o granado
Post on 28-Mar-2016
220 Views
Preview:
DESCRIPTION
TRANSCRIPT
O GRANADO
Conto marroquí
En tempos de Maricastaña, había unha tribo que vivía en Asni, un pobo
en pleno deserto de Marrocos. En todo o que alcanzaba a vista non había nada
senón baleiro: un ermo de area e rocas cunha vegetación exigua e espiñenta.
Durante o día, o sol abrasaba as casas de barro e palla. A auga escaseaba e o
oasis máis próximo estaba a media hora de camiño, iso si se podía convencer á
mula que transportaba a auga de ir a paso lixeiro. Nin que dicir ten que a vida
era difícil para os habitantes de Asni e máis difícil aínda para o gando.
En Asni vivía un raparigo chamado Aamir, que vivía cos seus pais e a súa
avóa. Como no pobo non había escola e Aamir era demasiado novo para
aprender un oficio, pasábase o día correteando, xogando cos amigos e facendo
rabiar ás mulas. A única obriga que tiña era acompañar á súa nai ao oasis
unha vez ao día onde, mentres ela collía auga, el levaba a pastar ás cabras
entre os tamarindos que crecían en abundancia naquel lugar.
De noite, a Aamir gustáballe durmir preto da súa avóa, que lle
obsequiaba con historias de sultáns, princesas, djinns e afreets, os espíritos do
inframundo. “Kan man kan”, empezaba a muller. Era todo o que Aamir tiña que
oír para penetrarse no mundo da historia.
Un día, mentres Aamir xogaba en casa, oíu un choro que viña de fóra.
Mirou pola fiestra e viu á amiga da súa nai chorando entre os brazos doutras
mulleres do pobo que intentaban consolala.
– O meu fillo, o meu fillo Salim perdeuse! - non paraba de dicir
desesperada-. Estaba no oasis e desapareceu sen máis – gritaba.
Como era costume cada vez que alguén tiña un problema, todos os
veciños do pobo uníronse para axudar á nai de Salim. Os homes comezaron a
buscar sinais do mozo. As mulleres acenderon veas, rezaron e vixiaron de
cerca aos demais nenos.
Ao cabo dalgúns días, pasou un incidente parecido preto do oasis e
desapareceu outro neno. Despois desapareceu outro, e outro, e outro máis.
Unha gran tristura apoderouse do pobo. As nais ataron amuletos e talismáns
aos brazos dos seus fillos e todo o mundo falaba en voz baixa. Aamir era o que
estaba máis triste de todos. Moitos dos seus amigos desapareceran, ata o seu
mellor amigo, Jamal.
Desapareceran once en total. Algúns veciños crían que todo aquilo era
cousa dun djinn. A avóa de Aamir sabíao todo sobre os djinns e os problemas
que podían causar. Todas as noites Aamir pedíalle que lle contase máis cousas
sobre aqueles seres.
– Resulta moi difícil tratar cos djinns – dicía a avóa -. Poden adquirir
a forma que queiran – de muller ou de animal - , pero teñen un
punto débil. Non son moi listos. Viven en palacios repletos de ouro
e prata, e son fáciles de adular porque devecen porque lles
consintan e coiden. Ás veces, namóranse de humanos.
As palabras da súa avóa animaron a Aamir. Ocorréuselle unha idea para
rescatar aos seus amigos. Empezou a gardar figos, dátiles e garavanzos
tostados para a viaxe que estaba planeando.
Unha mañá, antes de que saíse o sol, tan só cunha bolsa chea de comida
seca e unha bota feita de pel de cabra, Aamir saíu de casa e dirixiuse ao oasis.
Como non esperaba atopar a ninguén a aquela hora, sorprendeuse ao ver a
unha estraña muller vestida de negro. Tremendo como unha folla,
achegóuselle, facendo ver que enchía a bota de auga. Cando se atreveu a
mirar cara arriba, un estremecemento de medo percorreulle o corpo, porque o
que viu era un rostro humano con dúas brasas nos ollos. Unha djinnia! Coa soa
visión da terrible criatura o sangue xeáraselle.
Antes de que tivese tempo de pensar un plan, o encantamento xa se
apoderou del. Sentiu que non tiña máis remedio que seguila, pero aínda tivo
ánimo suficiente para deixar caer os froitos secos para sinalar o camiño que
seguía. Cando xa non lle quedaron máis figos nin dátiles, empezou a tirar
garavanzos.
A medida que o día pasaba, Aamir sentíase cada vez máis canso de tanto
camiñar. Arrastraba os pés por un camiño e logo por outro. Finalmente, a
djinnia levoulle ata unha casa vella e destartalada. Fronte á casa crecía un
magnífico granado e Aamir deuse conta de que saía do transo ao miralo. A
árbore era pequena e tiña unha follaxe espesa e brillante e moitas flores. As
ramas espiñentas caían polo peso dunhas granadas redondas e vermellas. De
súpeto, Aamir lembrou o que unha vez lle dixera a súa avóa, que o granado
tiña poderes especiais nas súas poliñas e que é a única árbore que crece no
paraíso. Con toda a razón, pensou Aamir, deténdose un momento para
admiralo.
Seguiu á djinnia dentro, esperando atopar paredes de ouro e prata. A
súa avóa díxolle que os djinns vivían en palacios, pero esta casa era máis
pobre que a súa. A djinnia pechou a porta tras de si e conduciulle a outra
habitación, maior e máis escura que a que acababan de abandonar. Sobre o
chan de barro había algúns colchóns, unha pila de granadas e unha ordenada
ringleira de gaiolas, cunha chea de amodorrados loros encerrados dentro.
Aamir contou once en total. Mirou con espantosa fascinación como a djinnia
abría as gaiolas e cunha vara que se sacou de entre os pliegues do vestido
convertía aos once loros en nenos. E alí estaban, eran eles, Salim, Maaja,
Najim, Zara... e, oh, tamén o seu mellor amigo, Jamal. Aamir quería chamarlle
polo seu nome e darlle unha aperta, pero puido se conter. Que débiles e
esgotados parecían os seus amigos, coma se non comesen en moitos días.
Ata entón a djinnia non pronunciara nin unha soa palabra, pero de vez
volveuse cara a Aamir.
– Mozo – gritou -, abre as froitas pola metade e saca os grans!
Aamir sentiu un calafrío ao sentarse cos seus amigos, e cos seus dediños
empezou a pelar granadas. Despois quitaban o tecido esbrancuxado do interior
e desgranaban as boliñas semellantes a pedras preciosas vermellas para
poñelas a continuación nunha cunca de madeira. Mentres traballaban, a djinnia
desapareceu por outra porta. Aamir comezou a falar cos seus amigos, pero a
djinnia volveu dando golpes de bastón no chan.
– Traballade máis axiña, mulas! - gritou e volveu desaparecer.
Despois entrou de novo para levarse outra vez a cunca.
Aamir sabía que era o momento de mover as súas fichas.
– Deixade que vos leve a cunca eu mesmo, señora – dixo con todo o
respecto.
Esperaba que, como todos os djinns, a vella reaccionase ante o bo trato.
E así foi. Permitiu que a acompañase por unha porta secreta e baixaron
corenta chanzos que lles conduciron a unha cova. O que Aamir alí viu a punto
estivo de facerlle caer a cunca.
– Ya Yimma – exclamou intentando reprimirse ao ver todo o que se
ofrecía fronte a el.
Había cadeiras de prata labrada, coxíns de seda, alfombras cubrindo todo
o chan e infinidade de xoias que sobresaían dunhas xerras de cobre.
Aamir deixou a cunca chea de grans de granada sobre unha mesa e
antes de que a djinnia tivera tempo de botarlle fóra, ofreceuse para facerlle un
pouco de té con menta.
– Preparo o mellor té de todo Marrocos – dixo o neno presumindo
educadamente e facendo ver que non se fixaba para nada en todos
os tesouros que había ao seu arredor.
A djinnia sentiuse adulada pola cortesía de Aamir. Cando a djinnia se
deitou na cama, sorbendo o doce té con menta, Aamir ofreceuse para cortarlle
as uñas dos pés, pálidas e feas. Lembrou que a súa avóa dixéralle que aos
djinns gústalles que os consintan. Untoulle ungüento de cúrcuma nas durezas
dos pés. Botouse atrás ao facerlle unha masaxe polo pelo escaso e gris, pero
fíxoo de todos os xeitos. Co paso dos días, ata se acostumou a mirala ás
brasas dos ollos. Polas noites, a djinnia volvía converter a todos os nenos en
loros, excepto a Aamir. “Están máis seguros nas gaiolas”, dicía entre
gargalladas, “pero ti estás máis seguro comigo”.
Aos poucos, a djinnia aprendeu a confiar en Aamir e deixáballe mirar
como mergullaba os grans de granada nunha poción máxica, que os convertía
inmediatamente en granates, as valiosas pedras preciosas de Marrocos. Ata lle
deixaba ensartar colares coas pedras preciosas.
Un día, a djinnia anunciou que ía ao mercado a vender os colares que
fixera. Disfrazouse de muller beduina e antes de que se fose, Aamir púxose ao
seu lado dun salto.
– Por favor, deixádeme que vos leve o paquete, señora – dixo
educadamente, e a djinnia consentiu.
Cando se achegaban ao mercado, o cheiro de pan recentemente feito
chegoulle coma un sopro de aire do paraíso a Aamir, que facía tempo que
suspiraba por pasteliños de sésamo e cuscús. O mercado era un lugar ruidoso.
Os vendedores tiñan postos de melóns, olivas e especias. Pilas de menta
estaban cubertas por sacos mollados para que se conservase fresca. Os
barbeiros afeitaban as barbas dos homes e os adiviños describían gloriosos
futuros para a pobre xente. O dentista coas súas tenazas era quen congregaba
a máis xente ó seu arredor. Tiña en exposición todos os dentes que arrincara
na súa vida.
A djinnia extraeu os colares e escolleu un sitio preto do encantador de
serpes. Ao final do día vendéraos todos.
Logo daquel día no mercado, Aamir decidiu convencer á djinnia para
pasar cada vez máis tempo na cova. En presenza da djinnia, Aamir golpeaba o
chan co bastón e regañaba aos seus amigos para que traballasen máis axiña.
Pero cando ela durmía, dáballes comida que roubara e bicáballes as doridas
manciñas. Todas as semanas Aamir acompañaba á djinnia ao mercado. Todo
seguiu así durante un mes, ata que Aamir gañou a confianza da muller. Agora
era o momento de mover outra vez as súas fichas. Unha tarde, mentres a
djinnia durmía, Aamir saíu fóra e arrincou unhas cantas poliñas de granado.
Cunha gaiola nunha man e as pólas na outra, baixou os corenta chanzos ata
onde ela durmía. Andou no bico dos pés ata chegar ao seu lado e espalloulle as
poliñas por riba da cara e o corpo. As pólas máxicas agarráronse á djinnia e a
aprisionaron. Entón, Aamir colleulle a variña que levaba dentro do vestido e
converteuna en loro, meteuna na gaiola e encerrouna.
Aamir, sen perder tempo, encheu a súa bolsa con todas as pedras
preciosas que puido e subiu escaleiras arriba para ir rescatar aos seus amigos.
Os nenos non podían crer tanta boa sorte e expresaron a admiración que
sentían pola valentía de Aamir. Riron compracidos cando Aamir lles díxo que
convertera á djinnia nun loro. Cando marchaban, Aamir tocou o granado con
reverencia en recoñecemento polo agasallo de liberdade que lles fixera.
Despois, seguindo o camiño marcado polos garavanzos, os figos e os dátiles,
levoulles a todos ata o oasis e dende alí ata o pobo.
Todo foi ledicia cando os nenos voltaron, e o xeque celebrou unha gran
festa en honor de Aamir. Pero Aamir xa tiña dabondo con volver. Sentira
saudade polos seus pais, pero sobre todo, pola súa avóa.
“Ka ma kan”, comezou a dicir o raparigo, ao deitarse preto da súa avóa
aquela noite. Agora tocáballe a el contar unha historia. E explicoulle a historia
da djinnia e do granado.
top related