que se cheguen deseñar.
Para isto é necesario difundir unha visión de Galicia como un país urbano atlántico,
europeo, ecolóxico e sostible cun sistema de asentamentos de poboación ordenado,
policéntrico e complementario. É dicir, debemos comenzar a percibir Galicia como
unha cidade aberta con diversos núcleos urbanos complementarios e xerarquizados,
emprazada nun medio ambiente natural coidado como se fose un verdadeiro xardín.
Sería a definición dun ideario de cidade ecolóxica sostible. A Coruña, Vigo, Santiago,
Lugo, Ourense, Ferrol, etc. necesariamente teñen que ser «barrios» da mesma cidade
unidos por densos fluxos de información e óptimas canles de comunicación. Temos
exemplos moi significativos disto noutras rexións europeas como os Países Baixos, no
Ramstad holandés, ou na cunca do Rihn-Ruhr en Alemaña, onde en ámbolos dous
casos o sistema de cidades policéntrico e complementario é unha realidade herdada
do sistema de asentamentos tradicional.
A reflexión sobre os cambios sociais e territoriais experimentados en Galicia nas
derradeiras décadas, e o seu significado para a Galicia da III Revolución Industrial das
telecomunicaicóns e da sociedade da información, apunta cara a importantes
avantaxes comparativas que no pasado podían ser grandes lousas que freaban o
desenvolvemento. Hai que ter moi presente que a globalización económica ten unhas
serias repercusións territoriais, pois permite a deslocalización das actividades
produtivas, que deixan de concentrarse nas grandes cidades industriais das rexións
máis desenvolvidas e buscan lugares alternativos en espazos de calidade
medioambiental e pequenas e medianas cidades, e tamén xenera fluxos de poboación
e de recursos cara ao campo e asentamentos urbanos e rurais menores, a través dos
avances en materia de telecomunicacións e tecnoloxías da información, o que permite
ás familias «habitar o espazo», é dicir, residir e traballar en lugares fisicamente
separados e trasladarse facilmente dun cara ao outro. Ademais, a sociedade actual
utiliza diversos instrumentos para se comunicar. Referímonos aos sistemas
telemáticos que permiten á información fluír rapidamente no espazo sen atrancos
físicos, polo que determinadas rexións illadas e periféricas e espacios rurais perderán
a condición marxinal. Por exemplo, na sociedade da información unha persoa que viva
nunha aldea do Courel dedicada á explotación de gando vacún de carne ou a dirixir
unha casa de turismo rural poderá estar rápida e ben informada. Non obstante, non
podemos ocultar que seguirá a existir o problema da capacidade de decisión, pero isto
supón delimitar os problemas: xa non teríamos un atranco no acceso á información,
senón á capacidade democrática do cidadán de poder tomar decisións documentadas
a expensas do seu lugar de residencia.
En efecto, o que estamos a propoñer é un modelo de cidade e cidadania para os
galegos e galegas, onde as persoas podan intercambiar información con calquera
punto do planeta empregando as tecnoloxías da información, así como poder decidir
sobre os seus asuntos, que seguramente vanse resolver nunha táboa do seu concello,
dunha institución localizada en Santiago de Compostela ou en Bruxelas. Con este
obxectivo, cómpre tentar de inducir un debate na sociedade galega sobre como sería
unha Galicia posible reflectida no futuro inmediato. Debemos ter moi presente que as
tecnoloxías da información e comunicacións permiten falar do «fin da distancia» para a
difusión do coñecemento. Calquera galego ou galega minimamente culto poderá
«saber e coñecer» sen moverse da súa casa, diante do cal os imprescindilbes
desprazamentos para a xestión, formación ou disfrute de ocio poderán reducirse ao
mínimo, co conseguinte aforro en enerxía, tempo e custe económico. Ademais, todo
apunta a que na vindeira década do século XXI os galegos poderemos desprazarnos
por camiños de ferro e austoestradas cunha rapidez inimaxinable ata hai poucos anos,
de tal xeito que as isócronas reduciranse á metade das existentes nos anos oitenta do
século XX. Como exemplo témolo dato de que actualmetne xa podemos viaxar en tren
de alta velocidade dende o centro de Santiago ó centro de Ourense en pouco máis de
35 minutos, o que reforza a visión de futuro de que os grandes núcleos urbanos
galegos serán «barrios» complementarios da mesma cidade.
Galicia ten que ollar cara á Europa Atlántica para establecer comparacións e definir
proxectos de futuro no contexto da sociedade da información. E nela temos o caso
irlandés, que na actualidade comeza a deixar de ser periferia para se converter en
centro. Na actualidade Irlanda posúe un nivel de renda per capita superior ó do Reino
Unido, paradoxos da historia, cando no ano 1970 era un dos países máis pobres de
Europa. Irlanda é un exemplo de desenvolvemento socioeconómico que soubo
aproveitar as oportunidades da III revolución tecnolóxica e da sociedade da
información. Un dos alicerces da súa industria é a produción e venda de información e
coñemento asociado á computación, á informática e á cultura. Hoxe en día o caso
irlandés é posto de exemplo pola súa vitalidade demográfica na Unión Europea, pero
os irlandeses, a diferenza dos galegos, investiron acertadamente a maior parte das
axudas europeas en formación de recursos humanos e non tanto en estradas e
«chapapote».
7. GALICIA COMO PAÍS URBANO POLICÉNTRICO, ECOLÓXICO E SOSTIBLE.
Hoxe o territorio galego estase a articular a partir do corredor atlántico, que seguindo a
disposición da autoestrada Ferrol-Tui une as principais cidades galegas, funcionando
como un auténtico eixo de desenvolvemento industrial e urbano. Prodúcense
movementos demográficos do interior cara ao corredor atlántico co que se baleiran as
comarcas rurais da Galicia interior. Hai quen ten reflexionado publicamente de como
sería a Galicia do futuro, imaxinándoa como unha rexión postindustrial propia dun
mundo globalizado, ben comunicada co exterior, coa maior parte da súa poboación
ocupada nos servizos e vivindo nunha grande área metropolitana que, formando un
contínuum, estenderíase por ámbalas beiras da autoestrada do Atlántico. O resto do
territorio galego sería practicamente unha reserva ecolóxica onde poderían ir a gozar
do tempo de ocio as familias urbanas e onde os campesiños serían uns xardiñeiros da
natureza e un atractivo exótico-turístico. Esta imaxe revela que se percibe o futuro
territorial de Galicia cos mesmos parámetros concentradores cos que se estableceron
e formaron as cidades industriais dende o século XIX, aínda que agora pénsase en
eixos urbano-industriais e non en agrupamentos focais a xeito de cidades compactas,
co cal os desequilibrios rexionais en vez de corrixirse agrandaríanse. ¿Non sería máis
acertado recuperar, dignificar, redifinir e potenciar o hábitat galego a través da
concreción e ordenación dun sistema de asentamentos ben xerarquizado, polifuncional
e complementario, cunha rede de comunicacións mesta que facilitase ao máximo os
intercambios a todos os niveis?. A potenciación dun sistema de asentamentos urbano
xerarquizado, propio dun hábitat desconcentrado, estaría en harmonía cos adiantos
tecnolóxicos da sociedade globalizada, pois a fluidez das comunicacións permitirían
aos galegos vivir onde sempre viviron e desprazarse fácil e libremente entre as súas
cidades, cara ás vilas e cara aos asentamentos menores, co fin de satisfacelas súas
necesidades de eduación, xestión, ocio, etc., ou ocupar un posto de traballo. Non hai
que esquecer que a globalización xurde a partir da III Revolución Tecnolóxica en
relación cos avances en materia de comunicacións e telecomunicacións.
Galicia caracterízase por contar cun sistema mesto de entidades de poboación no
conxunto do país, pois incluso o concello urbano máis grande (Vigo) posúe máis de
300 entidades (aldeas e barrios periurbanos) nos seus pouco máis de 100 quilómetros
cadrados. Igualmente a fragmentación das explotacións agropecuarias e a propiedade
da terra dá lugar a un minifundio, que incluso aparece máis esparexido nunha morea
de parcelas de cadanseu propietario. Así a paisaxe é un mosaico de teselas que
reflicten a plurifuncionalidade do terreo. Por iso, pensamos que Galicia ten as
características axeitadas que poderían levar a pensar nun territorio idóneo para a
plasmación dun modelo de desenvolvemento territorial que impulsase a urbanización
do campo e a ruralización da cidade a partir da ordenación e xerarquización do seu
sistema de asentamentos.
A terra na sociedade galega actual adquire un valor simbólico como significado de
posesión e dominio da natureza, dos valores positivos que esta posúe para a
sociedade urbana: tranquilidade, aire puro, aspecto bucólico. Por iso debemos
reflexionar que o minifundio perdeu o seu contido cultural tradicional, pois xa non
representa unha agricultura de subsistencia senón un complemento aos ingresos
familiares e un elemento que complementa á función residencial. O minifundio permite
que a maioría dos galegos sexan propieterios dunha «leira» onde case sempre
proxectan a construcción dunha vivenda unifamiliar coa súa horta e, cada vez máis, co
seu xardín. Unha organización espontánea que ten que ser ordenada a partir dun
plano de xerarquización dos asentamentos de poboación paralelo aos plans de
desevolvemento territorial. Tamén debemos ter moi presente que Galicia conta con
máis de 2.000.000 de vehículos, o que representa case un vehículo por cada 1,7
habitantes e, tamén, que os galegos temos a posibilidade de «habitar a distancia», é
dicir, de desprazarnos no territorio desvinculando o lugar de residencia do de traballo
máis doadamente que as xentes doutros ámbitos culturais de hábitat concentrado. Isto
está a provocar que moitas estradas acaben converténdose en rúas de barrios
inseguros, onde o número de mortos por accidentes rodoviarios sexa elevado. Por iso
a alternativa debe consistir en procurar asentamentos medioambientalmente sostibles,
mentres que os desprazamentos fóra da súa aldea, urbanización, vila, pequena cidade
ou parroquia terían que ser previstos e planeados a partir de mobilidades intermodais
que puidesen incluír os carrís para bicicletas, os autobuses periurbanos e o tren de
cercanías.
O ideario de sistema de cidades policéntrico ecolóxico e sostible valora o patrimonio, o
medio ambiente e a cultura como bens a protexer. Cabe especular que o futuro de
Galicia xa non pasa tan só polo desenvolvemento agrario e industrial-urbano, senón
que, necesariamente, no seu territorio se deberían aplicar novos modelos de
desenvolvemento rural-urbano que impulsasen a diversificación socioecómica no
campo, respectasen o medio ambiente e fixasen a poboación incrementando o seu
nivel de benestar social. Cómpre tomar conciencia de que as cidades industriais xa
non ofrecen posibilidades de vida como no pasado, polo cal o clásico modelo de
desenvolvemento industrial, que provocaba a tecnificación dos labores do campo e
xeraba fluxos migratorios cara ás grandes cidades e áreas metropolitanas, é pouco
viable ó xerar unha presión demográfica que frecuentemente se traduce nun
incremento da marxinación social urbana. A xente nova do rural xa non poderá percibir
a cidade como un mundo de oportunides e estar condicionados a emprender o seu
periplo vital en pequenas cidades, vilas, parroquias e pequenos asentamentos rurais.
Isto podería chegar a representar unha revitalización do sistema de asentamentos
galego, especialmente das comarcas do interior, actualmente avellentadas e en
proceso de despoboamento. Cómpre definir políticas públicas que abran posibilidades
de desenvolvemento económico e urbano que dinamizen as comarcas interiores e
palíen a capacidade de atracción ao corrredor atlántico. Por exemplo, ¿non sería moi
positivo para as provincias de Lugo e Ourense a dotación dunha universidade propia
con dous campus? Podería ser a universidade do interior de Galicia, e establecer
cintos verdes arredor das cidades e vilas que evitasen a especulación e
suburbanización no seu medio rural adxacente. Ou incluso, por que non, se podería
pensar nun eixo de desenvolvemento interior que conectase e interrelacionase a
Mariña lucense coa raia portuguesa-ourensá. ¿Poderíase definir a través dunha nova
autoestrada? As vilas e pobos cabeceira de comarca deberían ser concebidos como
elementos estratéxicos para o desenvolvemento territorial de Galicia e para
contrarrestar as tendencias concentradoras periurbanas das cidades occidentais
galegas.
Pero todas estas propostas necesitan dun substrato social que dea o pulo necesario
ás iniciativas públicas. Fan falta empresarios que enchan cos seus proxectos os
parques empresariais, moitas veces baleiros, xente nova ben formada que teña folgos
para impulsar proxectos de desenvolvemento local nos seus pobos. Galicia necesita
definir unha cultura urbana que erosione a imaxe de extrema ruralidade mantida por
séculos, pero dita cultura debe fundir as súas raíces na propia idisosincrasia do país.
Debemos definir a nosa cultura urbana singular e diferencial en base ó sistema de
cidades e de vilas diverso e complementario que temos e que tan ben coexiste co
campo e co mundo rural. A nosa contribución como galegos e galegas do século XXI
debería incidir en aspectos chave para o futuro superando vellas rémoras do pasado.
No territorio galego débense definir políticas de desenvolvemento urbano e rexional
integrais e endóxenas, axustadas as súas características e que lle permitan seguir
confluíndo cara aos niveis de desenvolvemento das rexións máis avanzadas de
Europa. Políticas que deberían promover máis decidamente sectores chave para a
diversificación das actividades produtivas. Os galegos e galegas somos produtores de
alimentos de enorme calidade recoñecidos dentro e fóra de Galicia; alimentos que
proceden do mar e da terra. A horta galega de tempada ten grandes posibilidades.
Somos un país de artesáns, de mestres canteiros, de carpinteiros de ribeira
construtores de barcos, cunha grande tradición na agricultura familiar, con grandes
cualidades para a agricultura ecolóxica, a silvicultura, o marisqueo, a pesca sostible e
a explotación sustentable dos bosques, as explotacións agrarias extensivas e
modernas, a pesca tradicional ou o turismo urbano e rural. As explotacións agrarias
familiares deberían chegar a ser produtivas, respectuosas co medio ambiente e
capaces de comercializar os seus produtos nos mercados urbanos europeos. No
campo galego deberían vivir em harmonia os agricultores e gandeiros industriais
produtores de leite ou de carne, coas familias de obreiros-campesiños de economía
diversificada e cos novos veciños que puidesen residir no campo sen ostentar
ningunha dependencia económica coas actividades económicas tradicionais do lugar.
O desenvolvemento rural endóxeno deberíase implementar con políticas de
ordenación territorial que planeasen os efectos negativos da contraurbanización e do
espallamento sen control das edificacións sobre leiras e prados. Aquelas áreas
periurbanas que soportan unha maior presión demográfica deberían ser
desconxestionadas, promovendo investimentos en infraestruturas de comunicacións,
vivenda e unha xeral descentralización planificada de recursos e servizos cara ás
cidades, vilas e pobos que configuran o sistema de asentamentos urbanos do interior.
O mundo rural tradicional galego deixou de existir e agora requirimos ordenar,
xerarquizar e definir un modelo territorial economicamente sostible, intelixente e
inclusivo, que permita aos nosos mozos e mozas percibir oportunidades para
asentarse no territorio, desenvolver as suas vidas como galegos e albiscar un novo
futuro.
En Galicia a definición dunha estrutura territorial adecuada para a aplicación de
políticas de desenvolvemento económico e planeamento urbano é un requisito previo
para afrontar o cambio demográfico. Deberíase pensar nunha comarca ou gran
concello semellante ao condado irlandés, é decir, con identidade político-administrativa
e cultural, que lle permitira distinguirse do pequeno municipio e da provincia. As
comarcas ou grandes concellos deben formar parte dun sistema dinámico de
organización territorial e non xerar unha burocracia caciquil de Antigo Réxime. Para
isto o mapa administrativo de Galicia debe ter presente o proceso de urbanización e
debe delimitar conxuntos de municipios rexidos polas cidades e asentamentos
urbanos de maior xerarquía. Ás cidades galegas correspóndelle liderar o proceso de
modernización e de urbanización xeral da sociedade e tamén a coordinación e
execución de políticas de planeamento, sociais, demográficas, de infraestruturas, de
transporte, etc. cos municipios que conforman os seus respectivos hinterlands e áreas
de influencia. Nelas se localiza a masa crítica necesaria para impulsar o
desenvolvemento económico, social, cultural e incluso político de Galicia. Non
debemos esquecer que as cidades son espazos de vangarda, son os lugares a partir
dos cales se difunden as innovacións e os procesos de cambio social. Galicia non
pode endexamais fuxir da cultura urbana pero pode definir dita cultura segundo a súa
propia idiosincrasia. Non debemos esquecer que en Galicia o campo e a cidade están
moi intimamente relacionandos.
En definitiva, sería moi positivo abrir un debate na sociedade galega no que se
discutise a Galicia do futuro no contexto da cambio demográfico, da III Revolución
Industrial e da sociedade da información e do coñecemento. ¿Queremos ser un país
tradicional, rural, un país territorialmente desequilibrado coa oposición corredor
atlántico-espacio rural interior, ou deberiamos tentar de afrontar un proxecto ordenado
de xerarquización que concretase a definición dun sistema de cidades policéntrico e
complementario que permitise a urbanización do campo e a corrección dos
desequilibrios territoriais? Galicia como país urbano, europeo, atlántico, ecolóxico e
sostible distinto e diferenciado resulta un lugar de extraordinario atractivo cultural
diante da mirada dos visitantes e dos propios galegos e galegas. Ao igual ca no caso
irlandés aos galegos correspóndenos facer valer o feito diferencial cultural, definindo
unha cultura urbana propia, distinta, de vangarda, e así erosionar as pegadas
folclóricas do ruralismo exacerbado que dende Estrabón ata os nosos días segue a
sinalar aos galegos como un pobo tradicional, conservador e ancorado no pasado.
Debemos vencer as tendencias espontáneas para chegar a definir un modelo de
desenvolvemento territorial que reverta a crise demográfica nunha oportunidade para
superar obstáculos e que respecte e proxecte cara ao futuro o hábitat, a economia e a
cultura diferencial dos galegos.
8. UN IDEARIO DE CIDADE EURORREXIONAL ORGANIZADA EN REDE.
Propoño unha reflexión sobre a historia da «garden city», traducida como cidade-
xardín, aínda que sería máis apropiado chamala «cidade horta» pois non esquezamos
que no mundo anglosaxón un xardín e unha horta son o mesmo; que ademáis é un
concepto moi actual pola difusión das chamadas hortas urbanas nas grandes cidades
de Europa e dos Estados Unidos. A cidade horta galega debemos relacionanala
directamente co concepto de «cidade en rede polifuncional», que conxuntamente
poderían conformar a base teórica dun modelo de desenvolvemento territorial para a
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e o seu sistema de cidades e vilas. A
Eurorrexión, con preto de 7 millóns de habitantes, debe definir un modelo de
desenvolvemento territorial que lle permita pór en valor complementariedades
económicas e funcionais entre as súas cidades e vilas e entre os seus cidadáns e
empresas, de cara á conformación dun mercado interior e ao uso eficiente das súas
infraestruturas e equipamentos.
O ideario da garden city de Howard formulaba un sistema de asentamentos rural-
urbano, onde o maior non pasaba dos 50.000 habitantes, nun hábitat de pequenos
asentamentos que permitiran harmonizar campo e cidade. A visión territorial da
Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como unha «cidade horta» aberta, polifuncional,
ben comunicada e capaz de rendabilizar os fluxos de información e coñecemento a
través das novas tecnoloxías, e proxectada no futuro, vinculada tamén co pasado a
través da visión literaria de eruditos como Castelao, Otero Pedrayo ou Cunqueiro, que
xunto con prestixiosos académicos portugueses como Orlando Ribeiro, xa percibían os
desequilibrios territoriais da Eurorrexión galego-portuguesa entre o corredor Atlántico e
o deserto demográfico do interior. Aos galegos e portugueses correspóndenos facer
valer o feito cultural común fronte ao exterior, definindo unha novidosa cultura urbana
que pasa por facer visible a riqueza da nosa singular forma de habitar o territorio.
Nestas páxinas pretendo abrir un debate sobre o marco territorial ideal que facilitaría a
toma de decisións sobre a capacidade de cada territorio local galego-portugués para
se desenvolver sen estragar os seus recursos. Para isto ofrezo facermos unha
pequena incursión na historia do urbanismo e da planificación territorial. En primeiro
lugar propoño unha reflexión sobre a historia da «garden city», como un modelo de
desenvolvemento en rede, tanto como concepto teórico-especulativo como realidade
física. Sobre estes alicerces pretendo expoñer a visión territorial da Eurorrexión Galicia
Norte de Portugal como unha «cidade en rede» emprazada nun grande xardín natural,
conformado por bosques, hortas e pastos para o gando», como unha cidade
policéntrica proxectada no futuro. Esta achega tenta inducir un debate sobre unha
Eurorrexión posible, un territorio galego-portugués como unha grande e basta cidade
da natureza, cidade-rede ou cidades ubicadas nun grande xardín, onde a urbanización
do campo fose sinónimo de ruralización da cidade. Todo isto fronte a unha Eurorrexión
territorialmente desequilibrada, na que a cidade concentrada no corredor atlántico
estaría enfrontada a unha reserva ecolóxica e deserto demográfico do seu interior.
Desde a primeira Revolución Industrial no século XVIII ata os nosos días o éxodo das
xentes do campo cara ás cidades foi unha constante en continuo incremento. A
industria vinculábase directamente coa cidade. Atrás quedaba a protoindustrialización
e as artesanais industrias rurais textis, e se desenvolvía aceleradamente a
urbanización, que concentraba centros fabrís e poboación en espacios reducidos e
desnaturalizados. O urbanismo moderno xurdido á par coa revolución industrial
reivindicou no século XIX a necesidade de planificar o crecemento desorganizado e
desmesurado das cidades, as cales, pola súa forte atracción, baleiraban
demograficamente as áreas rurais, amoreando os antigos campesiños e novos
urbanitas ata a degradación humana e ambiental. Nese contexto diversos
reformadores tentaron achegar novas ideas para mellorar a calidade de vida. Robert
Owen, na primeira metade do século XIX, pretendeu ordenar os asentamentos
humanos en núcleos de 800-1.200 habitantes, onde existisen terras de labradío para
que as familias puidesen compaxinar os labores nas manufacturas urbanas coas
propias do campo. Owen pode considerarse o precursor da industrialización rural e da
tese da contraurbanización cultural. François Fourier matinaba nos «falansterios»
como unidades de poboamento e hábitat duns 1.600-1.800 habitantes distribuídos
regularmente no territorio no que, segundo el, a vida socializada sería unha realidade.
Pero foi Ebenezer Howard (1850-1928) quen formulou o concepto de cidade-xardín a
partir da plena integración do significado cultural do campo e do da cidade.
No ano 1923 Howard creou a súa primeira garden city en Letchworth, ao norte de
Londres para uns 30.000 habitantes. A súa idea era a de crear unidades circulares de
hábitat, con grandes espacios abertos, a campo, conectados a través de camiños de
ferro e autoestradas segundo planos que debuxaban no espacio redes regulares de
vías de comunicación separadas entre si por grandes cintos verdes. É dicir, de
espacios abertos con vexetación natural. Nos planos da garden city de Howard había
unha cidade central duns 50.000 habitantes unida a outras cidades satélites duns
30.000. As súas ideas respectaban a propiedade privada e a liberdade individual e
concibía as vivendas coma unifamiliares, todas elas con hortas e xardíns nas súas
fachadas principais, buscaba humanizar a vida urbana industrial. Seguindo os
principios de Howard tamén é destacable a proposta de cidade lineal de Arturo Soria,
quen pensaba no deseño de corredores de hábitat individual, de casas con xardíns e
hortas dispostas linealmente ao carón das principais vías de comunicación existentes
entre as cidades.
O concepto de garden city non é alleo ao mundo académico e intelectual da
Eurorrexión. O galeguismo histórico empregaba o ideario da cidade-xardín para definir
o que sería ou debería ser o desenvolvemento urbano e económico de Galicia. Otero
Pedrayo falaba de Galicia como unha gande cidade dispersa que tería a súa praza
emblemática e central na Praza do Obradoiro en Compostela, en armonía co hábitat
tradicional dos galegos, que era común ao mundo atlántico europeo, e co cal a Otero
tanto lle gustaba emparentar. Castelao, en Sempre en Galiza (páx. 124) visionaba un
país galego como «...unha soia cibdade, a cibdade-xardín máis fermosa do mundo, a
cibdade ideal para os homes que queiran vivir a carón da natureza ... », o que se
materilizaba, entre outras cousas, coa proliferación de cooperativas agrarias, grandes
fábricas de pasta de papel e de derivados lácteos, a multiplicación de piscifactorías e
criadeiros de mariscos, a existencia dun grande porto, ou a presenza de casas limpas
e hixiénicas para labregos e mariñeiros. Cunqueiro imaxinaba unha Galicia como unha
cidade total e desexaba que as cidades galegas non medrasen
desproporcionadamente en relación co conxunto dos asentamentos. Matinaba na
necesidade dunha rede viaria que facilitase que Vilalba fose un satélite residencial de
Lugo, ou Ponteareas de Vigo. Coidaba nunha distribución de pequenos centros
urbanos e novas pequenas cidades substituidoras de moitas aldeas e parroquias.
Tamén Cunqueiro quería fuxir dos problemas dunha grande cidade, que el chama
«macrópole», e afirmaba que o progeso aplicado a Galicia debería lograr que cidade e
campo chegasen a ser solidarios. No mesmo ton argumental de concebir unha Galicia
como unha cidade única, en equilibrio coas súas formas tradicionais de hábitar o
territorio, atópanse outros intelectuais como Carlos Casares, que pensa nunha Galicia
onde a vila e a cidade son moi pequenas, onde a xente acude a mercar ou vai ás
oficinas para posteriormente vivir fóra, en vivendas unifamiliares cos seus respectivos
xardíns. Ramón Piñeiro, Álvarez Blázquez, Bar Boo, Antonio Palacios, Franco Grande
ou Suárez-Llanos tamén dan argumentos no mesmo sentido: cidades que non pasen
dos 300.000 habitantes, a necesidade de limitar a concentración urbana, ou a
necesidade de conservar o contacto e a comunicación dos galegos coa natureza24.
No caso do Norte de Portugal, a paisaxe cultural e natural de Galicia repítese en
afinidades irreductibles de innegable valor. O mestre portugués de xeógrafos Orlando
Ribeiro, cando definiu a xeografía de Portugal como un espacio entre o Atlántico e o
Mediterráneo estaba recoñecendo a afinidade histórica dos territorios do noroeste da
Península Ibérica. Ribeiro evidencia nas súas descipcións e análises rasgos culturais e
naturais comúns na rexión euroatlántica do noroeste ibérico, que abrangue Galicia e o
24 Ver Galicia 2002 a través da imaxinación creadora e o Tomo XL/2002 «Galicia, Cidade Atlántica» en Grial 155, o cal contén interesantes artigos de Xosé Lois Martínez, José Ramón Veiga, Carlos Fernández, Andrés Precedo, Juan Luis Dalda, Daniel Pino, Xosé Manuel Souto e Carlos Ferrás, nos cales é posible encontrar os argumentos e fundamentos dos diferentes proxectos de desenvolvmento urbano e territorial definidos, en maior ou menor medida para Galicia durante as últimas décadas.
Norte de Portugal. Trazos propios e comúns como a forma de habitar o territorio, a
dispersión dos asentamentos, a cultura da pedra e a súa presencia na arquitectura
popular, a policultura agraria e o minifundismo, ou o rico e denso sistema de
asentamentos. Aparte, claro está, das afinidades idiomáticas e históricas25.
Desde un punto de vista socioeconómico, tanto en Galicia como no Norte de Portugal
se multiplican as economías simbióticas, dos traballadores-campesiños, das familias
de economía diversificada, as que compaxinan doadamente actividades
tradicionalmente rurais como a cría de animais domésticos ou o cultivo de produtos de
horta, co traballo asalariado ou autónomo en actividades de servicios ou industriais,
tan importantes e clásicas na sociedade galega e portuguesa; xunto con hábitats
desconcentrados periurbanos onde non existen metrópoles macrocefálicas que rexen
os destinos universais conxuntos dos galegos e portugueses do norte, habituais nos
territorios de fisterra, do límite do ecúmene, ou onde non proliferan os grandes e
tradicionais complexos industriais, etc. A área metropolitana de Porto, con máis dun
millón de habitantes, garda un equilibrio e pode complementarse co sistema
policéntrico de cidades e rexións urbanas galegas na conformación da Eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal. Como dicía, debemos interrogarnos de si esas economías e
sociedades poden definir máis doadamente ca outras un desenvolvemento social e
territorial que se achege aos idearios da «cidade horta», e á busca da harmonía entre
o urbano e o rural e entre o home e a natureza. ¿É iso así ou sempre será un síntoma
de atraso e de ruralización marxinal?. ¿Sería posible un desenvolmento rural
desvinculado das labores do campo? E ¿un desenvolvemento urbano que
compatibilizase traballo agrario e non agrario?
As rexións periféricas da Europa Atlántica, entre as que se encontra Galicia, o Norte
de Portugal e tamén Irlanda ou a Bretaña, ben individualmente ou no seu conxunto, se
caracterizaron historicamente como rurais, onde o hábitat disperso, a humidade dos
seus climas oceánicos, o predominio dunha economía agrícola-gandeira, a paisaxe de
«bocage» de campos balados e tons verdes a maior parte do ano, a presión
demográfica sobre a terra, o illamento xeográfico, a subsistencia ou o policultivo...,
xunto co seu escaso desenvolvemento urbano-industrial, conformaron a imaxe que
delas trascendía cara ao exterior. A periferia do poñente europeo foi terra de
marxinación, pobreza e emigración. Os irlandeses e escoceses emprenderon a
25 Ver Patrick O`Flanagan: «Galicia en el marco geográfico e histórico de la Europa Atlántica», en Xeografía nº1, 115-133, 2001.
diáspora cara aos dominios culturais anglosaxóns, e galegos, asturianos, portugueses
e mesmo vascos dirixíronse cara ao dominio cultural ibérico.
As comunidades e áreas rurais das rexións periféricas de Europa experimentaron
importantes cambios sociais, económicos e culturais durante as últimas tres décadas
do século XX, e na actualidade ditos cambios continúan producíndose. Isto, en boa
medida, débese á urbanización e desenvolvemento industrial, no sentido clásico do
paradígma do éxodo rural, ao desenvolvemento dos sistemas agrarios intensivos e á
revolución verde. Pero desde os anos setenta tamén se debe ao feito de que xurdiron
no contexto da Unión Europea novas formas de urbanización e novas políticas de
desenvolvemento rexional. É dicir, fronte á concentración da poboación e recursos nas
grandes cidades e rexións máis desenvolvidas xurdiron con forza tendencias cara á
desconcentración. E neste contexto adquiren protagonismo os sistemas e redes
polinucleares de cidades que buscan a complementariedade e sinerxia no seu proceso
de desenvolvemento conxunto.
A modernización agraria en Galicia e no Norte de Portugal coincidiu co
despoboamento rural e o éxodo cara á cidade. O Porto, Vigo, A Coruña ou Ferrol
experimentaron un desenvolvemento urbano-industrial que xeraba movementos
migratorios campo-cidade, aínda que non o suficiente como para evitar a emigración
ás rexións industriais de Europa. O desenvolvemento agrario no campo era
acompañado polo desenvolvemento industrial na cidade, e o despoboamento rural
traducíase nun poboamento urbano. O despoboamento rural foi unha constante en
Galicia e no Norte de Portugal durante a súa historia contemporánea. As xentes do
campo emigraban ás áreas urbanas en busca de mellores condicións de vida, ao igual
que sucedia noutras partes do mundo, pero co agravante de que o éxodo rural nestes
casos adquiría unhas dimensións inusuais, xa que aos movementos campo-cidade se
lle engadían as emigracións con dirección a Europa e América.
Todo apunta que na Eurorrexión as políticas urbanísticas e territoriais non
desempeñaron un papel determinante nas tendencias de redistribuciónn demográfica
e no xurdimento de novas formas de urbanización, pois os desequilibrios entre o
corredor Atlántico do litoral que une Ferrol con O Porto e o interior foron en aumento.
En Galicia e no Norte de Portugal, durante as dúas últimas décadas do século XX, non
se formularon políticas de desenvolvemento rexional que favorecesen a
desconcentración demográfica e de recursos entre o urbano e o rural e entre as
grandes, medianas e pequeas cidades, polo que os desequilibrios entre o interior e o
corredor Atlántico en vez de acurtarse fixéronse maiores. Existen casos illados de
desenvolvemento endóxeno no interior de extraordinario valor. O caso de Lalín na
provincia de Pontevedra é un exemplo nidio, pero falta saber se o seu proceso de
industrialización foi realmente inducido por políticas regradas de desenvolvemento
rexional ou máis ben pola práctica de políticas informais ao amparo de personalismos
e do poder establecido.
Na Eurorrexión que compete a galegos e portugueses do norte a planificación
municipal aínda se amosa inoperante, non permite exercer un control sobre os
movementos de pobación, a vivenda e os asentamentos. Os municipios galegos e
portugueses non son quen de coordinar e consensuar os seus plans ou obxectivos de
desenvolvemento territorial, urbanístico ou económico, xerándose situacións moi
diversas e dispares entre municipios veciños. Ademais existen casos de absoluta
desidia, especialmente en municipios rurais con pouca pobación e escasos recursos
económicos, onde non se exerce control sobre a edificación, nin sobre a poboación,
emprego, nin sobre nada. Na nosa Eurorrexión aínda non existen as estruturas
territoriais adecuadas que permitan a correcta planificación do seu desenvolvemento,
como serían as áreas metropolitanas e as comarcas, como unidades supramunicipais
con entidade xurídico-admnistrativa. Deberían ser auténticas subrexións de
planificación e planeamento. A comarcalización en Galicia é realmente feble e non
deixou de ser aínda un intento de planear o desenvolvemento urbano-rexional. As
comarcas galegas, tal como se identifican na actualidade non son un modelo para a
Eurorrexión, non posúen entidade xurídico-administrativa e practicamente son
ignoradas. As estruturas administrativo-territoriais na Eurorrexión deben ser
ordenadas, pois á luz do desorde podemos preguntarnos: ¿É lóxico que no caso
galego existan municipios de 600 habitantes? ¿É lóxico que se poida introducir a
comarca sen modificar os mapas de provincias e municipios? Se pensamos nunha
comarca sen personalidade político-xurídica, ¿que é a comarca, un mero ente de
promoción económica local sen capacidade administrativa nin de decisión algunha?
¿E se pensamos en fusións voluntarias de municipios, ¿para que serve o mapa oficial
de comarcas?
Na Eurorrexión galego-portuguesa non existe unha grande cidade ou área
metropolitana macrocefálica reitora do pulso económico e social da totalidade so seu
territorio. No caso galego as áreas metropolitanas de Vigo-Pontevedra e A Coruña-
Ferrol contan coas maiores aglomeracións cidadáns, e no seu municipio central non
chegan aos 300.000 habitantes individualmente. E no caso do Norte de Portugal, Porto
non é quen de frear o desenvolvemento das cidades medias do interior, caso de
Guimaraes, Braga, Vila Real e en menor medida Chaves. A área metropolitana do
Porto rexe a economia e o territorio no Norte de Portugal ,non obstante non é quen de
pór baixo a súa órbita ó sitema de cidades policéntrico galego que posúe identidade e
fortaleza abondos como para complementarse con Porto. No futuro próximo o tren de
alta velocidade e as novas tecnoloxías da comunicación permitirán conformar un nidio
sistema urbano ensarillado e complementario na Eurorrexión. Pensemos que as
distancias entre as cidade galegas e do Norte de Portugal vanse reducir
extraordinariamente en tempo necesario para os desprazamentos interurbanos. Vigo
estará a menos de 40 minutos de Porto, Santiago a 35 minutos de Ourense e da
Coruña, e a 30 de Vigo, e a información e o coñecemento deberá fluír sen obstáculos
polas autoestradas da sociedade da información, aproveitando ás avantaxes das
redes de telecomunicacións e a universalización das TIC. Debemos pensar no «fin das
distancias» entre as grandes cidades da eurorrexión e na conformación dunha cidade
única Eurorrexiónal, con barrrios-cidades conectados en rede policéntrica e
complementaria.
Na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal existen máis de 50.000 entidades de
poboación, das cales a maioría teñen menos de 1.000 habitantes, que articulan máis
de 5.000 parroquias. Predominan as economías simbióticas familiares que harmonizan
o traballo do campo, o do mar co industrial e de servicios. É unha sociedade de
pequenos propietarios de terras. 2 de cada 3 galegos son donos dunha parcela, na
que proliferan de forma tradicional as viendas unifamiliares no campo. ¿Son todas
estas características elementos que poderían levar a pensar na Eurorrexión Galicia-
Norte de Portugal como un territorio idóneo para a plasmación dun modelo de
desenvolvemento territorial que impulsase a urbanización do campo e súa
planificación territorial? ¿Son todos eles aspectos negativos ou poderían ser positivos
para definir un desenvolvemento máis equilibrado? Debemos reflexionar que o
minifundio perdeu o seu contido cultural tradicional, pois xa non representa unha
agricultura de subsistencia, senón un complemento aos ingresos familiares
procedentes do traballo non agrario e das pensións da sociedade do benestar. O
minifundio permite que a maioría dos galegos e moitos portugueses sexan propieterios
dunha «leira» ou parcela onde case sempre proxectan a construción dunha vivenda
unifamiliar coa súa horta e, cada vez máis, co seu xardín, convertendo as parcelas en
solares para edificar ou especular no mercado inmobiliario. Requirimos ordenar e
planificar o minifundio desde o punto de vista urbano.
9. E SE FACEMOS O MINIFUNDIO SOSTIBLE?
Diante da nova realidade socioeconómica e cultural dun novo mundo rural diverso que
está a agromar, preséntanse cambios positivos para as comunidades de estrutura
agraria minifundista e para pequenas explotacións familiares, pero tamén negativos.
¿Sobra poboación ocupada no sector agrario? ¿É o minifundio unha alternativa de
vida de calidade para as familias rurais? ¿Como? ¿E se construímos un novidoso
modelo positivo de minifundio que chegue a valorar de forma real as súas avantaxes e
desvantaxes diante da conformación dunha sociedade rural inclusiva e sostible? A
literatura académica tradicional presentou ao minifundio e a súa realidade social e
económica coma un anacronismo que impedía e obstaculizaba a modernización
agraria. O minifundio e a explotación familiar entendíase como unha cativa propiedade
agraria incapaz de asegurar o sustento básico para todos os membros da unidade
familiar (ver Villares e López Andión, 1974). Estudosos do medio rural como García
Fernández (1975) enfatizaban as miserias sociais dos sistemas agrarios minifundistas,
mentres outros autores como Bouhier (1979) xa deixaban entrever unha certa
interpretación positiva, criticando en certa medida a visión excesivamente
economicista que se tiña do minifundio. O minifundio, sen dúbida, non encadraba na
mentalidade propia da agricultura capitalista industrial.
Hoxe en día existen discursos académicos que defenden o minifundio e a explotación
agraria familiar como un estilo de vida que, adaptado a un mundo rural postprodutivista
e multifuncional, perde as súas connotacións negativas. Temos que ter en conta que
as familias galegas xa non viven da agricultura. Afírmase que as preocupacións
actuais das comunidades rurais xa non son tanto de producir máis e máis barato, coa
lóxica do capitalismo industrial, senón de producir o suficiente e con calidade. A
agricultura ecolóxica beneficia a laboriosidade do minifundio e debemos ter en conta
que os mercados para este tipo de agricultura respectuosa co medio ambiente, e polo
tanto de natureza sustentable, son mercados en continua expansión. A policultura é
unha forma tradicional de agricultura ecolóxica, na cal os abonos orgánicos, a
intensidade de man de obra e a loita natural fronte ás pragas e parasitos son os seus
sinais de identidade fronte ao monocultivo industrial. Por outra banda, a
contraurbanización contracultural impulsa un recente poboamento en pequenas
cidades, vilas, pobos e aldeas e a desaparición dos fluxos migratorios do campo cara
á cidade, e isto xera unha diversificación funcional, económica e cultural que pode
reverter en novas posibilidades de desenvolvemento para os espazos rurais e menos
desenvolvidos. O desenvolvemento local e/ou endóxeno diversifica as actividades
produtivas do campo, potenciando os servicios e as manufacturas con actividades
como o turismo ecolóxico ou rural. O cooperativismo empresarial fai rendible
economicamente a suma dos esforzos individuais das pequenas explotacións
familiares, e incluso a práctica do hobby farming encontra un bo lugar na reconversión
do minifundio postprodutivista, pois en ambos os dous casos non producen para o
mercado. A pluriactividade dunha familia rural preséntase como unha vía para xunguir
diferentes fontes de ingresos e incrementar as posibilidades económicas. En suma, o
concepto de minifundio debería formar parte dun novo paradigma interpretativo do
campo e das áreas rurais, no cal estes sexan percibidos non só como uns lugares
para producir senón tamén para vivir en harmonía co medio ambiente.
Os casos das cooperativas de pequenos produtores agrarios en Galicia son exemplos
nidios de viabilidade socioeconómica da agricultura familiar. O caso de Feiraco é
realmente paradigmático do éxito colectado por unha iniciativa cooperativista no medio
rural. Feiraco incidiu directamente na transformación e modernización agraria dunha
extensa comarca rural galega.
A multifuncionalidade rural que promove a nova Política Agraria Común europea pode
encaixar ben no tradicional sistema de pluriactividade produtiva das familias agrarias
cooperativistas. Estas familias contan con recursos humanos interxeracionais
suficientes para emprender novas actividades produtivas no medio rural, pero
necesitan formación específica, orientación e incentivos. O fomento da visión
empresarial e emprendedora entre a xente nova resulta estratéxica de cara ao futuro
desenvolvemento social e económico. Ademais, a práctica e posta en valor dunha
innovadora agricultura ecolóxica respectuosa co medio ambiente, que rexeite a
agricultura capitalista industrial, de producción masiva ao menor custe, tamén se
identifica cos sistemas de agricultura familiar tradicional, que practicada historicamente
posúe principios e valores culturais favorecedores do equilibrio home-natureza. O trato
que reciben os animais en coidados e atención son de respecto á súa condición fronte
á concepción industrial de simples axentes produtores da agricultura capitalista.
En definitiva, o éxito dos modelos de asociación de familias de pequenos produtores
de leite é indiscutible. Conforma un modelo empresarial de agricultura cooperativa de
pequenos propietarios de gran valor social, económico e cultural para Galicia, e
demostra que o esforzo conxunto de todas as familias rurais de pequenos propietarios
pode resultar rendible empresarialmente e sostible ecolóxica e culturalmente. O
destacado complexo agrario minifundista de Galicia debe de ser reconceptualizado a
partir de experiencias socio-empresariais cooperativas. Hoxe en día a sustentabilidade
do minifundio, definido como un sistema de agricultura familiar de pequenos
propietarios, debe ser entendido como un estilo de vida de características culturais
propias que debemos respectar e valorar positivamente no contexto do
despoboamento e abandono do noso rural, pois asegura a súa viabilidade económica,
frena a emigración do campo cara á cidade e harmoniza o tradicional equilibrio do
campesiño e a súa familia co medio xeográfico natural no que se insire.
10. SUMARIO. ¿CARA ONDE IMOS? ¿QUÉ FACEMOS?
En definitiva, en Galicia debemos traballar por crear e manter atractivas
condicións de vida para a poboación como única vía para afrontar solucións diante da
escasa fecundidade, do avellentamento, da emigración dos xóvenes e do escaso
atractivo para atrer novos habitanes. Todo parece indicar que imos precisar servizos e
produtos adaptados ás necesidades das persoas maiores, o que pode ser unha
oportunidade de novos empregos e actividades empresariais. Imos necesitar
innovacións en educación, formación permanente e mercado laboral. Requirimos
aprender a vivir máis anos e a planificar o noso futuro colectivo. Os galegos e galegas
temos que desenvolver os servizos sociais e de saúde adaptados a unha sociedade
cada vez máis urbana e máis concentrada en vilas, cabeceiras de bisbarra e espazos
periurbanos; e tamén temos que tomar conciencia por vivir de forma máis
independente empregando as tecnoloxías. En relación con esta afirmación teremos
que afrontar a planificación social, económica, demográfica e de calquera tipo
asumindo que a crise demográfica en realidade reflicte un proceso de cambio e
transformación. Galicia xa non obedece a un patrón de sociedade rural, atrasada e
agraria, pois a urbanización, o desenvolvemento económico e a desagrarización foron
dominantes nos últimos 30 anos e diante dos ditos cambios e transformacións se
requiren innovacións en todos os eidos. Propoño algunhas:
1. Concibir Galicia como un país urbano singular, que precisa unha ordenación e
xerarquización dos seus miles de asentamentos históricos espallados na súa
xeografía. Tomar conciencia de que non todas as aldeas, lugares, parroquias,
casais, pobos e entidades singulares e colectivas de poboación galegas poden ter
futuro cando a agricultura de subsistencia e das feiras e mercados locais xa non
existe. Temos máis de 30.000 entidades de poboación dispersas, que obedecen a
un pasado rural tradicional de foros, curas, frades e fidalgos que xa non existe; así
como tamén temos unha complexa Administración territorial composta por 314
municipios, 4 deputacións provinciais, o goberno autónomo da Xunta de Galicia,
53 comarcas, 3.800 parroquias amais doutras entidades diversas, como áreas
metropolitanas, rexións urbanas, mancomunidades de municipios, etc., que
requiren ser reducidas, organizadas e xerarquizadas.
2. Planificar a suburbanización, evitando o desparramamento espontáneo da
edificación e asentamento da poboación nas periferias das cidades e vilas.
Previndo as necesidades de servizos públicos, de transporte de proximidade, e
evitando competencias e especulacións urbanísticas entre concellos limítrofes.
Ademais na dita planificación suburbana, as políticas demográficas deberán ser
conscientes de que nestes lugares se concentran as familias xóvenes, a máis alta
fecundidade e natalidade e o menor avellentamento de Galicia.
3. Debemos aproveitar as potencialidades dos capitais humanos e sociais dos
emigrantes galegos. Tecendo redes de colaboración e facilitando as mobilidades e
contactos de empresarios, de xente nova, de intelectuais, de estudantes, etc., en
todos os sentidos. Podemos pensar que son varios millóns os descendentes de
galegos residentes no exterior, a maioría en grandes cidades españolas, europeas
e americanas. Isto pode ser unha porta aberta á diversidade nas mentalidades, á
innovación e á creatividade. Non esquezamos que eses descendentes de galegos
son potencialmente consumidores dos nosos produtos. Os irlandeses sábeno moi
ben e foron capaces de vender a súa música, os seus alimentos, a súa cultura,
paisaxe e os atractivos do seu país aos 40 millóns de descendentes de
emigrantes irlandeses que hai nos Estados Unidos.
4. Definir concretamente cales son as actividades básicas para o desenvolvemento
económico de Galicia nun Plan Estratéxico definido de «abaixo cara arriba», no
que a sociedade civil sexa protagonista coas súa participación activa. Refírome
aos movementos de base veciñal que poidan mobilizarse a prol do futuro da súa
comunidade e dos seus fillos. Requírese cambiar as vellas formas de facer política
no país de «arriba cara abaixo» e buscar novas formas de comunicación e
participación, para o cal hoxe en día temos as tecnoloxías da comunicación e da
información e a fluidez das comunidades virtuais e redes sociais. Dito Plan
Estratéxico para o Desenvolvemento de Galicia deberá estar en harmonía coas
indicacións da Unión Europea e a súa Estratexia 2020 de procurar territorios
inclusivos no social, intelixentes no tecnolóxico e sostibles no económico e
ambiental, e deberá ser o documento marco que determine todas as demais
figuras de planificación, ordenación e planeamento territorial, como poden ser as
Directrices de Ordenación do Territorio, os Plans Xerais de Ordenación Municipal
e calquera Plan económico sectorial relativo ao turismo, industria,
telecomunicaicóns ou calquera outro. Os galegos e galegas temos que respostar
preguntas do tipo: ¿de que queremos vivir?, ¿que queremos ser?, ¿que podemos
producir?, ¿para quen?, ¿onde?, ¿de que forma?, ¿onde están os mercados para
os nosos produtos?, ¿quenes son os nosos competidores?, ¿con que recursos
contamos? Dito Plan Estratéxico de Desenvolvemento Económico deberá contar
con avaliadores externos alleos á burocracia e ao sistema e partidos políticos
propios, que observen o cumplimento dos obxectivos e a execución dos
orzamentos compremetidos.
5. Establecer conexións entre as empresas galegas, especialmente as pequenas, e
o sistema educativo, en especial no nivel universitario e de formación profesional.
Planificar a oferta de titulacións en función das necesidades das empresas así
como a conexión entre a formación teórica e a formación práctica. Tamén será
preciso establecer conexións coherentes entre todo isto e o Plan Estratéxico para
o Desenvolvemento de Galicia, onde se definan as actividades básicas da nosa
economía. Temos que cualificar aos nosos xóvenes segundo unha estratexia de
desenvolvemento económico coherente, sendo conscentes de que a tradicional
saída laboral de oposicións, funcionariado e emprego público xa non é posible.
6. Concibir a Eurorrexión de Galicia e do Norte de Portugal como un mercado e non
como unha institución política. Debe ser unha oportunidade para buscar mercados
complementarios e oportunidades de negocio para as empresas e para os
cidadáns, tendo en conta que conxuntamente case que acadan os 7 millóns de
habitantes e dispoñen dunha densa rede de cidades, infraestruturas e
equipamentos. Debemos respostar á pregunta: ¿Que beneficios pode obter o
cidadán galego se colabora cos cidadáns do Norte de portugal?. Debemos
superar o discurso sentimental a prol dun discurso máis funcional e moderno. As
redes colaborativas deberían extenderse a todos os sectores económicos e á
sociedade civil pois non pode quedar nun mero ente de colaboración e boa
vontade política entre alcaldes, presidentes de cámaras municipais, concelleiros,
vereadores, concellerios ou reitores universitarios que se reunen periodicamente
para administrar os recusos alleos que lles chegan da Unión Europea. Debemos
preguntarnos: ¿e se Europa non pon os cartos non existe a Eurorrexión?
7. Potenciar a autoxestión dos intereses colectivos dos cidadáns a nivel das
parroquias como entidades con identidade propia, poñendo en valor a función
histórica que tiveron para administrar os servizos de interés comunitario, como a
axuda mutua nas labores agrícolas, os seguros agrarios, a limpeza do monte, o
coidado dos cemiterios, a organización de festas ou as competicións deportivas.
Nas cidades temos a lei de propiedade horizontal, que regula os espazos de uso
común en bloques de pisos e urbanizacións de casas unifamiliares, pero non así
no medio rural. No caso das parroquias rurais inglesas, que son similares ás
galegas, por ser entidades colectivas de poboación conformadas por varios
asentamentos disperos, o Estado tenas recoñecidas como unidades
administratativas e se encargan da xestión dos servizos comúns e de favorecer a
comunicación e a cultura local. Elixen cada catro anos ao seu «alcalde
parroquial», que non ten remuneración económica, e as ditas entidades
parroquiais deben ser consultadas polo municipio antes de aprobar calquera
actuación urbanística no seu ámbito territorial. No caso galego, resulta moi
importante potenciar o interese local polo ben común e a identificación cultural e
colectiva a nivel da parroquia. Debemos recuparar e potenciar todo aquilo que ten
de positivo a cultura tradicional de Galicia, pero adaptándoa á nova realidade
urbana.
8. Potenciar social e politicamente debates críticos e diverxentes sobre conceptos
denostados e tabú da nosa cultura, como pode ser caso do «minifundio», que non
debemos de esquecer forma parte da nosa propia história e identidade, ao igual
cá lingua, a música, o folcklore ou a paisaxe. O minifundio tradicional da
parcelación da propiedade da terra permitíu alimentar a centos de miles de
campesiños galegos durante séculos, quenes tiñan no seu anaco de terra o
sustento familiar propio e tamén o dos señores de pazos, casas fortes, igrexas e
mosteiros, aos cales pagaban rendas e foros. Agora mesmo requirimos reinventar
o dito minifundio en positivo, pois ábrense grandes posibilidades económicas en
relación coa agricultura familiar, coa pesca e marisqueo artesanal e coa
comercialización de produtos ecolóxicos nos mercados europeos. As economías
familiares do minifundio galego son moi diversas e na costa foron quen de cultivar
a terra e tamén o mar. A horta familiar galega e o policultivo tradicional, rico en
diversas legumes, verduras, froitas, carnes, queixos ou viños, poden converter o
minifundio e a agricultura familiar nun modelo de desenvolvemento sostible fronte
ao latifundio e á agricultura industrial.
9. Procurar, cultural e politicamente, a igualdade de xénero frente ao «quen manda
na casa», a conciliación da vida laborar e familiar e os valores igualitarios de
homes e mulleres; para isto teremos que racionalizar os horarios de traballo
segundo os estándares europeos de xornadas continuas. As longas xornadas
laborais de «sol a sol», propias dunha sociedade rural tradicional, deixan de ter
sentido nunha sociedade como a galega actual, na que os seus membros
traballan maioritariamente nos servizos e na industria. As mulleres galegas foron
incorporadas ao mercado de traballo nas tres últimas décadas e agora cómpre
establecer medidas de protección e valorización social da maternidade. A
protección social da infancia, o acceso a servizos de garderías en centros de
traballo e estudo ou as prestacións económicas de axudas públicas ou reducción
de impostos ás familias con fillos en idade escolar deben formar parte das
políticas demográficas. Criar fillos en Galicia non pode ser visto como unha
pesada carga, que debe soportar unha muller obrigada a renunciar ao progreso
profesional.
BIBLIOGRAFÍA
BOUHIER, A. (1979) La Galice. Essai geographique d'analyse et interpretation d'un
vieux complexe agrarie. La Roche Sur Yon.
BRYANT, C.R.; Russwurm, L.H. e Mclellan, A.G. (1982) The City´s countryside. Land
and its management in the rural-urban fringe. New York: Longman.
CASTELLS, M. (2000): La Era de la Información. Madrid: Alianza Editorial.
EVANS, N., MORRIS, C., WINTER, M. (2002): Conceptualizing agriculture: a critique of
postprodutivism as the new orthodoxy. Progress in Human Geography 26.3, pp.
313-332.
FARIÑA JAMARDO, J. (1981) [1975] La parroquia rural en Galicia, Madrid: I.E.A.L.
FERRÁS SEXTO, C. (1996): Cambio rural na Europa Atlántica. Os casos de Galicia e
Irlanda 1970-1990. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia e Universidade de
Santiago.
(2000) «Counterurbanization and Common Agricultural Policy. Implications for the
Galician country». Internacional Colloquium New Urban and New Rural Pattern.
Estrasburgo: Asemblea parlamentaria do Consello de Europa. (2000).
(2009) «Suburbanisation tendencies within the context of the new society. The case of
the Galician countryside, 1970-1991». Zeitschrift für Agrareschichte und
Agrarsoziologie, Heft 2/57. Jg. / pp. 30-45.
GONZÁLEZ MARIÑAS, P. (1994). Territorio e identidade: Galicia como espacio
administrativo. As grandes “cuestións históricas” e a súa proxección actual.
Santiago de Compostela: EGAP-Xunta de Galicia.
HANLON, B.; SHORT, J.R. (2010) Cities and Suburbs. New metropolitan realities in the
US. Oxford: Routledge.
LÓPEZ IGLESIAS, E. (1996) Movilidad de la tierra y dinámica de las estruturas agrarias
en Galicia. Madrid: MAPA,
MELLA, C. (1988) A Galicia posible. Vigo: Xerais.
O’FLANAGAN, P. (1996) Xeografía histórica de Galicia. Vigo: Xerais.
RIBEIRO, O. (1967) Portugal, o Mediterráneo e o Atlántico. Lisboa: Ed. Sá da Costa.
SNEDDON, CH. S. (2000) «Sustainability in ecological economics, ecology and
livelihoods: a review». Progress in Human Geography 24 (4), pp. 521-549.
TOFFLER, A. (2006) La revolución de la riqueza. Barcelona: Plaza & Janés.
VILLARES PAZ, R. E LÓPEZ ANDIÓN, X.M. (1974) «Minifundio». Gran Enciclopedia
Gallega. Gijón: Silverio Cañada editor.
top related