o comezo da idade media i a fin do imperio romano de ... comezo da... · como vimos, a parte...
Post on 22-Mar-2020
7 Views
Preview:
TRANSCRIPT
1
O COMEZO DA IDADE MEDIA
I
A FIN DO IMPERIO ROMANO DE
OCCIDENTE E O ESTABLECEMENTO DOS
REINOS XERMÁNICOS
A FIN DO IMPERIO ROMANO
Imperio Romano: A crise do século III
Foi esta unha crise que xa se viña xestando no século anterior, cando
comezaban a fallar os dous fundamentos que sostiñan o edificio institucional: a
prosperidade económica e a paz. Nese momento comeza a producirse un
encarecemento dos prezos dos produtos, que levou á sociedade romana a verse
nunha situación de inflación e, por outra banda, a necesidade dos emperadores
–en particular Marco Aurelio- de acudir frecuentemente a protexer as fronteiras
do Danubio ante a presión dos pobos xermánicos.
A suba dos prezos puido ser debida ao feito de que o mundo romano estaba
baseado nunha prosperidade aparente xa que producía pouco, dada a súa
tecnoloxía produtiva, e consumía moito tanto a nivel privado coma público. Este
nivel de gasto estivera sostido durante os séculos I e II polas conquistas, que
proporcionaron ao Estado romano abundantes recursos en forma de botíns e de
escravos; pero, detida a conquista xa na época de Adriano, ao Estado comezou
a facérselle difícil manter os seus abundantes servizos sen aumentar os
impostos.
Esta situación veuse agravada por dous feitos políticos:
a. A presión, ao longo do século III, nas fronteiras do Rin e do Danubio, polos
pobos xermánicos que pasaban ao Imperio saqueando e destruíndo
2
cidades1, que fixeron que o antigo exército, formado por 300.000 homes,
resultara insuficiente para a defensa do Imperio.
b. Estas dificultades políticas e militares fixeron estoupar o sistema de
elección dos emperadores: cada exército imperial críase co dereito de
impor ao seu xefe como emperador e adoitaban enfrontarse entre si para
obter o título imperial2. Foi esta unha situación que repercutiu
negativamente na vida das cidades que foron obxecto de frecuentes
saqueos e destrucións, non so pola parte dos inimigos exteriores, senón
tamén por obra dos diversos exércitos romanos en loita. Con iso a
inseguridade creceu e as rutas comerciais de longa distancia adoitaban
verse interrompidas.
Os gobernantes, para poder pagar os crecentes gastos militares, comezaron a
emitir moeda de baixo valor, o que provocou unha aceleración do proceso
inflacionario.
Tentativas de rescate do Imperio: século IV
A situación de caos económico e político da segunda metade do século III
produciu serios trastornos no Imperio.
a. No aspecto político e militar o Imperio dos séculos III-IV (coñecido como
Baixo Imperio) é un estado á defensiva: as cidades rodeáronse de
murallas e creouse un exército máis numeroso3. Para poder manter esta
maquina defensiva o emperador tivo que asumir poderes absolutos
(adoptou o título de dominus e quitou todo o poder ao Senado) e rodeouse
dunha burocracia moi dura encargada de recadar os tributos necesarios
para pagar o sistema defensivo a toda costa. Foi esta a labor dos
emperadores chamados ilirios, especialmente de Diocleciano (284-305).
b. Por outra parte a economía urbana xa non se recuperou dos golpes que
recibira no século III. As xentes ricas deixaron de confiar no comercio e
na industria e comezaron a apoiarse nas súas propiedades rurais como
1 Entre os anos 264 e 268, os ataques de francos e alamáns, atravesaron a Galia e chegaron ata terras de Hispania. 2 Durante os anos 235 e 285 existe dentro das fronteiras do Imperio unha situación case permanente de guerra civil. 3 O aparato militar chegou a doblar o seu número acadando os 600.000 homes.
3
única fonte de riqueza. Desta maneira ruralizouse a economía, e parte da
poboación urbana trasladouse ao campo transformándose en grandes
propietarios (os ricos) ou en cultivadores da terra dos ricos (os pobres).
Esta nova economía, principalmente agraria, era aínda menos produtiva que a
anterior economía urbana e tivo que soportar unha presión fiscal que ás veces
chegaba a quitar un terzo das rendas aos contribuíntes. Diante desta situación
de acoso económico por parte do Estado romano, os grandes propietarios
comezaron un proceso de evasión fiscal amparándose na súa riqueza e o seu
poder que lles permitiu resistir á burocracia recadadora de impostos. Pola contra,
os pequenos propietarios non podían escapar con tanta facilidade deste pago de
impostos e, moitas veces, acababan por perder as súas terras que tiñan que
vender aos grandes propietarios. Consumada así a ruína dos pequenos
propietarios, estes remataron por converterse en cultivadores dos grandes
latifundistas que exercían sobre eles un verdadeiro dominio.
A nivel político destaca a reunificación do Imperio baixo Constantino (306-337)
que reorganizou toda a administración, recoñeceu o cristianismo –edicto de
Milán, 313- e trasladou a capitalidade a Constantinopla (maio 330). Isto fixo que
o Imperio collese novos pulos, pero sobreviviron poucos anos a Constantino.
E así, ao longo do século IV a situación do Imperio fíxose cada vez máis
angustiosa e, no ano 395, o emperador Teodosio dividiu o Imperio en dúas
partes, dando cada unha delas aos seus fillos: para Arcadio, a parte oriental,
para Honorio, a Occidental.
A desaparición do Imperio de Occidente: o século V
Durante o século V ese dobre proceso –empobrecemento do Estado e
ruralización da economía- fíxose especialmente grave na parte occidental do
Imperio, que rematou por desaparecer no ano 476 cando un xefe militar
xermánico, Odoacro, depuxo ao último emperador de Occidente, chamado
Rómulo Augústulo.
Con isto chegara á súa fin o proceso iniciado xa no século anterior e que adquiriu
carácter masivo no século V: a apropiación do poder militar e político no Imperio
polos pobos xermánicos infiltrados dentro del.
4
Estes pobos, a pesares dos seus ataques ao longo do século III, foron sempre
rexeitados ou asimilados como colonos sometidos totalmente ao Imperio. Pero
no 376 o emperador de Oriente, Valente, permitiu que dous grandes pobos
xermánicos –visigodos e ostrogodos- se instalaran ao sur do Danubio, na
Península Balcánica, non como pobo sometido senón como pobo aliado co que
se pactaba que a cambio da entrega de terras e recursos defendería as fronteiras
do Danubio de posibles futuros atacantes.
Este proceso de penetración, pacto e asentamento repetiuse a partir do 406 e,
durante todo o século V, varios pobos xermánicos foron ocupando o territorio do
Imperio de Occidente, con pacto ou sen el. A eles uníronse os visigodos e os
ostrogodos aos que o imperio de Oriente empurrou cara Italia. Así, a finais do
século V, varios pobos xermánicos, cos
seus exércitos, as súas leis e o seu poder
campaban ás súas anchas dentro do
Imperio de Occidente que firmara con eles
pactos que legalizaban tal ocupación. De
esta maneira, o xesto de Odoacro, ao
depoñer ó último emperador, foi só o
recoñecemento dun feito consumado: o
poder militar e político do emperador no
Imperio de Occidente pasara a mans dos
xefes dos pobos xermánicos asentados nos
seus territorios.
Ilustración 1 Destronamento de Rómulo Augustulo
5
O ESTABLECEMENTO DOS POBOS
XERMÁNICOS
Introdución
Como vimos, a parte occidental do Imperio romano, abandonada ás súas propias
forzas, desintegrouse diante das emigracións dos pobos xermánicos (bárbaros).
Durante todo o século V o Imperio amosouse incapaz de adaptar aos pobos
invasores e rematou por perder a súa estrutura política.
Pero as súas formas económicas, sociais e culturais non desapareceron tan
axiña, xa que os pobos xermánicos as imitaron xa fora voluntaria ou
involuntariamente, dentro das súas limitadas posibilidades. A pervivencia da
civilización romana, cada vez máis degradada, mantívose ata moi tarde. E cando
comece a xurdir con personalidade propia o que chamamos civilización europea,
a lembranza, as influencias do desaparecido mundo romano atoparémolas na
súa economía, nas súas formas sociais, na cultura (linguas romances) e no seu
mesmo arte.
Os pobos xermánicos e as migracións dos séculos III-V
Unha cuestión relativa ao tema era quen eran eses pobos xermánicos. Os
romanos chamábanos bárbaros, co significado de estranxeiro, porque así eran
chamadas todas as persoas que vivían fóra das fronteiras do Imperio. Estes
vivían ao outro lado do Rin e do Danubio. Eran gandeiros e practicaban unha
agricultura de cereais moi primitiva.
Emigraban con facilidade cando os
obrigaban as frecuentes loitas que
mantiñan entre eles. Vivían en
pequenos poboados, nos claros,
rodeados de bosques.
Non chegaron a formar un Estado
politicamente organizado. Decidían
os seus problemas de forma democrática en asembleas xerais, e só escollían a
un xefe, que podía chegar a ser rei, se acadaba a fama, nos caos de guerra. A
6
súa única lei era o costume (lei consuetudinaria). Só as tribos que vivían xunto
ao limes do Imperio romano coñecían a moeda e tiñan algunha influencia da
cultura romana. Así, os visigodos foron evanxelizados por sacerdotes cristiáns
da herexía arriana cando vivían na Dacia, ao outro lado do Danubio.
A maioría destes pobos xermánicos tiñan unha cultura moi pobre e eran
politeístas. Os seus deuses eran forzas da natureza; os seus santuarios
atopábanse no fondo das fragas. O seu paraíso, o Walhalla, era o dominio do
deus Wotan, onde ían os guerreiros que morrían en combate.
Os novos reinos xermánicos e os seus problemas
Unha vez rebasado o limes, estes pobos xermánicos espalláronse polo Imperio
Romano de Occidente e paseniñamente foron asentándose e dominando amplas
zonas. A finais do século V os grupos máis importantes eran:
Os visigodos, que ocupaban Hispania e o sur da Galia.
Os ostrogodos, que daquela invadiran Italia e
Os francos, que comezaban a súa expansión polo norte e centro da Galia.
Outros grupos menores
eran os vándalos, no
norte de África, os
anglos e os saxóns, que
se instalaron en Britania,
os burgundios, que o
fixeron no val do río
Ródano ou os suevos,
que se asentaron no
noroeste de Hispania.
O primeiro problema que
se viron obrigados a
resolver estes pobos xermánicos foi o de establecer unha organización política.
Antes da emigración, as súas estruturas políticas, moi sinxelas, bastábanlles.
Pero agora ocupaban zonas máis amplas e dominaban permanentemente aos
habitantes do desaparecido Imperio Romano; precisaban de algunha forma de
7
goberno estable e estruturada. Remataron por organizarse en monarquías, que
na súa orixe foron electivas, é dicir, cando un rei morría, a asemblea ou os
notables elixían ao seu sucesor que non tiña por que ser necesariamente o seu
fillo, nin sequera da mesma familia. Era un recordo da antiga democracia das
asembleas de guerreiros que escollían aos seus xefes nos momentos difíciles.
Pero máis tarde, esas monarquías fixéronse hereditarias: cando morría un rei
deixaba o reino aos seu fillo ou fillos. Si eran varios podía repartirlles o reino que
consideraba como unha propiedade particular.
Estes xefes xermánicos víronse na necesidade
de organizar os seus reinos. O único modelo
que tiñan para imitar era o do Imperio Romano
que acababan de desmantelar. Á súa imitación
crearon códigos de leis e rodeáronse dun
pequeno corpo de funcionarios e conselleiros
que, como o ostrogodo Teodorico o Grande,
tiveron que buscar entre os súbditos romanos
máis cultos e expertos en organización. A súa
principal forza, sen embargo, estaba no
exército, formado case en exclusiva por
súbditos xermanos.
Por outra parte se lles presentaron graves problemas de convivencia ou de
adaptación cos habitantes do Imperio Romano. Estaban afastados polo idioma,
a relixión, as leis e a cultura en xeral. E como, en proporción, eran poucos, o
dilema que se lles presentou foi o de ou fusionarse cos pobos dominados
(romanistas) ou manterse aparte e formar un so pobo como minoría dominante
(nacionalistas). As dúas solucións resultaron difíciles. Ostrogodos e vándalos,
que mantiveron un espírito nacionalista, que os fixo moi impopulares entre os
habitantes romanos, remataron por ser vencidos polos bizantinos en tempos do
emperador Xustiniano (século VI). Os visigodos que, logo dun período de
afastamento, remataron por aceptar a vía romanista, acabarían sendo vencidos
polos musulmáns (século VIII) e tampouco sobreviviron á derrota.
Ilustración 2 Leis de Teodorico, ano 512
8
O proceso de ruralización de Europa
Como sinalamos no apartado dedicado á crise do Imperio Romano, as
emigracións xermanas precipitaran a decadencia económica e a ruralización da
Europa occidental. O Mediterráneo mantívose como vía de comunicación co
Imperio Romano de Oriente (Bizancio), que monopolizaba a industria e o
comercio. Pero os reinos xermánicos de
Occidente dificilmente podían reactivar este
intercambio. Os metais preciosos (ouro e
prata) eran cada vez máis escasos. A
agricultura e a gandería remataron por
converterse nos modos de actividade básicos
da economía e da terra na única fonte de
riqueza. A xente abandonaba as decadentes
cidades romanas na procura de sustento no
campo e as relacións comerciais diminuíron
progresivamente. A economía foise facendo
cada vez máis pechada (autarquía). Cada
comarca ou unidade rexional procuraba autoabastecerse, producir todo o que
precisaba.
Isto tivo consecuencias na cultura. Unha economía rural, campesiña, era incapaz
de producir unha cultura como a romana, creada nas cidades e protexida pola
riqueza e o poder do Estado. Algúns monarcas xermanos, como o ostrogodo
Teodorico (Rávena) ou o franco Carlomagno (Aquisgrán), tentaron manter un
certo nivel cultural que lembrara o romano. Fracasaron.
As únicas escolas atopábanse nos mosteiros ou nunhas poucas cidades
episcopais, como a de San Vítor en Marsella, na Galia, a de Bobbio en Italia, ou
a de York en Inglaterra. Deste tempo non hai moitas personalidades senlleiras
no campo da cultura, pero destacaremos a Boecio e Casiodoro en Italia, Gregorio
de Tours en Francia, Beda o Venerable en Inglaterra ou San Isidoro en España,
que se limitaron a recompilar, con máis ou menos fortuna, os coñecementos da
cultura romana. Tampouco atopamos obras arquitectónicas do fuste das
romanas. O que si podemos destacar son os libros miniados ea ourivería.
Ilustración 3 Moeda de ouro (solidus) coa efixie de Teodorico
9
Unha ponte entre as dúas civilizacións: o cristianismo
Durante os máis de tres séculos nos que paseniñamente foi desaparecendo
unha civilización (romana) para dar paso a outra (europea occidental), o
cristianismo xogou un papel extraordinario nesa transformación. Foi a ponte de
enlace e unha das principais forzas motrices da nova Europa. E conseguiuno
grazas á súa capacidade de captación dos pobos xermánicos, a través de dúas
organizacións básicas: o bispado e o monacato.
Os bispos apareceron, dentro da desorganización dos últimos momentos do
Imperio Romano de Occidente, como as únicas personalidades políticas que
podían tratar cos xefes xermánicos. Isto deulles prestixio e forza de atracción.
Pola súa superior cultura, convertéronse pronto en conselleiros imprescindibles.
Entre os bispos de Occidente, un comezou a destacar axiña, o patriarca-bispo
de Roma. Libre do dominio do emperador, que residía en Constantinopla, o bispo
de Roma traballou con absoluta independencia
de calquera poder político.
A primeira organización para a Igrexa
occidental, superando o pequeno marco da
cidade de Roma, deuna Gregorio Magno (590-
604), que non dubidou en proclamarse xefe de
toda a Igrexa (Papa) e, como descendente
directo de San Pedro, primeiro bispo de Roma,
superior aos patriarcas da igrexa en Oriente. A
súa actividade organizadora foi extraordinaria e
o seu apoio á labor evanxelizadora entre os
xermanos, definitiva. A conversión de
visigodos, lombardos e anglosaxóns
desenvolvéronse ou comezaron durante o seu
papado. Puido facelo porque contou co apoio
do monacato.
Ilustración 4 Gregorio Magno. Antes de ser elixido Papa desempeñou diversas labores na administración da cidade de Roma. Como Papa impulsou a evanxelización dos pobos xermánicos, introduciu o canto nos actos litúrxicos -canto gregoriano-.
10
O monacato apareceu en occidente máis tarde que en
oriente. Os dous puntos claves do seu desenvolvemento
estiveron en Irlanda-Inglaterra e en Italia. Monxes
irlandeses actuaron en Inglaterra primeiro e logo en
Europa. San Columbano e os seus discípulos
evanxelizaron parte da Galia e fundaron varios mosteiros
(Luxeuil, Saint Gall, séculos VI-VII); foron monxes
anglosaxóns como San Bonifacio os que traballaron, máis
tarde, na evanxelización de Xermania (século VIII).
Pero a orde que acadou maior desenvolvemento foi a dos benedictinos, fundada
por San Bieito de Nursia (480-547) no mosteiro de Montecassino (529). A regra
da comunidade esixía tres votos (castidade, obediencia e pobreza) e unhas
determinadas horas de traballo físico e intelectual. Construídos no campo, entre
os latifundios e as terras de cultivo dos xermanos, os mosteiros convertéronse
en centros de evanxelización, en granxas modelo e nos únicos núcleos culturais.
Nas súas bibliotecas refuxiáronse os poucos manuscritos que quedaban da
cultura romana, que os monxes copiaron pacientemente no scriptorium. Por
outra parte a Igrexa mantivo o latín como lingua litúrxica e literaria.
Ao nivel das cortes dos reis xermánicos e ao nivel do pobo, a Igrexa deu unha
unidade relixiosa a toda Europa occidental. E comezou a converterse, dentro
dunha sociedade cada vez máis rural, na súa cabeza intelectual. Cando Europa
comece a producir as súas primeiras formas culturais, farao dentro da
mentalidade cristiá.
Ilustración 5 San Bieito de Nursia
11
Os francos e o seu intento de reconstrución do Imperio
Romano de Occidente
Comezos do reino e dinastía merovinxia
Durante a época romana, os francos estaban instalados xunto á fronteira norte
do Imperio. Cando cedeu o limes pasaron a ocupar o norte da Galia. A comezos
do século VI, o seu rei, Clodoveo, da dinastía dos merovinxios, converteuse ao
catolicismo, o que lle fixo gañarse o favor dos nobres e señores de orixe romana,
fixo leis comúns para francos e romanos (as leis sálicas) e deulle forma a un
reino sólido. Tras derrotar aos visigodos na batalla de Vouillé (507), conseguiu
expulsalos da Galia –excepto a Narbonense- e así ampliar o territorio do reino
franco.
Do mesmo xeito que os reis visigodos, Clodoveo e os demais reis francos tiña
moitas liortas cos nobres, que non querían que a monarquía fose hereditaria.
Para pacificalos, o rei Clotario creou para eles diversos cargos políticos, un
deles, en especial, era moi distinguido: o mordomo de palacio, que era a persoa
con máis autoridade do reino logo do propio rei. No ano 679 Pipino de Heristal,
da familia dos carolinxios, converteuse en mordomo real, e axiña comezou a
suplantar ao rei nas súas funcións; derrotou a outros pobos bárbaros que querían
ocupar a Galia, e moitos nobres recoñeceron a súa autoridade.
O seu fillo, Carlos Martel seguiu os seus pasos como mordomo. Cando no ano
732 os musulmáns invadiron a Galia; Carlos Martel derrotounos en Poitiers e
fíxoos retroceder ao sur dos Perineos. Esta vitoria deulle tal autoridade que puido
gobernar como se el fora o rei. Á súa morte, os nobres francos elixiron ó seu fillo
Pipino o Breve coma rei e expulsaron ao merovinxio.
A dinastía carolinxia
Así pois, Pipino o Breve é o fundador da dinastía carolinxia. Protexeu ao Papa
Esteban II dos invasores lombardos, que ocuparan o norte de Italia, e conquistou
para el un territorio no centro de Italia, arredor da cidade de Roma; a cambio, o
Papa deulle a bendición como rei, o que lle deu unha autoridade aínda maior.
12
Cando morreu Pipino (768), herdou o trono o seu fillo Carlos, coñecido como
Carlomagno. Como rei, Carlomagno enfrontouse aos pobos que rodeaban os eu
reino e o ameazaban: someteu e conquistou aos saxóns, ao norte, e aos eslavos
ao leste. Derrotou aos lombardos e fíxose coroar como o seu rei. Ademais, levou
un exército contra o Emirato de Córdoba, na Península Ibérica, e tentou tomar
Zaragoza; non o conseguiu, pero si ocupou os vales dos Perineos, onde creou
unha provincia limítrofe, a Marca Hispánica.
Como o seu pai, Carlomagno
protexeu ao Papa, e este coroouno
emperador dos Romanos, sucesor
dos antigos emperadores de
Roma, no Nadal do ano 800.
O imperio de Carlomagno
Os territorios do imperio de
Carlomagno abarcaban unha área moi extensa de Europa Occidental e Central:
ocupaba todo o reino dos francos e os territorios que o propio emperador
sometera. Ademais, exercía o
seu dominio sobre os pobos do
leste, que recoñecían a súa
autoridade, e dalgún xeito tamén
sobre o Papa.
Para poder gobernar todas estas
terras, Carlomagno tomou como
modelo aos antigos emperadores
romanos: dicía que todo o poder
dependía del, que estaba
bendicido pola Igrexa, coma se o seu poder viñera de Deus.
Ilustración 6Coroación de Carlomagno como Emperador no Nadal do 800
Ilustración 7 Mapa do Imperio Carolinxio
13
Para apoialo nas tarefas de goberno estaban o chanceler, cargo ocupado por un
clérigo moi instruído, encargado da correspondencia e os asuntos reservados, e
o mariscal, o xefe das tropas. Outros cargos eran de tipo honorífico, como o de
camarlengo ou axudante de cámara ou o de copeiro do rei, que distinguían a
aqueles nobres que os ocupaban e eran moi
cobizados.
O imperio estaba dividido en condados, cada un
gobernado por un conde; as zonas fronteirizas,
chamadas marcas, estaban a cargo dos
marqueses. Condes e marqueses debían
obedecer as consignas do emperador que, para
vixialos, enviaba periodicamente aos missi
dominici.
A capital deste imperio situouse en
Aquisgrán, onde Carlomagno mandou
construír un palacio do que só conservamos
a capela, que actualmente forma parte da
catedral da cidade. Neste palacio creou un
centro de estudos, a Escola Palatina, que
encheu de sabios, case todos clérigos,
chegados de todas as rexións de Europa e
que puxo baixo a dirección de Alcuino de
York. Estes sabios esforzáronse en
recuperar os coñecementos da época
romana e os organizaron nas chamadas
artes liberais distribuídas en :
Trivium: retórica, gramática e dialéctica
Quadrivium: aritmética, xeometría, astronomía e música
Ilustración 8 Capela Palatina de Aquisgrán, co trono de Carlomagno
14
Chamábanse artes liberais porque daquela se entendía que facían libres aos
homes. Este sistema de distribución
de estudos foi logo adoptado polas
universidades medievais.
Outra das promocións de
Carlomagno foi a fundación de
mosteiros, que se rexerían segundo
a regra de San Bieito e que
axudaron a manter e espallar o
coñecemento e a protexer a cultura
grecolatina.
Crise e final do Imperio carolinxio
Á morte de Carlomagno, ascendeu ao trono o seu fillo Luís o Piadoso (814-840)
quen mantivo a herdanza do seu pai practicamente intacta. Pero logo da súa
morte, os fillos deste enfrontáronse entre eles polo poder. Logo dunha longa
guerra, os tres irmáns que sobreviviron firmaron o Tratado de Verdún (845), no
que se repartían o territorio: Carlos, chamado o Calvo, recibiu o reino occidental
(o territorio que máis ou menos coincide con Francia); Luís, alcumado o
Xermánico quedou coa parte oriental (moi semellante a actual Alemaña), e
Lotario, o máis vello, quedou
co reino central, desde Frisia
(hoxe Países Baixos) ata o
norte de Italia. Ningún deles
herdou o título imperial, e así,
o imperio carolinxio
desapareceu. Máis adiante, a
Lotarinxia (o reino de Lotario)
foi dividido entre Carlos o
Calvo e Luís o Xermánico.
Estes novos reis tiñan moita menos autoridade que a que tivera Carlomagno; os
seus condes e marqueses considerábanse donos das terras que gobernaban e
Ilustración 9 Evanxeliario de Godescalco, realizado no scriptorium de Aquisgran a finais do s. VIII
15
convertéronse en señores feudais, con plena autoridade sobre os seus
territorios. De esta maneira foise desintegrando a unidade dos reinos.
16
II
O IMPERIO BIZANTINO
Introdución: O Mediterráneo deixa de ser o Mare Nostrum
Este fenómeno produciuse moi paseniñamente, desde a crise económica sufrida
polo Imperio Romano a partires do século III. O mar Mediterráneo fora o eixo do
Imperio e a súa principal vía de comunicación. Ao unificalo militarmente os
romanos puxeran en contacto civilizacións distintas e lles deron unidade
lingüística e xurídica, pero non económica. A parte oriental do Mediterráneo
(Exipto, Siria, Asia Menor, Grecia) mantivo a economía comercial e urbana dos
antigos reinos helenísticos, con grandes cidades artesanais e comerciais
(Alexandría, Antioquía, Pérgamo). A parte Occidental (Italia, Galia, Hispania)
nunca chegou a superar unha estrutura económica de tipo agrícola gandeiro de
consumo. Fronte á industria oriental, occidente só puido exportar materias
primas (aceites e minerais).
A crise do século III puxo ao descuberto esta diferenza Oriente-Occidente. E
desde ese momento a situación non fixo máis que agravarse en beneficio da
parte oriental, máis rica e poboada que a occidental. Un bo síntoma desta
situación é o feito de que, a comezos do século IV, os emperadores abandonaran
Roma, a antiga capital creadora do Imperio, por unha nova cidade de Oriente,
Constantinopla4.
Como xa sinalamos máis arriba, durante o século IV, debido á presión nas
fronteiras, os emperadores romanos acabaron por establecer unha división
administrativo-militar entre Oriente e Occidente, que rematou, á morte de
Teodosio (395) na creación de dous estados: o Imperio Romano de Oriente, nas
mans do seu fillo Arcadio, e o Imperio Romano de Occidente, que quedou para
4 Esta cidade foi fundada polo emperador Constantino no ano 330, e alí trasladou todos os símbolos do poder imperial.
17
o outro fillo, Honorio. Esta parte remataría por desaparecer politicamente diante
da presión dos pobos xermánicos.
Durante un tempo o supervivente Imperio Romano de Oriente (ou Imperio
Bizantino) mantivo aberto un mínimo comercio a través do Mediterráneo
Occidental (Xustiniano, s. VI). Pero, a aparición do Islam, a partir do século VII,
nas costas africanas, rematou definitivamente coa unidade político-cultural que
representara o Mediterráneo romano. Así, arredor do século IX, tres civilizacións
distintas se estruturan en torno ás beiras deste mar: a bizantina, a europea
occidental, que están a iniciar os estados xermánicos, e a islámica.
Evolución xeral do Imperio bizanzino
A comezos do século V o Imperio
Romano de Oriente comprendía as terras
limítrofes do Mediterráneo Oriental e do
Mar Negro. Fundamentalmente os
territorios de Exipto, Siria, Asia Menor,
Grecia e os Balcáns ata o Danubio.
Durante o século VI, o emperador
Xustiniano (518-565), seguindo a idea de
que toda a cristiandade debía estar baixo
o poder do emperador de Constantinopla, tentou reconstruír de novo o Imperio
Romano unificando o Mediterráneo. Así, os seus xenerais Belisario e Narsés,
acabaron co reino ostrogodo de Italia, o vándalo do Norte de África e arrebataron
o SE de Hispania aos visigodos.
Por un momento o Mediterráneo
volveu ser un mar romano e o
Imperio viviu unha primeira
etapa de esplendor que
sobreviviu poucos anos ao
emperador.
A crise máis grave sufrida polo Imperio tivo lugar entre os séculos VII e VIII. A
marea musulmá ocupou as provincias máis ricas: Exipto, Siria, Palestina. Isto
resultou transcendental na evolución do Imperio porque o privaba das súas
Ilustración 10 Mosaico co emperador Xustiniano na Igrexa de San Vital de Rávena
18
provincias máis ricas e dinámicas e o deixaba reducido ás terras máis pobres,
de economía agrícola-gandeira, menos industrializadas. Agora só quedaba
como único centro comercial e industrial do Imperio a súa capital,
Constantinopla.
O Imperio viuse obrigado a reorganizarse de modo militar: provincias en función
dos corpos de exército (themas), mandados por xenerais (estrategas).
Grazas a iso os emperadores das
dinastías Isauria e Macedónica lograron
deter o avance musulmán e esnaquizar a
ameaza búlgara que chegaba polo
Danubio. Durante os séculos IX-XI o
Imperio viviu unha segunda etapa de
esplendor.
Pero non puido defenderse con éxito da
presión dun novo pobo fronteirizo, os turcos, establecidos no Asia Menor e
islamizados. Especialmente despois de
que a Cuarta Cruzada deixara
Constantinopla moi danada pola
ocupación dos francos. Así, o Imperio
foi perdendo territorios axiña e, no
século XIV quedou reducido á capital e
a algunhas terras costeiras do Mar Exeo
e o Mar Negro. A súa fin quedou
verificada trala ocupación da cidade no
ano 1453 polos turcos otománs do
sultán Mehmet II.
Constantinopla: a súa importancia como cidade e referente
cultural e político
Ata o século VII o Imperio tivo as cidades máis grandes e ricas do marco
mediterráneo: Antioquía, Alexandría, Xerusalén, Tesalónica, Éfeso... Pero
ningunha da importancia da capital, Constantinopla
Ilustración 11 Os últimos territorios do Imperio Bizantino
Ilustración 12 Asedio de Constantinopla
19
Construída a partir do 324 e fundada no
330 polo emperador Constantino sobre a
antiga colonia grega de Bizancio, a capital
adquiriu moi cedo gran importancia grazas
á súa extraordinaria situación estratéxica,
xunto ao estreito do Bósforo, chave da ruta
marítima Mar Negro-Mediterráneo e
enlace entre Europa e Asia.
A cidade foi levantada sobre unha
península triangular de doada defensa,
cun gran porto natural: o Corno de Ouro.
Como Roma, tiña amplas avenidas, varios
foros e unha zona residencial onde se
atopaban o palacio imperial, o senado, o
hipódromo, a gran basílica de Santa Sofía
e a Magnaura, a escola superior dentro do palacio. Pola súa situación,
Constantinopla foi unha cidade
ante todo comercial.
Monopolizou durante séculos o
comercio da seda, as especias
e os escravos. Os
comerciantes estranxeiros
tiveron o seu propio barrio ao
outro lado do Corno de Ouro
(Pera). A moeda bizantina, o
sólido, mantivo durante sete
séculos a mesma cotización.
Pero tamén foi unha cidade industrial con grandes barrios de artesáns que
traballaban a seda e a ourivería sobre todo, cotizadas en todos os países do
Mediterráneo.
Foi esta situación estratéxica e este valor económico os que a converteron no
centro do Imperio. Con máis de cinco centos mil habitantes, cunha riqueza e nivel
Ilustración 14 Reconstrución do que debeu ser Constantinopla no século XII. Na outra beira do Corno de Ouro o barrio de Pera
Ilustración 13 A cidade de Constantinopla non só estaba nun lugar privilexiado, tamén tiña fortes defensas que a mantiveron a salvo 1000 anos
20
cultural extraordinarios, Constantinopla foi durante toda a Idade Media, a cidade
máis importante de Europa e do mundo mediterráneo.
A base económico-social do Imperio bizantino
Ate a invasión musulmá (séculos VII-VIII) o Imperio mantivo unha economía de
tipo helenístico capitalista baseada en sistemas de traballo escravistas, tanto no
campo como na cidade. Exipto era o centro agrícola fundamental, Siria a
provincia máis desenvolvida. Alexandría e Antioquía eran os centros comerciais
e bancarios máis importantes.
A partir do século VII coa perda das provincias de Exipto e Siria, o Imperio perdeu
non só gran parte da súa poboación, senón tamén da súa riqueza e capacidade
de produción. Asia menor, máis ameazada polos ataques musulmáns,
converteuse nunha terra de grandes latifundios agrícolas e gandeiros,
organizados nunha sociedade de tipo feudal. O mesmo ocorría coas terras
europeas de Grecia e os Balcáns; o mundo artesán e comercial concentrouse en
Constantinopla en nalgúns portos do mar Exeo (Éfeso).
A transformación política
A partires do século VII, o Imperio Romano de Oriente tomou un carácter
meramente grego fronte á renovatio latina que pretendera o emperador
Xustiniano durante o século VI. Esta situación responde a unha situación de
fondo.
En principio representa unha volta ao grego como lingua oficial, o que tamén
quer dicir que, en gran parte, estaban a ser superadas as estruturas romanas.
Como xa sinalamos, o emperador Xustiniano tentou aínda reconstruír a unidade
política no Mediterráneo do antigo Imperio romano; pero os seus sucesores axiña
esqueceron esta idea romanista, sobre todo por motivos prácticos. Así,
concentraron os seus esforzos en coordinar as terras que lograban manter e en
darlles unidade e consistencia. Por iso abandonaron o latín, pola sinxela razón
de que os seus súbditos falaban preferentemente o grego.
Así, o imperator converteuse no basileus. Mantivo o seu poder absolutista
grazas ao exército e a unha ben organizada burocracia de funcionarios
repartidos por todo o Imperio. O seu poder era consagrado pola Igrexa a través
21
do acto de coroación que
efectuaba o patriarca de
Constantinopla. O poder
era transmitido
hereditariamente. Aínda
que era forte, estaba
suxeito a frecuentes
conxuras de palacio ou a
sublevacións populares que comezaban, moitas veces, no hipódromo.
O basileus vivía no palacio rodeado dun luxo e unha etiqueta que buscaban non
só realzar a súa autoridade, senón tamén impresionar aos embaixadores doutros
pobos. Tamén mantiña, aínda que
sen o valor que noutro tempo
tiveran, algúns dos títulos políticos
do vello imperio romano: senado,
cónsules...
A primeira tendencia romanista
culminou na obra xurídica de
Xustiniano. Este emperador
codificou o Dereito Romano nunha
importante obra: o Corpus Iuris Civilis. Pero os emperadores dos séculos VIII
e IX coma León III Isaurio (740), Basilio I (879) e León o Sabio (887-893)
redactaron os códigos, agora en grego, adaptados á nova situación do Imperio.
Bizancio: un Imperio cristián
No Imperio Romano de Oriente a Igrexa xogaba un papel determinante. Desde
as orixes do cristianismo, Oriente fora a parte que máis axiña e intensamente se
cristianizou. Dos 5 patriarcas da Igrexa, 4 estaban en Oriente: Constantinopla,
Antioquía, Xerusalén e Alexandría, e só un en Occidente, Roma.
A Igrexa de Oriente, máis culta que a de Occidente, desenvolveu a tradición
bíblica, reuniu os primeiros concilios ecuménicos para a definición da doutrina
(Éfeso, Constantinopla, Nicomedia...), creou as primeiras ordes monásticas (San
Ilustración 16 Reconstrución do hipódromo de Constantinopla. Ademais de disfrutar das carreiras o público amosaba o seu disgusto ao emperador, como lle ocorreu a Xustiniano durante a revolta de Niká (532)
Ilustración 15 Coroación de Constantino VII
22
Basilio) e evanxelizou aos pobos bárbaro-xermánicos (visigodos) e a os eslavos
(Cirilo e Metodio, século IX).
Desde un principio tivo que
enfrontar dous graves problemas:
as súas relacións co poder político
e as súas relacións con Occidente.
As primeiras non sempre foron
boas. Os emperadores sempre
pretenderon ter sometida á Igrexa a
través da figura do patriarca de
Constantinopla. Desde o ano 753
(Concilio de Constantinopla) ata o
ano 843, os emperadores
mantiveron unha loita aberta contra
a influencia dos mosteiros na chamada querela iconoclasta.
O segundo problema, as relacións con Roma, remataron cun cisma definitivo. As
disputas de prestixio entre o Patriarca de Constantinopla e o de Roma, levaron
ao Cisma de 1054, cando o patriarca grego Miguel Cerulario rachou con Roma.
Desde aquela o cristianismo oriental ou ortodoxo mantivo unha estrutura máis
tradicional que a do cristianismo católico romano.
Bizancio: Arte e cultura
O mundo cultural de Bizancio parte dunhas fontes de influencia determinantes.
Nos seus fundamentos é unha civilización helenística, derivada da que deixaran
os sucesores de Alexandre Magno. Neste aspecto preséntase como unha
mestura entre a lóxica, a proporción e o sentido da beleza dos gregos aos que
se lles engadiu o luxo e a aparatosidade de Oriente.
Pero máis que nada é unha cultura profundamente cristiá. Literatura e arte están
en función do poder imperial e da Igrexa, desenvólvense na Corte, nas
Universidades (Constantinopla, Atenas, Beirut) e nos mosteiros (Monte Athos).
É unha cultura que recompila o mundo greco-romano e o estuda a conciencia.
Non só o dereito romano, por obra de Xustiniano; nas universidades estúdase a
Ilustración 17 No 753, o emperador León III fixo retirar o icono de Xesús da porta do palacio imperial para substituílo por unha cruz, isto provocou graves enfrontamentos cos partidarios das imaxes. Foi o comezo da querela iconoclasta.
23
Homero e a os autores clásicos, revísase e anótase a ciencia greco-romana. A
Constantinopla acoden estudosos da Europa occidental e do mundo islámico
para escoitar as clases de mestres como Bardas Focas, o patriarca Focio ou
Miguel Psellos (século XI).
A súa arte é relixiosa e de
palacio. A mostra máis
espectacular que nos chegou
é a basílica de Santa Sofía,
construída durante o reinado
de Xustiniano. É unha
arquitectura de grandes
proporcións, extraordinario
luxo de medios (mármores,
decoración musivaria... )que
utiliza a cúpula como principal
elemento construtivo. As igrexas adoitan ter a planta de cruz grega, para así
destacar o espazo central que cubre a cúpula. Un capitel de dobre tronco-cónico
invertido, con un traballo de decoración moi rico, é típico da arquitectura
bizantina, que utiliza alternativamente cubertas arquitrabadas e abovedadas. O
elemento decorativo básico é o mosaico, que cobre amplas paredes ou a ábsida
das igrexas. Construído a partir de pequenas teselas de cores vivas, amosa á
xente un mundo hierático, relixioso ou político, pouco naturalista, con fondos
dourados, sen perspectiva. Da sensación de riqueza e solemnidade que se
perde, por un momento, durante a querela iconoclasta.
Ilustración 18 Interior da basílica de Santa Sofía en Constantinopla. Construída entre 532-537 por Antemio de Tralles e Isidoro de Milero baixo as ordes do emperador Xustiniano
24
III
O ISLAM
Introdución
O Islam é unha civilización baseada na relixión de Mahoma. Entre os séculos
VIII e XVI desenvolveu unha civilización importantísima da que Europa aprendeu
moitas cousas. Unha das pontes de enlace entre ambas civilizacións foi Al-
Andalus, a España musulmá, que durante o século X se converteu no centro
máis brillante do Islam.
O Islam. Orixe e bases doutrinais
O fundador desta relixión foi
Mahoma, o profeta de Allah, o
seu único deus. Mahoma era
un comerciante de caravanas
de A Meca, e pertencía a unha
familia de fortes intereses na
cidade, os quraisíes Durante
as súas viaxes coñeceu as
outras dúas relixións que
influíron na súa personalidade:
a hebrea e a cristiá. A predicación
da súa doutrina enfrontouno cos
membros da súa propia familia, que
era politeísta e encargada de
protexer os ídolos de todas as tribos
árabes que se gardaban xunto coa
Kaaba , ou pedra santa. Este
enfrontamento levouno a ter que fuxir de A Meca para refuxiarse na cidade de
Medina (Yatreb). Esta fuxida (Héxira) é para o mundo musulmán un feito
importante que marca o comezo da era islámica (622).
Ilustración 19 Representación musulmá de Mahoma predicando aos seus discípulos
25
Logo dunha serie de loitas conseguiu volver vitorioso a A Meca e dedicou os
últimos anos da súa vida a predicar a súa relixión entre os árabes que visitaban
a Kaaba. No momento do seu pasamento (632), toda a península arábiga estaba
islamizada.
A súa relixión tivo, e continúa a ter unha gran
forza, porque é moi sinxela. Só un deus, Allah,
o dono da creación e os seus crentes
(musulmán quer dicir crente) considéranse
sometidos (Islam quer dicir submisión) á súa
vontade. Todas as cousas suceden porque
Alláh preveunas así e o musulmán debe
aceptalas sempre. Mahoma é o seu último
profeta e o máis importante. Non hai outro
dogma que complique máis esta relixión. O
demais son normas de vida para chegar a ser
un bo musulmán. Os discípulos de Mahoma
compilaron as súas palabras nun libro, o
Corán.
Os chamados pilares do Islam, que permiten
ao crente acadar a perfección son:
A oración que debe practicarse cinco veces ao día, prostrándose cara a
A Meca
A esmola e a hospitalidade para con todos os musulmáns e os
estranxeiros.
O xaxún prescrito desde o alba ate o solpor, durante o mes de Ramadán,
noveno mes do ano lunar árabe.
A peregrinación cara A Meca (hadj) unha vez na vida
A guerra santa que obriga a loitar contra os infieis para defender o Islam de
calquera ataque.
Hai outras moitas normas no Corán que serven para estruturar a vida e os
costumes dos crentes. Así, non poden comer carne de porco, non poder beber
viño, poden casar con varias mulleres, a muller está sometida ao home, pero se
Ilustración 20 Primeira Sura do Corán
26
acepta o divorcio, deben ser tolerantes con outras relixións, sobre todo con
cristiáns e xudeus, non deben representar a Deus en ningunha forma escultórica
ou pictórica, etc. Xunto co Corán, os musulmáns tamén seguen a Sunna, ou
recompilación de tradicións e ditos do profeta e dalgúns dos seus compañeiros
é a outra fonte primaria da revelación de Deus e xunto co Corán define as bases
da relixión: a súa teoloxía e a súa lexislación.
A expansión do Islam
Despois da morte de Mahoma, e nun lapso moi breve de tempo, uns vinte anos,
despois de dous ou tres grandes combates, os árabes conquistaron as provincias
máis poboadas e ricas do Imperio bizantino (Siria, Exipto, Palestina) e destruíron
o Imperio Persa Sasánida, ocupando Mesopotamia. A conversión ao Islam da
maioría de sirios, exipcios e persas, permitiulles contar con recursos, homes e
cartos para continuar as súas conquistas de xeito rapidísimo.
Cara o Oeste, nunha carreira fantástica, alcanzaron, polo norte de África, o
estreito de Xibraltar e, logo de acabar co reino visigodo de Hispania, seguiron
con ímpeto máis aló dos Perineos, onde os francos lograron detelos con grandes
dificultades5. Tamén dominaron o Mediterráneo, que pecharon ao tráfico
bizantino.
5 Lémbrese a batalla de Poitiers (732) no que Carlos Martel afastou o perigo islámico do reino franco da Galia.
27
Non menos asombroso foi o seu avance cara o leste onde, a comezos do século
VIII, chegaban ao río Indo e o Turkestán, onde foron detidos polos exércitos
chineses. Moito máis lento foi o seu avance contra Constantinopla porque os
emperadores bizantinos lograron contelos na Meseta de Anatolia. A partir do ano
7506 o imperio islámico deixou de crecer. Era, sen embargo, un imperio
extraordinariamente grande, para a súa época. Foi importante que os seus
estremos alcanzaran a India e Europa: así o Islam ía servir como ponte entre as
cultura do estremo oriente e o occidente europeo.
Imperio Islámico: estrutura socio-económica
A creación dun gran imperio, como xa ocorrera con Alexandre Magno ou con
Roma, potenciou o desenvolvemento económico tradicional das zonas
ocupadas. Semi-nómades e comerciantes caravaneiros, os árabes
desenvolveron de xeito extraordinario as rotas comerciais. Arredor dun núcleo
central localizado entre Mesopotamia, Siria e Exipto, que funcionaba
xeograficamente como unha plataforma de contacto entre o Mar Mediterráneo e
o Océano Índico, o comercio musulmán enlazou a India coa Península Ibérica
ou África con Constantinopla. Unha moeda forte, o dinar de ouro, cotizada por
todo o mundo, mantivo a forza deste comercio. Sobre a liña de cidades:
Alexandría, O Cairo, Damasco, Bagdad, Basora, converxían as especias, a
seda, a porcelana ou o papel da India e da China; os escravos, o marfil ou o ouro
do Sudán africano; a madeira, os tecidos ou o ferro de Europa.
O Islam monopolizou durante máis de oito séculos as máis importantes rotas
comerciais do mundo: a ruta
caravaneira da seda, das
estepas do Asia Central, a
marítima do Índico (Mar
Vermello, Golfo Pérsico), a
fluvial do río Nilo e a
mediterránea.
6 Nese ano, a familia gobernante dos Omeias que tiña a capital do imperio na cidade siria de Damasco foi exterminada –a excecpción de Abd- al –Rahmán, que fuxíu cara Al Andalus- e fíxose co poder a dinastía dos Abasíes que trasladaron a capital a Bagdad.
Ilustración 21 Zoco de Marrakesh
28
Nestas mesmas grandes cidades, emporios de comercio, desenvolveuse un
numeroso artesanado, especializado en telas finas de seda, tapices,
damasquinados (de Damasco, mestura de fíos de seda e de algodón), en
obxectos de ourivería ou ferro (espadas de Toledo ou Damasco) e na curtidoira
da pel. Os zocos7 das cidades musulmás, coas súas rúas estreitas, foron un
verdadeiro formigueiro de comerciantes e artesáns.
A civilización islámica tamén desenvolveu, e perfeccionou moitas veces, os
sistemas de cultivo, de regadío, en amplas zonas de pouca choiva (Indo, oasis
do Turkestán, Éufrates, Nilo, hortas de Al Andalus...). Introduciu novos cultivos
en cada un deses territorios como o do algodón, o arroz, a cana de azucre,
árbores froiteiras coma o albaricoque ou a laranxeira... Para iso estendeu os
sistemas de rega e múltiples facetas: pozos e canles subterráneos, noras,
muíños...
O desenvolvemento da civilización islámica foi debido a un perfecto equilibrio
entre o campo e a cidade, entre a agricultura, a artesanía e o comercio. O mesmo
equilibrio dunha sociedade na que dominan os homes libres, as terras ben
repartidas e unha actividade comercial que permite o enriquecemento. Non é
exactamente unha sociedade de clases; é unha sociedade de ricos e pobres,
con pequenos grupos independentes, non marxinados (coma os xudeus, por
exemplo.)
O Imperio islámico: organización política
Os musulmáns crearon un tipo de goberno monárquico. O cargo principal era o
de califa, xefe non só militar e político, senón tamén relixioso, xa que era o vicario
e representante de Allah.
Cando as grandes conquistas obrigaron a dar unha organización máis sólida ao
imperio acabado de conquistar, unha familia de califas, os Omeias, montaron
unha burocracia dirixida por un primeiro ministro (visir), e dividiron o imperio en
provincias gobernadas polos emires ou os walíes e en cada cidade os cadíes
administraban xustiza segundo os preceptos do Corán. Estableceron a súa
capital en Damasco, anteriormente importante cidade bizantina. A influenza dos
7 Lugar da cidade musulmá onde se concentran os postos comerciais
29
bizantinos islamizados foi moi importante no mundo musulmán. O árabe foi a
lingua oficial.
A cultura islámica, síntese doutras culturas
O labor máis importante que realizaron os musulmáns foi o de crear unha síntese
cultural de todas as culturas dos pobos conquistados os cos que tiveron relación.
Os aglutinantes básicos foron a relixión e o idioma. De esta maneira aceptaron
as formas de goberno bizantinas, estudaron aos filósofos gregos (especialmente
a Aristóteles) e os adaptaron á súa mentalidade, copiaron as formas artísticas
bizantinas –como a utilización da cúpula nos seus edificios-, persas, indias ou
visigodas –o arco de ferradura-, introduciron a numeración e os relatos curtos
dos indios, a pólvora, o compás ou o papel dos chineses... Con todo iso souberon
crear unha cultura moi persoal que estenderon por todo o imperio e que nos
séculos IX-XII foi unha das máis avanzadas do mundo.
Eran musulmáns os mellores médicos, como Rhazes, ou o médico do califa de
Al Andalus Al-Hakam II, chamado Abul Cassim el Zahraví; os mellores
matemáticos, como Mohamed ben Musa Al-Juwarizmi, os mellores filósofos
como Avicena e Averroes, os mellores xeógrafos como Ibn Jaldun, os mellores
alquimistas e astrónomos... A través de Sicilia e de Al Andalus, esta cultura se
introduciu en Europa. Así os europeos coñeceron a pólvora, o papel, a
numeración arábiga, o compás, o muiño de vento ou o cultivo do algodón e arroz,
que actualmente están na base da nosa
civilización.
A arte musulmá estivo sempre en función da
relixión ou das clases economicamente ricas.
No
primeiro aspecto temos que destacar a
mesquita, edificio de amplos espazos
pensado para reunir aos crentes no
momento da oración; no segundo, o
palacio, onde realizaron xogos de patios
Ilustración 22 Mesquita da Rocha, Xerusalén
Ilustración 23 Alhambra- Patio dos Leóns
30
con pórticos con xardíns e fontes refrescantes como centro de dependencias que
eran mantidas en penumbra. Nun e outro tipo de edificio a decoración abundante,
en xiz ou cerámica, está limitada a formas vexetais, xeométricas e incluso de
escritura (cúfica), xa que o Corán rexeita as representacións humanas.
top related