arredor da polémica das gaitas marcianas

7
Volve a guerra das gaitas Ourense, no comezo da derradeira década do século XX. Unha liorta musical fixo tremer as mainas terras do interior galego; Xosé Luis Foxo artellaba a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, daquela aínda non alcumada de “Real”, e malia comezar o seu labor cinguíndose a expresións musicais autóctonas, paseniño foi achegando vestimentas, instrumental e estética grupal ás formacións semellantes que existen en terras escocesas e noutras das coñecidas coma célticas nacións. Saios nos homes, percusión de plástico e aires marciais alporizaron os defensores da música tradicional galega e houbo acaloradas discusións, onde a teimosía dalgúns -quizais outros escuros pensamentos menos confesabeis- non deixaba recoñecer que se estaba a suplantar a nosa cultura por outra semellante, mais foránea. E por riba cos cartos públicos. A liorta, que seica non pasou de dialéctica, acadou cumes pouco elegantes que chegaron á expulsión do devandito Foxo da Asociación de Gaiteiros Galegos, manifestamente oposta á colonización británica, despois de este alcumar o artesán Xosé Seivane de persoa “culturalmente humilde”, por considerar o luthier

Upload: daniel-lavesedo

Post on 16-Mar-2016

226 views

Category:

Documents


7 download

DESCRIPTION

Artigo publicado no Faro de Vigo no 2005, cando botaron a andar as escola de gaitas da Deputación de Pontevedra, cun funcionamento e ideario semellantes ás "marcianas2 de Ourense

TRANSCRIPT

Page 1: Arredor da polémica das gaitas marcianas

Volve a guerra das gaitas

Ourense, no comezo da derradeira década do século XX. Unha liorta musical

fixo tremer as mainas terras do interior galego; Xosé Luis Foxo artellaba a Real Banda

de Gaitas da Deputación de Ourense, daquela aínda non alcumada de “Real”, e malia

comezar o seu labor cinguíndose a expresións musicais autóctonas, paseniño foi

achegando vestimentas, instrumental e estética grupal ás formacións semellantes que

existen en terras escocesas e noutras das coñecidas coma célticas nacións. Saios nos

homes, percusión de plástico e aires marciais alporizaron os defensores da música

tradicional galega e houbo acaloradas discusións, onde a teimosía dalgúns -quizais

outros escuros pensamentos menos confesabeis- non deixaba recoñecer que se estaba a

suplantar a nosa cultura por outra semellante, mais foránea. E por riba cos cartos

públicos. A liorta, que seica non pasou de dialéctica, acadou cumes pouco elegantes que

chegaron á expulsión do devandito Foxo da Asociación de Gaiteiros Galegos,

manifestamente oposta á colonización británica, despois de este alcumar o artesán Xosé

Seivane de persoa “culturalmente humilde”, por considerar o luthier que o traballo

desenvolvido pola banda ourensá non era cultura galega. Despois de Foxo recoñecer,

ben é certo que coa boca pequena, que o seu labor efectivamente se afastaba da cultura

tradicional galega, chegou unha época de calma, e as bandas do Foxo’s style chegaron a

se facer cotiáns, aturabeis canda menos, coma eses parentes ou veciños tolos, aluados

que de sempre inzaron as vilas e aldeas galegas e que daban en gastar a súa vida nas

máis estrañas andrómenas. O deles era mudar Xinzo, Cea ou Trives en tranquilas vilas

das terras baixas escocesas a golpe de desfile marcial e xiros traxicómicos dos brazos e

mazos dos percusionistas, eses que tanto sorprenden os devanceiros dos emigrantes nos

centros galegos ciscados polo universo todo.

Page 2: Arredor da polémica das gaitas marcianas

Semellaba que chegara un equilibrio, unha sorte de bilingüismo harmónico

musical que illaba os filobritánicos na Galiza baltariana e nas embaixadas espalladas por

varios continentes, –que por outra banda xa é moito illar-, e deixaba o resto de

provincias nas mans, no tocante ao ensino da nosa música, daquelas persoas

respectuosas e orgullosas, binomio chave, da tradición musical que chegou ate nós da

man dos nosos antergos.

Pontevedra, a mediados da primeira década do novo milenio. A historia repítese

e de novo saltan aos xornais as declaracións da Asociación de Gaiteiros Galegos,

preocupados polos vieiros que sospeitan vai coller a recentemente creada Rede de

Escolas de Gaita e Percusión Provincia de Pontevedra, proxecto argallado por Hipólito

Cabezas tras asinar convenio coa Excelentísima Deputación Provincial, que vén traer,

segundo di o propio proxecto, a formación seria, rigorosa e de calidade que demandaba

a mocidade pontevedresa. Para alén do feito de entrar coma un elefante nunha tenda de

espellos, pois da devandita aseveración se extrae que o traballo de institucións do

prestixio da Universidade Popular de Vigo, o Conservatorio de Música Folque de Lalín

ou o propio Conservatorio de Vigo, non acada calidade, rigor ou seriedade dabondo

para satisfacer a demanda de formación existente, sen falar dos centos de asociacións

que veñen formando milleiros de rapaces nos últimos vinte ou vintecinco anos, os

gaiteiros e gaiteiras galegos critícanlle moitas outras cousas á actuación do señor

Cabezas. Críticas de fondo e forma, que se poderían facer innumerábeis: o convenio fala

de 4 escolas e foron 5 as organizadas, asina o convenio unha asociación, Banda de

Gaitas Provincia de Pontevedra, que non aparece na lista da Xunta de asociacións e por

riba faino co CIF doutra entidade que non ten a súa documentación en regra, nada se di

sobre a formación precisa para os docentes que imparten as aulas, entre os obxectivos

do proxecto figura a creación da Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, cando esta

Page 3: Arredor da polémica das gaitas marcianas

asociación é a que asina o convenio, por nomear algunhas das da forma e no tocante ao

fondo, o feito de non ter en conta a existencia de institucións que traballan a prol da

música tradicional dende hai anos no reparto de fondos e creación das escolas ou non

atender ás críticas deitadas por persoeiros destacados da música e cultura galegas:

Rodrigo Romaní, Xistra, Os Carunchos, Susana Seivane, Treixadura, Alfolíes,…, e así

ate as máis de cen formacións e asociacións que teñen asinado contra a creación das

escolas.

Ollando como os feitos seguen arestora a andaina que seguiron hai quince anos

en Ourense, unha reflexión polo miúdo ten que facer agromar o único motivo que se

agacha detrás do artellamento desta rede de escolas. A auto-xenreira. Esa palabriña que

nos aprenden na aula de galego canda nenos e coa que a realidade, aínda hoxe, nos dá

labazadas cando menos o esperamos. Porque se ben é certo que as escolas forman os

rapaces e rapazas nun comezo coa instrumentación tradicional, non menos verdade é

que o obxectivo final é a creación dunha Banda de Gaitas da Deputación de Pontevedra

que represente con “dignidade” a provincia polo mundo adiante. E aí os impulsores

desta idea non entenden que poida estar unha gaita galega, un bombo de pelica ou unhas

cunchas, seica son “culturalmente humildes” coma o bo do mestre Seivane.

Moxenas Musical Galego

Unha das acusacións máis comúns entre os defensores das gaitas e estéticas

marciais na música galega é a non evolución que din que queren os por eles alcumados

puristas. Evolución non ten porque significar colonización, non ter porque ser copia,

retruca sempre un gaiteiro dos que van polo San Brás de Bembrive cada ano, coa gaita

nunha man e a cunca de viño na outra. E un bo exemplo de ate onde pode evolucionar a

música galega sen deixar arrombadas nun recanto vergoñento calquera as súas raíces é,

Page 4: Arredor da polémica das gaitas marcianas

como tamén o podería ser a Orquestra Son de Seu formada por alumnas e alumnos da

Universidade Popular, o proxecto Moxenas Musical Galego. Este proxecto presentouse

ao público hai agora un mes, no Centro Cultural Caixanova de Vigo, co gallo da

homenaxe que se lle deu a Nazario González, Moxenas, gaiteiro de Sárdoma, polo seu

décimo cabodano. E como dixo a súa madriña, a gaiteira Susana Seivane que chegou a

ter un cruce de palabras no escenario coa alcaldesa da cidade por mor das devanditas

escolas, abraia ollar ate onde se pode chegar en calidade e espectacularidade, sen medo

a misturar a tradición con instrumentos foráneos coma saxos ou trompetas, presentes de

todos os xeitos de vello nas murgas do Entroido en moitas bisbarras galegas, ou incluso

a entrocala coa música clásica incorporando o piano, sen ter que recorrer á alienación

celta para acadar credibilidade.

Máis de corenta músicas e músicos compoñen hoxe en día Moxenas, todos eles

procedentes das escolas existentes nas distintas asociacións veciñais viguesas e

aglutinados neste proxecto baixo a batuta de Xosé Oliveira, gaiteiro e mestre de

gaiteiros; proxecto a longo prazo, que tentará seguir a amosar a riqueza e posibilidades

do noso folclore. Próxima cita: 3 de xuño na parroquia de Beade.