fanzine fol de veleno 2007

48
2,50 FOL DE VELENO Fanzine cultural e de opinión para dar luz ás historias, xentes, terras e cousas dun país clandestino NÚM. 2 Inverno 2007

Upload: serpe-bichoca

Post on 23-Mar-2016

258 views

Category:

Documents


7 download

DESCRIPTION

“FOL DE VELENO” é un fanzine cultural e de opinión que nace no 2006 co ánimo de dar a coñecer, dun xeito ameno e asequible, ós distintos aspectos da cultura popular galega, á vez que aspira a ser un foro libre para a crítica social.

TRANSCRIPT

Page 1: Fanzine Fol de Veleno 2007

2,50 €

FOL DE VELENO

Fanzine cultural e de opinión para dar luz ás historias, xentes, terras e cousas

dun país clandestino

NÚM. 2 Inverno 2007

Page 2: Fanzine Fol de Veleno 2007

Ideario Fol de Veleno nace coa idea de se-la praza da vila, o patio de veciños, o carón da lareira onde se coce o que realmente importa na vida, o que fai que a xente e as sociedades estean vivas. Un boletín que fale de nós, das cousas de Pontevedra e das súas parroquias. Un fanzine modesto libre e independente que aspira a ser un pequeno escaparate para todos aqueles músicos, artistas ou escritores do noso contorno òs que o sistema lles dificulta a posibilidade de dar a coñece--lo seu traballo e a súa obra. Unha fiestra para amosar aquelas asociacións e persoas que traballan arreo na defensa da natureza e o contorno, na divulgación da cultura tradicional, na acción social e veciñal, en definitiva, na loita por unha sociedade máis culta, xusta, igualitaria e libre. Fol de Veleno pretende ser un pequeno e efímero mosaico das nosas tradicións e saberes, dos vellos oficios, da nosa lingua, dos contos e lendas. Da nosa cultura e historia. Un taboleiro onde a xente de espírito inquedo colgue as suás preocupacións, dúbidas e críticas á sociedade na que vivimos. Un espazo tamén para o debate e o intercambio de ideas. Por último, una modesta guía para o lecer e para gozar cada vez máis da nosa terra, das nosas xentes e das insólitas cousas que fan que este país aínda siga a ser un país clandestino.

- Música

- Arte

- Literatura

- Etnografía

- Historia

- Acción social

- Lecer

- Retranca

- Opinión e debate

- Denuncia

Debuxo da portada de F. Sutil “O espírito do bosque”

Page 3: Fanzine Fol de Veleno 2007

1

-Nova fornada- Benvidos compañeiros a un novo número de Fol de Veleno. Cómpre comezar dándolle-las grazas a tódolos amigos que veñen colaborando na edición deste modesto fanzine. Vellos e novos camaradas que contribuíndo coas súas ideas, ilusións e traballo fan posible esta aventura. Tamén queremos da-las grazas a tódolos nosos amigos lectores pola calorosa acollida que tivo o primeiro número do Fol de Veleno. Grazas polo voso apoio, a vosa receptividade e o voso interese, sen os cales non tería sentido este boletín. Así que aquí estamos, ó pe do canón de pau. E volvemos atacar con novas seccións, novas ideas, novos colaboradores e folgos renovados para continuar con este proxecto divulga-rebulsivo. Neste segundo número daremos a coñecer novos e vellos artistas, vellas e novas historias, antigos saberes e tradicións, misteriosos e fermosos lugares que explorar. Volveremos berrar máis forte, se cabe, a nosa rabia contida fronte a tanta barbarie, ignorancia e estupidez. Volveremos encher ese fol de veleno que todos levamos dentro. Pero tamén volveremos cantar, volveremos bailar e volveremos sorrir coas cousas que fan que esta terra e este pobo sexan o que son, para ben ou para mal, nin mellor nin tampouco peor. Só diferente, único e irrepetible, como ese bo viño feito das mellores uvas que repousando en nobre bocoi de carballo agarda dende anos a que tirémo-la zapa e bebamos del, do seu néctar, do seu saber, da nosa esencia. Iso, ou deixalo perder, avinagrar e apodrecer ata que tan só fique o barril corroído, vello e baleiro no fondo da adega escura e esquecida da nosa ignorancia, irresponsabilidade e suicidio colectivo como pobo. Suicidio, como fixeron os derradeiros galaicos no Medulio. A diferenza é que eles loitaron ata o final e nós... aínda esta por ver. E aí está o quiz da cuestión amigos. Xusto aí. En fin, como dicían os gaiteiros de Soutelo, Terra a nosa!! Aburiño compañeiros. Sr. Pereira

Page 4: Fanzine Fol de Veleno 2007

2

Nada mellor para comezar este novo número que facelo coa forza e a fermosura contida nas verbas dun poema. Velaí fica esta xoia do poeta galego Joseph Ghanime. Que o gocedes.

Quando o povo fala o senhor abade tem medo

Quando o povo fala

o senhor alcalde tem medo

Quando o povo fala o médico geral e o especialista tenhem medo

Quando o povo fala

o antropólogo que muito sabe do povo tem medo

Quando o povo fala

os ideólogos da direita do centro

e da esquerda nacionalista tenhem medo

Quando o povo fala

os que escrevemos poemas que falam do povo caghamos polas calças abaixo

porque quando por fim o povo abre a boca

som os cans e os funqueiros e as pedras dos muros os melhores camaradas.

Joseph Ghanime

Page 5: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

3

- Galería de Sons -

Inventario dos grupos de música tradicional e folk do noso contorno.

Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo

A "Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo" foi creada para a conservación, o estudo e a difusión da música tradicional como parte fundamental da cultura e tradición do pobo galego, centrando o seu estudo na comarca Deza—Tabeirós—Terra de Montes.

O grupo de música tradicional "Os Abrentes de Cerdedo" naceu a partir dunha idea municipal. Fundouse no ano 1994. Isto deu lugar a unha asociación

cultural, "Os Arxinas", que comprendía un grupo de baile e o grupo tradicional de gaitas "Os Abrentes". Co paso do tempo desfíxose a "Asociación Cultural Arxina" e quedou no seu lugar a "A. C. Os Abrentes de Cerdedo", baixo a dirección de Manuel Campos Toimil (fundador do grupo folk "Tebra" e gaiteiro no grupo de "La Salle"), xa que el era o que tiña máis experiencia dentro do folclore. Na percusión, o mestre foi Antonio coñecido como "Valladares", xa falecido (antigo membro dos "Morenos de Lavadores"). A "A. C. Os Abrentes de Cerdedo" autosubvenciónase grazas ás festas que realiza o grupo de gaitas ó longo do ano. Actualmente o grupo non ten ningún mestre ó seu cargo.

O grupo de gaitas utiliza un repertorio tradicional ó cento por cento, tanto pezas recollidas pola zona de Terra de Montes coma pezas doutros grupos como “Os Gaiteiros de Soutelo”, “Os Terribles de Arousa”, “Os Campaneiros de Vilagarcía”... Este grupo o que fai é respecta-la melodía das pezas e, nalgúns casos, facerlles arranxos. Integrantes -José Luis Troitiño Lavandeira (Gaita). -Manuel Campos Toimil (Gaita). -Gumersindo Pérez Soto (Gaita e acordeón). -José Manuel Pérez Soto (Gaita). -Rubén Troitiño García (Gaita e clarinete). -Carlos Blanco Martínez (Pandeireta). -Jesús Pérez Soto (Tambor). -José Cudeiro Rodríguez (Bombo, cunchas, tarrañolas).

Contactos: A.C. Os Abrentes de Cerdedo                                      [email protected]                              Rúa As Longas, nº 10                                                       www.osabrentes.tk 36130 Cerdedo – Pontevedra Tlf. 675 223 159 

Page 6: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

4

- - Dó Brillante -

Para dar a coñece-las túas composicións.

Page 7: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

5

-O San Miguel de Trabanca Badina- (marcha)

Composta por “Os Lerenses”

Page 8: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

6

-PRA CANTAR VEÑO EU- Para aprende-las cantigas de sempre e botarlle unha canta

como Deus manda, criaturiñas.

VER BAILAR CARMIÑA

Ven bailar Carmiña,

Carmiña, Carmela,

con zapato branco,

con media de seda,

con media de seda

de seda calada,

ven bailar Carmiña,

miña namorada.

Os zapatos piden medias,

as medias piden zapatos,

as raparigas bonitas

piden rapaciños guapos.

Ven bailar Carmiña,...

-Aqueles vellos Músicos-

Unha lembranza para os músicos que antano percorreron as nosas parroquias.

Albino Prado: 1923-1999. Percusionista. Natural de Campañó pero establecido no lugar do Carramal, Salcedo, dende que casa cunha veciña desta parroquia. Á idade de 27 anos sofre un desgraciado accidente cando traballaba na construción da estrada que vai por Marín de arriba cara ós Remedios. A explosión fortuíta dun barreno de dinamita deixouno cego de por vida. A raíz deste accidente entra a traballar na ONCE como vendedor do cupón. Alí coñeceu o director da oficina onde lles repartían os cupóns, persoa de inquedanzas musicais que os animou a formar unha rondalla. Nesta rondalla aprendeu a toca-la bandurria e nela permaneceu un par de anos ata que polo ano 53 co seu amigo gaiterio, tamén cego, Javier de Lalín decidiron

forma-la Agrupación de gaitas Rosalía Castro. Compuñan orixinariamente este grupo Albino á caixa, Suso ó bombo, un pandeireteiro e Javier e Paco Oroña como gaiteiros. Nesta agrupación empezou tocando o bombo e o tamboril para pasar despois a toca-la caixa, sendo esta última o instrumento no que destacou e polo que foi coñecido como músico. Soían reunirse no bar El Escondite, que ficaba detrás da praza Méndez Núñez onde xa no tempo da rondalla gardaban os instrumentos. A súa invidencia nunca foi impedimento para tocar e así nos seus comenzos era a súa filla Lita a que o acompañaba como lazarillo ás festas onde actuaban.

Page 9: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

7

A Agrupación de Gaitas Rosalía Castro percorreu durante preto de 30 anos tódalas parroquias e vilas do noso contorno, chegando mesmo a tocar en Portugal. Eran asiduos cada ano das Festas da Peregrina, que por aquel entón duraban 3 semanas, das festas de Santa Lucía de Figueirido ou da procesión do Corpus Cristo de Pontevedra, onde a estampa destes vellos gaiteiros cegos tocando tralo santo fica imborrable na memoria de moitos pontevedreses. Por sorte os seus dotes como músico non caeron no esquecemento xa que tivo tempo para aprenderlle ó seu fillo Albino e deixalo como fiel herdeiro da súa tradición e arte. Por Rafael Quintía

- Da paleta do pintor, ó cicel do canteiro -

Vestiario de artistas sen modas nin etiquetas. Calros Solla Varela (Pontevedra 1971), Profesor de Lingua e Literatura galega, escritor, poeta, lingüista e investigador etnográfico. Membro da Asociación Ecoloxista e Cultural "Verbo Xido" de Terra de Montes. Calros Solla Varela é unha desas persoas que mira ó pasado cos ollos ilusionados dun neno que abre un agasallo de nadal e mira ó futuro cos ollos resignados dun vello sabio e canso. Unha persoa que se somerxe no coñecemento da nosa cultura e na etnografía e historia da su terra nai cerdedense coa adicación e desprendemento dun monxe cartuxo, coa

ilusión dun buscador de tesouros e coa certeza de saber que realmente o que procura constitúe o maior dos tesouros que poida posuír un pobo, que non é outro que a súa cultura e a súa lingua. En definitiva, a súa identidade.

Como escritor é un artista polifacético e poliédrico que se goberna con maestría e risco na poesía, a narrativa e o ensaio. Cun dominio da lingua que excede do que se pode agardar da súa formación ortodoxa de lingüista. Calros Solla é un arqueólogo do verbo, un alquimista da fala, un mouro que encanta coa maxia das súas palabras e historias. Un vello pastequeiro que exorciza co seu saber e a súa fala o enghanido e triste meigallo da nosa ignorancia, desidia e irresponsabilidade perante a nosa propia cultura e dignidade.

Nun país coma este, sobrante de desertores da terra e da fala, de kamikazes ansiosos por practicaren o harakiri cultural, de bonzos listos para inmolárense no lume da modernidade globalizante. Nun país onde o concepto de patrimonio se reduce a unha cifra na declaración de facenda ou á procura de como enche-lo peto, nun país onde a cultura é unha cousa que se pode meter nun estúpido edificio de miles de millóns, a existencia de persoas, de guerrilleiros da eira coma Calros Solla é unha acesa candea de eperanza nesta longa e interminable noite, un sopro de ar fresco e salgado do mar, un dos últimos mohicanos da Tribo Aturuxo, o derradeiro bastión na loita por coñecer, recuperar, conservar e transmiti-lo que queda da nosa cultura oral, do noso patrimonio material e inmaterial, do que nos define como pobo e nos vencella á cerna máis antiga desta terra afastada da man de Deus e da vontade dos homes.

Page 10: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

8

Se en Galicia existise un Calros Solla en cada vila, en cada aldea, en cada parroquia, esta terra tería o futuro que nunca tivo, a esperanza que necesitamos e a herdanza que merecen os nosos fillos. Pero se esta terra tivese un Calros Solla en cada vila, cada aldea e cada parroquia, esta terra non sería Galicia e nós non seriamos galegos. E esa é a nosa pesada cruz de pedra… como a cruz do teu amado Seixo, amigo Calros.

Por Rafael Quintía LABOR LITERARIO: Poesía: -Autor de "Ras e tritongos. Poesía 1990-2000", Vigo, 2003. -Autor de "Cerdedo in the Voyager I", Vigo, 2004. -Autor de "Libro de reclamacións", 2005... Ensaio: -Autor de "Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario Xeral", Vigo, 2002. -Autor de "Cerdedo na obra do Padre Sarmiento", Pontevedra, 2002. -Autor de "Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo", Vigo, 2005.

Opinión do autor: Poema visiual extraído do proxecto “Libro de Reclamacións”

Page 11: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

9

- Palabras nun mundo sen palabras -

Un poema, unha bala contra o funcionalismo e o estúpido sentido práctico que nos está a invadir

Outono

Na metade do outono señorea nos parques das cidades amadas a maxestade vehemente do ginkgo biloba e estala cando corre o vento suau, precursor das chuvias bravas, estala: ocre en gris, estala mentres abanean tristres tímidas abidueiras tenras, pero máis aló, no lonxe, como longamente xemen carlillas vellas, freixos outos, e os rotundos castiñeiros!, se cadra as árbores todas das devesas moribundas da patria enferma xemen e vén despois a auga, vén despois a auga e invade o mundo o grisallo lento das vésperas do inverno por diante da mirada daquel neno anegada das preguntas dos fillos dos obreiros parados que aínda ollan o outono tras dos cristais das fiestras das casas húmidas e esperan e vén despois a auga, vén despois a auga, e chove.

Xosé Luis Santos Cabanas

Page 12: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

10

- Cantar de cego -

Crisol de relatos curtos “CATARSE”

Hai alguén na casa. Sinto o seu folguexo entrecortado, a suor flotando no aire, os ollos axexando nas

tebras da noite. El tamén sabe da miña presenza. Dous predadores nun mesmo cubil. O meu corazón bombe(x)a polas arterias sangue cargado de adrenalina. Debaixo da pel os músculos contráense e reláxanse espasmodicamente. Hai alguén na casa. Coma un felino no seu couto de caza percorro as habitacións na procura da miña

vítima, na procura do meu cazador. Enviando abundante saliva, os ouídos agudizados, os nervios listos para a acción

reflexa. Guíame o instinto. O afiado coitelo é a miña uña mortífera, o ferrote envelenado. Hai alguén na casa. Imaxe de vidro. Localizoume no vestíbulo. Crúzanse as nosas miradas e saltan chispas do curtocircuíto. Recoñeceu o segredo da miña forza, a folla cortante que empuña a miña man, o

meu potencial devastador. Berra á escuridade protectora e fuxe. Fuxe. A mente anúbraseme pola oura. O perfume anticipatorio do sangue, da carne crúa,

excítame. Persígoo, búscoo, olfactéoo. Hai alguén na casa. Acochouse no baño, camuflando o seu cheiro. Pero eu sigo a pista, as feromonas impregnando o ambiente e as miñas fosas nasais,

delatando a súa presenza. A porta ábrese, fulxente a luz, ampolando a miña pel, empequenecendo as pupilas,

furando o cerebro dorido. Imaxe de vidro. Intenta impoñerse freneticamente. Cúspeme rabioso. O fío brilla, asubía e penetra. Brilla. Asubía. Penetra. A miña garganta está aberta, mana o sangue. Feriume, perdo o meu segredo, o meu poder. A porcelana branca tórnase vermella. Apoiado, débil, vexo a imaxe de vidro, a súa imaxe, a nosa imaxe. Está morrendo. Crúzanse as miradas, sen estralar, os dous feridos de morte. A vida escápasenos pola mesma longa incisura das nosas gorxas, da miña gorxa. Caio ao chan, á beira do único coitelo, o das dúas caras, o da fusión. Apágase a luz, retorna a noite. Hai alguén na casa. É a morte. José Ángel Rosales

Page 13: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

11

« Relato » 5 de maio, Montauban

Querido Efe: As viaxes leváronme tan lonxe como lles pedín e sen saír do meu asombro cheguei

onde todo o mundo chega pero ninguén se fixa. Nun dos meus paseos coñecín un home. Gustáballe contar contos pra espertar, non

contos pra durmir, contos ó revés, onde a princesa rescataba o príncipe e o dragón era un canario, e unha mañá inmensa contoume o seu propio.

El tiña o corazón de auga de praia, as orellas de nó e unha flor que lle brotara unha

mañá no seu ombro esquerdo. O home chamábase Paxaro e odiaba as aparencias lixeiras, cría nos fantasmas e gustáballe durmir preto de alguén para oí-lo bombeo do seu corazón e escribir cancións con ese ritmo.

-“Bumbúm bum bum búm bum”- cantaruxaba polo baixo.

Gústalle chegar antes de tempo, pra ver como o outro chega e pra sentir esa

impaciencia que lle percorre o corpo de esquerda a dereita mentres espera. Non lle gusta sentir que o miran, e finxe que fai cousas importantes no seu caderno, cando en realidade inventa segredos sobre a xente que nese momento pasa por diante dil.

O home soñaba con ser arte, pero tan só sabía ser conto. Traballara de moitas cousas na súa vida. Durante tres días foi punto e á parte nun

parágrafo, e unha letra maiúscula dun nome propio. Tamén foi son ó pasa-las follas dun libro e silencio entre palabra e palabra, pero como xa dixen, o home que era conto ansiaba ser arte.

Só eso. Ó redor do vinte e sete, cando o home contaba cantos días faltaban prá próxima

primavera, pensou que se os meses podían cambiar, el tamén podería facelo. Meteu nunha maleta catro canicas e un sombreiro. Madrugou aquela mañá verde

pra coller un tren que lle dese solucións que o levasen onde as cousas sinxelas se transforman en arte.

Supuxo que un pouco máis lonxe do lonxano alguén sabería transforma-los finais en

comezos. Chegou a un lugar, non recordo o nome, e comezou a camiñar e detívose, camiñou

de novo e detívose outra vez, buscando un modo de empezarse, un só [o verdadeiro]. Pero non resultaba sinxelo e decidiu buscar axuda.

O home preguntou a un rato como poder ser arte, pero o rato non sabía ser outra

cousa que rato. E preguntou a un manillar de bicicleta, a unha rocha, a unha torradora vella e a unha moeda, pero ninguén sabía como [e no fondo tampouco lles importaba demasiado].

O home non sabía como continuar e aquela noite chorou moito, ata desborda-los

océanos, tanto que se podía nadar nel, tanto que o confundiron cun río. Á mañá seguinte, o home que quería ser arte subiu ó alto dunha montaña pra que o

sol lle secase mais rápido a pena, alí atopouse cunha nube. Pensou o home que dende o ceo

Page 14: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Música, Arte e Literatura

12

debíanse ver moitas cousas do mundo de aquí abaixo, e que a nube tiña que saber como os homes se convertían en arte.

A nube non lle soubo responder, e díxolle: -“A estas alturas o osíxeno restrínxese ós soñadores, xa non hai lugar para ser como

somos”- Despois de tan horrible declaración o home colleu o pouco que ocupaba e regresou á

súa casa. Quedaríase alí pra sempre e non aspiraría a ser nada que non fose conto. De camiño á súa casa atopouse cunha nena, ela era morena e tiña un flotador

vermello. A nena mirouno fixamente, a continuación mirou un can que ladraba a vinte metros deles dous e díxolle:

-“Es arte”- O home quedou calado tres momentos, mirou a nena e contestoulle: -“Non, eu só son un conto”-. A nena volveu mirar pró can que ladraba, aínda que este agora estaba calado e

mais lonxe, e continuou: -“Es arte, por que un conto tamén é arte, e un edificio, e un pau, e unha caixa tamén

é arte, e ti es arte”- Nese momento viciouse subitamente o ceo e desapareceron tódolos indicios de

catástrofes vindeiras. Tais Feijoo Rodríguez

- Farenheit 451 -

A biblioteca dos libros raros, raros, raros O ciprianillo: Segundo as crenzas galegas, o Ciprianillo —ou o chamado tamén "Salterio de San Cipriano" ou “Gran libro de San Ciprián”— era un antigo e misterioso libro de maxia no que se atopaban as artes diabólicas e os rituais necesarios para acha-los tesouros que os "encantos" e os "mouros" tiñan gardados nos castros, furnas e mámoas. Incluía técnicas de exorcismo, e rituais contra os feitizos, o mal de ollo e o meigallo, segredos místicos sobre xenios bos e malos, etc. Tamén quen o posuía tiña o poder de facer fuxi-lo demo. O Ciprianillo tamén era unha axuda para facer pactos con espíritos infernais sen sufrir dano ningún. Noutro capítulo deste libro estaba explicada a forma de facer chover e afasta-las treboadas, seguindo para iso unha serie de rituais. Atribúese a súa orixe a San Cibrán, bispo de Cartago no século II D.C. O Ciprianillo sempre foi un libro moi difícil de conseguir, e era celosamente gardado polos seus posuidores. Foi un libro de culto xeral en Galicia, desexado e buscado por moitos. Quizais o seu éxito era debido a que contiña unha importante listaxe dos lugares onde estarían enterrados valiosos tesouros. FdV

Page 15: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

13

- Ó carón da lareira - Contos, lendas e historias dun país cadabre

O SEGREDO DO RABELO (2ª parte) Orixes míticas da freguesía de Cerdedo

III CERDEDO

Os querquenos, aborixes cerdedenses, segundo afirmara Rodríguez Fraíz, cronista da Terra de Montes, fortificaron o coto de Castrodiz, localizado na veciña freguesía de Castro, picouto loado polo vate Otero Espasandín, e proliferaron na feracidade do val do río Lérez. Foron daquela os querquenos fundadores da aldea de Cerdedo. Os querquenos rendéronlles culto ás árbores. A feliz existencia dos indíxenas viuse interrompida polo advento da lexión moura. Os vasalos da raíña Dona Ghurina ocuparon as lombas montesías de Cerdedo –alí onde o pobo chama Cerrada das Mámoas e Regheira da Piña–, construíron unha colosal fortificación, a Torre dos Mouros, e ao abeiro dos seus muros triparon as entrañas da montaña na procura do seu áureo miolo. A sona de licenciosos alertou o Apóstolo Santiago que acudiu ao lugar a lombos do seu branco cabalo. Os couces da cabalgadura deixaron sinal indelébel nas laxas da Fragha das Ferraduras e derrubaron a fortaleza, precipitando os cachotes ao leito do río. O rexo brazo armado afuxentou a mouramia, mais os privados de Dona Ghurina agacharon o máis da súa moita riqueza no pozo do Pegho, piago do Lérez, pensando recobrala. De la Riega deixou escrito no seu libro O río Lérez que preto da fondura do Pegho, ao agocho da matogueira, áchase unha laxa de grandes dimensións na que os mouros labraron a epopea da súa estirpe. Noutrora, a aldea de Cerdedo padeceu o acoso dunha serpe colosal. Os veciños demandaron axuda de San Xoán, o primeiro na xerarquía dos santos, a pre cos anxos. O Bautista enfrontouse á besta e valéndose duns fachóns conseguiu sometela e encadeala nunha cova do monte de Cerdedo, coñecida dende aquelas polo Embigho do Becho. As cacharelas de San Xoán que alumean na noite do 24 de xuño ben poden ser lembranza da fazañosa xeira do patrón de Cerdedo. Por volta do século XII, os veciños agradecidos construíron na honra do santo, e no lugar que antes ocupaba un lupanar, unha capela. O templo foi reconstruído nos séculos XVI e XVIII até acadar a fasquía actual.

IV O RABELO

Veciño da aldea de Cavenca (Cerdedo), o Rabelo, personaxe que viviu dacabalo dos séculos XIX e XX, herdou a arcana sabenza da libresca maldita. Os textos prohibidos e a inveterada tradición oral puxérono tras a pista dos tesouros gardados, pola mouresca, aló no abrente das cronoloxías, xa nas entrañas do monte de Cavenca, xa nas soterradas galerías do castro de Arén, xa no esgrevio da Torre dos Mouros. O Rabelo, home langrán, rosmón e misántropo –can rabelo, pra fodelo–, convulsivo consumidor de rapé, foi lector devoto do libro de San Cibrán ou “Ciprianillo”. Guiado polo arcano grimorio cribou as lombas montesas sen acougo, fixo súa a alucinada trafega do

Page 16: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

14

coevo Xan de Deza, labrego metido a buscador de tesouros, evocado polo implacábel Curros Enríquez no seu cénit poético Aires da miña terra:

Cóntame Xan, que che pasa para, despois de haber mercado casa e hortas, vender hortas, vender casa i andar hoxe atravesado polas portas. Hai quen di que non sei cando, non sei quen falouche á orella –¡cousa estrana!– dun libro de contrabando, escrito na fala vella castellana.

Entre as follas revesgadas dese libro, danse señas de tesouros e riquezas enterradas pé dos ríos e das brañas polos mouros. Quen as busque, tras de lelo, moedas topa conservadas dos reis de antes, pentes de ouro pró cabelo, i arcas fondas, cuguladas de diamante

O Rabelo coñecía da existencia do tesouro do castro de Arén, do ouro agachado no monte de Cavenca, e das riquezas somerxidas no pozo do Pegho. Da noite para a mañá, no alargho de Muradás, ao pé do outeiro do Cuarto de Aseo, no recanto sinalado polo sol en datas axustadas, os veciños de Cavenca descubriron unha galería de case 60 m de fondo. Da noite para a mañá, os veciños de Arén constataron como a Laxa do Castro se desprazara unha cuarta do seu asento. Da noite para a mañá, os veciños de Cerdedo descubriron na Cerrada das Mámoas signos de cava e pescuda.

Só o Rabelo soubo da contía do achádego, só el, do seu postoiro. Se deixou razón manuscrita do levado ou do por levar, téimese na pescuda e vólvase o prezado documento á luz. Entrementres, admitamos que o misterio envolveu a súa existencia e que o seu segredo inviolado foi mortalla na súa viaxe cara ao alén mundo. Se falasen as pedras.

* * * * Por Calros Solla

- Galiza, terra de pagáns. A Deus grazas -

Crenzas, mitos, ritos, obxectos de poder e lugares máxicos soterrados baixo a cruz, o asfalto e o cemento.

Imos ver tres figuras non rexistradas na etnografía e no folclore de Galicia ata

o momento: O Porteiro, O Rachador e o Tabello. Todas elas recollidas no concello de Vilaboa do Morrazo.

O PORTEIRO. Cando alguén morre e o enterran no cemiterio parroquial, convértese no Porteiro ata que un novo defunto o substitúe. Segundo a crenza popular, non é bo estar moito tempo como Porteiro; polo tanto, é desexable que,

Page 17: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

15

canto antes, haxa unha nova defunción na parroquia. Oiamos o que din as veciñas da parroquia de San Martiño de Vilaboa:

M1: -Xa sempre estabamos nós: Ai, mi madriña! non morreu ninquién e qué tempo está esa de Acuña de porteira!”. M2: -Que disque non é bo... E que non é bo muito tempo estar... Eu acórdame diso dos nosos vellos. M3: -Si, si, eu tamén teño ouído. Pero eu digho que é unha parvada, eh! M2: -Será parvada, pero os nosos vellos aquí, os nosos vellos dicíano. Os nosos vellos na nosa casa, a miña finada de mamá. Xa viña polos que morreran. “Queda de porteiro mentras que non morre outro! Si, dicen que é malo; que dicen que..., vamos, que está penando. Esas cousas ninquién as vén dicir acá”.

“[Dicían que normalmente] unha persona que non era boa levaba muito tempo de porteira”; “[o fulano] non dibía ser nada bo, que está muito tempo de porteiro”; ou en contraposición: “ai, que persona boa dibía ser!, logho o quitano de porteiro”.

Ao consultar a bibliografía etnográfica sobre a Morte, en Galicia non topamos ningunha referencia a esta figura, só ao estender a investigación ao resto do occidente europeo obtivemos noticias dos séculos XVIII, XIX e comezos do XX en Kilranelagh (Irlanda), Kilmurry (condado de Cork, Irlanda), Connaught (Irlanda), Belfast (Irlanda do Norte), na parroquia de Oe (illa de Islay, Argyll, Escocia) e Jesmond (Newcastle). O traballo comparativo que esixe excede as pretensións desta pequena nota, polo tanto, trataremos de analizar o tema máis polo miúdo noutra ocasión. O RACHADOR. Para asustar os rapaces non só estaba o Corcón1, o Home do Saco ou o Lobo... Outra figura ameazaba a inocencia e a vida dos cativos:

“cando era no tempo do millo, cando se andaba no medio do millo

[dicían]: Ande ides?, que vén o Rachador e lévavos”; “tendes que comer, ou non vaiades a tal sitio, que vén o Rachador”.

Cóntano por San Martiño de Vilaboa (e en Salcedo). Quixera saber qué rachaba este misterioso ser. O TABELLO (tabêllo, o “e” é pechado). É o demo, ou unha manifestación del2. Normalmente, cando alguén aparece de súpeto, sobresaltando o que o topa, dise: “Pareces o tabello!”. Falan os de San Adrián de Cobres:

“o tabello é o demo”; “o tabello é unha persona que anda estraviada de noite”; “cando unha persona anda a deshora pola noite, andas por fóra, ás tantas: Es un tabello”.

Notas: 1 A forma normativa é coco ou cocón. 2 No concello de Agolada fálase do perello (perêllo), outra denominación do demo: “marchou coma se o levara o perello”, “ese rapaz é o perello”. Tamén dun neno revoltoso dise en Trabanca Badiña (conc. Vilagarcía de Arousa): “mira que perecho está ese neno”.

Por José Ángel Rosales

Page 18: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

16

- APócemas e viandas do país de Nunca Máis -

Druidismo etílico, alquimia enxebre, beberaxes e receitas sen certificado CE.

“ROSQUILLAS”

INGREDIENTES 1 sobre de levedo ½ Kg fariña cribada 3 ovos ½ cunca de aceite de xirasol (6 culleradas)

1 cunca de azucre ½ botelliña de anís concentrado ou reladura dun limón un pouco de sal canela

PREPARACIÓN Nun bol bátense os ovos e bótaselle-lo aceite, o anís (ou reladura de limón) e o azucre. Engádese a fariña e o sobre de levedo. É importante bota-la fariña pouco a pouco e ir remexendo coa man ata que non se pegue nas mans. Ponse na encimeira un pouco de fariña, bótase a masa enriba e amásase. Déixase repousar 15 minutos e despois vaise cortando a masa e facendo as rosquillas. Unha vez feitas as rosquillas bótanse nunca tixola co aceite quente e vanse fritindo. Póñense nunha fonte e bótaselles por riba o azucre mesturado cunha cullerada de canela.

Por Marta Iglesias

“LICOR DE LIMÓN” INGREDENTES: • 1 litro de augardente branca • 7 limóns mondados e cortados en catro partes • 1 1/2 vasos de azucre • 1 vaso de auga MANEIRA TRADICIONAL: Bótanse tódolos ingredientes nun tarro grande e axítase tódolos días durante tres meses como mínimo. MANEIRA RÁPIDA: 1. Bótase o vaso de auga nunha perola, e cando ferve vaise engadindo o azucre,

pouco a pouco, ata facer un xarope.

Page 19: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

17

2. Unha vez que está todo o azucre disolto na auga, sácase do lume, e vaise engadindo, moi pouquiño a pouco, a augardente, sen parar de remexer. Neste paso hai que ter moito coidado, xa que ó engadi-la augardente esta fai ferve-lo almíbar e os vapores que se xeran son fortes.

3. Collemos un tarro grande e botamos nel os limóns, posteriormente engadímoslle a mestura da augardente co azucre, e tapámo-la boca do tarro cun pano pequeno. Ó día seguinte xa se pode pecha-lo tarro, e reméxese tódolos días durante un mes.

Unha vez feito o licor de limón, hai que pasalo por un coador. Nota: canto máis tempo maceren os ingredientes no tarro máis bo está.

Por Ana Rosalía Rodríguez Lorenzo

- O Tangaraño -

Remedios da medicina popular galega. Cousas de menciñeiros, meigas e vellos

RITUAIS PROTECTORES DOS ANIMAIS: Nunha época na que os animais supuñan a base da economía familiar e da subsistencia no agro galego, protexelos de calquera enfermidade, accidente ou mal era de suma importancia. Ante a crenza de que hai persoas posuidoras da capacidade de bota-lo mal de ollo, as nosas xentes adoitaban realizar unha serie de simbólicos rituais protectores co ánimo de protexe-los animais do tan temido mal de ollo.

En moitas cortes era habitual labra-lo sinal da cruz no dintel da porta de forma que os animais, sobre todo vacas e bois, cada vez que saísen da corte pasasen xusto por baixo da cruz a xeito de beizón para quedaren protexidas de calquera mal. Outras veces púñanse amuletos ou obxectos valedores na porta da corte ou entre a cachotería desta. Cítense, ferraduras coa abertura cara a arriba, cruces de madeira nos bebedoiros. Tamén se soía unta-lo gando con allo para protexelo ou pendurábaselle do pescozo unha bolsiña con pedra de ara, incenso, malvavisco e allo.

Outro dos rituais realizados, e recollido na parroquia de Salcedo, consitía no seguinte: Ó saca-la xugada da corte facíaselle unha cruz coa boina na fronte dos animais á vez que se recitaba a frase: “bruxas fóra, bruxas fóra”. A continuación o paisano pasaba a boina por debaixo das pernas do seguinte xeito:Primeiro de adiante para atrás pola perna dereita, despois de adiante para atrás pola perna esquerda e despois novamente de adiante para atrás pola perna dereita.Con este rito, ficaban, en principio, os animais protexidos do mal que lle podería causar algunha meiga, bruxa ou persoa botadora do mal de ollo.

Se unha vaca se amosaba anormalmente nerviosa dándose á fuga, deixaba de dar leite de súpeto sen motivo aparente ou botaba sangue no leite eran indicios de que podía sufri-lo mal de ollo. Ante este problema era mester acudir á meiga ou ó curandeiro na procura dun

Page 20: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

18

remedio que sandase o animal, e así existían múltiples procederes para sacarlle tal mal: Muxi--los catro tetos e bota-lo sangue ó lume dicindo “para que se lle queimen os ollos e a lingua”; bota-lo leite ensanguentado na lareira e mallalo con varas de abeleira ó tempo que se recitaban unhas verbas contra a bruxa causante do mal; ou acende-lo forno tres días seguidos, muxi-la vaca tres días seguidos e tira-lo leite ó forno aceso.

Un remedio utilizado en Mesía (A Coruña) consistía en recoller en cada horta dos veciños tantas verzas como vacas afectadas se tiñan. F·acíase un caldo cunha verza de cada horta que se lles daba a comer á vaca. No momento en que a vaca rexeitaba unha verza sabíase que esa verza pertencía ó veciño que causara o mal de ollo. Obrigábase as vacas a comer todo o caldo e así os animais sandaban. Se se quería saber que veciño causou o mal habería que facer un caldo con cada verza recollida nos campos dos veciños, sen mesturar unhas con outras. Identificaríase así os distintos caldos e o que rexeitase a vaca sería o caldo feito coa verza do veciño culpable do mal.

Outros dos rituais para sanda-lo gando era o empregado por un home de Sabaxáns (concello de Mondariz) que quitaba o aire con fumarazos de incenso. O rito consistía en facerl cruces na cabeza do gando con incenso aceso. Tamén se lle soía dar mesturado coa comida anacos do ramo de Pascua, xa fose de oliveira ou loureiro.

Finalmente Murgía ten recollido rituais onde se lle pasaba ó gando ramas ardendo polo corpo, coa idea de que o lume botase fóra o mal, e incluso comenta que se ten chegado a queimar vivos os animais a consecuencia desta práctica.

Por Rafael Quintía

- Vellos Trevellos - Obxectos, ferramentas e artiluxios de cando non existía

internet

O fendedor ou fendebimbias: Obxecto de madeira cuxo extremo estaba afiado e labrado en forma de trencha de 2, 3 ou 4 caras e que era empregado para fende-las bimbias en tiras longas e planas que despois se empregaban para ata-las viñas. Facíanse unhas pequenas fendas no extremo da bimbia, colocábase o fendedor nesas fendas e despois deslizábase todo ó longo da bimbia partíndoa en tantas tiras como caras tivese o fendebimbias.

Pantelro: Era unha trampa para paxaros. Construíase unha especie de gaiola con pequenos paus ou canas. Esta debía estar aberta por abaixo para permiti-lo acceso do paxaro, deixábase no chan cun pouco de pan, grao ou cebo semellante dentro, de forma que atraese os paxaros. Un dos lados da trampa lebantábase un pouco do chan deixando esa parte da estrutura apoiada nun pauciño ó que se lle ataba unha longa corda para titar del no momento en que o paxaro entrase na trampa. Por Rafael Quintía

Page 21: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

19

- De brincadeira -

Os xogos de sempre para brincar no rueiro

“A Billarda” Billarda, birlo, estornela, pateiro, pincha, pinche, rebola, e unha chea de nomes máis son os que ten este vello e coñecido xogo galego, aínda que tamén hai referencias deste xogo noutros sitios como Asturias, Euskadi, Catalunya, Castela León, Estremadura, Andalucía, A Rioxa, Aragón, Valencia, Portugal, Francia, etc. Tantos son os nomes polo que se coñece o dito xogo como as regras de xogo, que adoitan ser zonais. Pódese dicir que o xogo consiste, basicamente, en darlle cun pau “palán” a outro máis pequeno “billarda” pra que salte o máis lonxe posible. Daquela, o palán é un pau de aproximadamente uns 50 cm de longo e 2 ou 3 cm de ancho, a poder ser dunha madeira dura xa que durante o xogo báteselle moitas veces. Por outra banda precisamos doutro pau, a billarda, que será do mesmo ancho que o anterior, mais o longo será de 15 ou 20 cm e aguzado nas puntas. Precísase dun espazo amplo pra xogar. Pódese xogar individualmente ou por parellas. Comézase o xogo batendo co palán nunha punta da billarda e o que conseguía que ficase a billarda máis lonxe comezaba o xogo do mesmo xeito, dende o punto de partida. Así que vai caendo a billarda váiselle batendo ata tres veces, e despois hai que calcula-la distancia, medida en paláns, dende o punto de partida ata o sitio onde caeu por terceira vez a billarda. Se acerta no cálculo, segue xogando, e se non os puntos son pró equipo contrario e vólvese empezar un novo xogo.

PALÁN

BILLARDA

Por Roxo

Page 22: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

20

- Dende o Medulio - Os oficios de antes que resisten no mundo de agora

O Capador Cada vez son menos os capadores que quedan no país, aínda que non será pola

necesidade deles, sobre todo no eido político. Bromas á parte, o capador era unha figura característica no mundo rural galego. O capador ía de aldea en aldea anunciando os seus servizos facendo soa-lo pito de capador (ver seguinte apartado) cunha tonada característica e diferente da doutros oficios como o afiador, por exemplo.

O seu labor fundamental era capa-los porcos para que o cocho dese boa carne para a matanza. Antigamente os capadores tamén realizaban operacións de vesícula biliar, abrindo o paciente para extrae-la vesícula e despois coser cunha tripa de porco. A falta de hixiene e de ferramenta cirúrxica adecuada facía que a meirande parte das veces o paciente mórrese debido ás infeccións causadas.

O capador soía compaxina-lo seu oficio co de campesiño, xa que só deste traballo sería imposible vivir. Así mesmo, tamén era habitual que nas aldeas algún dos vecinos soubese face-los labores máis básicos dun capador.

Por Rafael Quintía

- Un pobo que canta - Pequeño manual dos instrumentos tradicionais galegos

Os chifres ou pitos Este instrumento era usado por paraugueiros, capadores,

afiadores ou zarralleiros para anuncia-la súa chegaba a unha aldea. Deste xeito, tocando o chifre facíanlle saber á xente que estaban alí para ofreceren os seus servizos. Era usado sobre todo polos capadores, de aí que nalgúns sitios se lles chame a estes chifres “capador”. O chifre é unha frauta de pan, feito normalmente de madeira en forma de triángulo irregular e coa forma da testa e o peito dun cabalo.

A ese triángulo fánselle de oito a trece buratos cegos no fondo, e de diferente profundidade. Para tocalo pásanse os beizos pola parte superior do chifre, dirixindo a columna de aire en

horizontal cara ás aberturas dos buratos feitos. Deste xeito obterémo-lo seu característico son.

O berimbao Tamén coñecido como trompa, é o instrumento típico da Fonsagrada e dos concellos dos arredores. Consiste nunha lámina de madeira ou de ferro que se fai vibrar, suxeita a un marco do mesmo material en forma de ferradura. Tamén as hai con outras formas diferentes, pero a de ferradura é a máis común. Para facelo soar cóllese o berimbao cunha man e, situándoo entre os dentes, co dedo índice da outra man puntéase o extremo libre da lámina. Deste xeito, o instrumento vibra e produce o son grazas ó uso da boca como caixa de resonancia. Xogando cos beizos, a lingua e as mandíbulas podemos obter diferentes sons cos que poderemos executa-la peza desexada.

FdV

Page 23: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

21

- As Razas do País - Salvémo-las razas autóctonas en perigo de extinción

“O PORCO CELTA”

É a única raza porcina orixinaria de Galicia, e foi a máis importante na nosa terra ata comezos do século XX, sufrindo a partir daquela unha continua redución censual, polo abandono do costume do pastoreo porcino, ocasionado polo abandono das terras e pola despoboación rural, e pola importación de razas foráneas pra intensifica-los sistemas produtivos e incrementa-los rendementos das explotacións. No seu conxunto son animais rústicos e harmónicos. O gran desenvolvemento de seu esqueleto, sobre todo do tercio anterior, e a lonxitude dos seus membros demostran a súa aptitude prá marcha, que é viva, grácil e de contorneo característico desta raza. Dentro da raza porcina celta diferéncianse tres variedades: Santiaguesa, Barcina e Carballina. Morfoloxicamente son iguais e só se diferencian na ausencia ou presenza de pigmentacións. Son animais rústicos, áxiles, con boa aptitude prá marcha polo seu forte aparello locomotor, que lle permite percorrer grandes distancias no pastoreo como se facía antigamente. Atópanse perfectamente adaptados ós bosques autóctonos galegos, onde pastorean e aproveitan os recursos naturais estacionais como as castañas e as landras. Froito desta alimentación natural en combinación co exercicio físico nos soutos e fragas, obtéñense produtos cárnicos de altísima calidade. Por ser unha raza con grandes posibilidades prá súa explotación en réxime extensivo ou semiextensivo, contribúe ó mantemento e control da biomasa vexetal, ademais de embelece-lo contorno paisaxístico. Para saber máis:

-Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia Pazo de Fontefiz - Coles - 32152 Ourense. Tfno.: 988205402

Page 24: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

22

“A CACHENA” O nome de Cachena serve pra designar unha poboación bovina estendida no sudoeste ourensán, nos montes da Serra do Xurés, Serra de Leboreiro e Montes do Quinxo, que, ó final da súa regresión censual, quedou practicamente acantoada na freguesía da Illa, concello de Entrimo e máis concretamente na localidade de Olelas. Morfoloxicamente son animais de pequeno tamaño, o peso medio é de 350 Kg prás femias e de 550 Kg prós machos, cunha alzada á cruz de entre 90 e 120 cm. prás femias e de 100 e 130 cm prós machos. A capa é castaña clara, abelá, máis escura na rexión do pescozo. Son característicos os seus cornos, en lira alta, de grandes proporcións e sección circular. É unha raza que é boa reproductora, con boas calidades maternais e unha aceptable produción leiteira, moi rústica, resistente a enfermidades, adaptada perfectamente tanto ós rigores climatolóxicos como ós morfolóxicos das serras do noso país, o que lles facilita o traballo ós gandeiros xa que poden mante-los fatos en pastoreo extensivo ou semiextensivo a maior parte do ano cunha achega mínima de recursos alleos á propia explotación. Deste xeito prodúcese un aproveitamento sostible, xéranse producións respectuosas co medio natural minimizando o uso de fertilizantes, praguicidas e substancias medicamentosas, mantendo a biodiversidade, conservando o valor paisaxístico e diminuíndo a incidencia dos incendios forestais ó controla-la vexetación mediante o silvopastoreo. Pra rematar, hai que subliñar que esta actividade gandeira, ó tempo que recupera prácticas culturais tradicionais, axuda a fixa-la poboación ó medio, sobre todo nos lugares que, polo seu illamento, sufriron máis o abandono rural.

Para saber máis: Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia Pazo de Fontefiz - Coles 32152 Ourense. Tfno.: 988205402

A Cachena e o Porco celta forman parte do patrimonio histórico-cultural de Galicia e non podemos deixar que se perda.

Por Roxo

Page 25: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

23

- A medida importa - Para tomaren medidas á galega.

Dende moi antigo e coma en tódalas sociedades, as nosas xentes empregaron e seguen a empregar moitas unidades para medi-las distintas magnitudes. Deste xeito foise desenvolvendo o noso propio sistema tradicional de medida. As variacións locais e impresicións destes sistemas, unido á implantación en Europa do uso do Sistema Métrico Decimal, está a orixina-lo desuso de moitas destas unidades. Neste apartado iremos facendo unha pequena exposición das unidades de medida tradicionáis máis utilizadas na Galiza. Unidades de capacidade: Cuartillo: Un cuarto de litro, nas Rías Baixas e en zonas como Mesía (concello da provincia da Coruña) parece ser que vale por medio litro. Neto: Equivalente a medio litro; 2 cuartillos Azumbre: Equivalente a dous litros Cuartilla: Equivalente a catro litros; 2 azumbres Canada: De oito litros, nalgúns lugares cinco ou seis litros Cántaro ou ola: Medida de capacidade usada nos líquidos (viño, aceite,..) Equivale a 16 litros = 2 canadas, 1 ola = 1 cabazo = 1 cántara = 1 arroa = 16 litros Cabazo: varía segundo os concellos, podendo ser 14, 16 ou 20 litros coma en Redondela. Cañado: Equivalente a 40 litros; 2 cabazos Moio: Equivalente a 16 cántaros Sella: Que podía variar entre 5, 6 e ata 15 litros Cunca: Dezaseisava parte dun ferrado Cuarto: Cuarta parte dun ferrado= 4 cuncas Esca: Medio ferrado= 2 cuartos Ferrado: Medida de capacidade empregada para medir áridos (gran) = 2 escas. Varía entre os 12 Kg e os 20 kg segundo a clase de gran. A coincidencia no nome co ferrado de superficie parece deberse á equivalencia entre gran e terro plantado. Un ferrado de centeo era a semente necesaria para plantar un ferrado de terra. Fanega: En millo equivale a 5 ferrados. Probablemente ten igual explicación có ferrado.

FdV

Page 26: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

24

- Lingua de probes -

Pequeno dicionario para recupera-las palabras de vello

. Acebillar: Aínda que non aparece recollida nos dicionarios, esta palabra emprégase nalgunhas zonas de Galicia co significado de apurar, é dicir, dar ou meter présa. Na zona de Salcedo utilízase con este significado o verbo alambrar. Almadraque: palabra actualmente moi pouco empregada e que fai referencia á almofada Andar ó leu: Andar á intemperie, ó frío, con pouca roupa. Axóuxere: Esfera oca que pode ser de distintos materiais e que leva dentro unha 0u máis boliñas soltas para que emitan son ó axitalas. Cear: Ademais de existir como verbo que significa inxerir un determinado alimento na comida, xeralmente a última do día, que se fai polo serán ou pola noite tamén temos na nosa lingua o verbo cear co significado de recuar, andar ou moverse cara a atrás. Encetar: Este verbo pode significar empezar a gastar algo que estaba enteiro (especialmente referido á comida “enceta-lo xamón ou a bola de pan) pero tamén se utiliza cando falamos de que unha ferida se infecta. Galdrumada: Comida mal feita, con moitas cousas mesturadas e de mal aspecto aínda que nalgunha zona non ten este matiz negativo e emprégase para facer referencia a calquera tipo de doce ou alimento que leve azucre. Papaventos: xoguete que consiste nuhha armazón lixeira que sostén estirado un papel ou unha tea e leva colgada unha cola tamén de tea ou papel. Este xoguete elévase no aire aproveitando as correntes de vento e queda suxeito por un cordel.

Page 27: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

25

- A máquina do tempo - A historia esquecida para saber de onde vimos

O AVIADOR PIÑEIRO: O HOME QUE SOÑOU COA GLORIA

Ninguén diría cando naceu

naquela pequena aldea galega que José Piñeiro fose un home nacido para a gloria. Tampouco cando medrou, tan pouco resolto en aproveita-las oportunidades de estudo en San Sebastián que o seu pai lle brindaba non sen grandes sacrificios. Fíxose adolescente descoñecendo por que todo o agobiaba, xa fosen os estreitos límites dunha aldea ou as aulas nunha gran cidade. Só sabía que era distinto. Coma se o combustible que necesitaba non se vendese na gasolineira e non soubese onde mercalo. Inconformismo puro, que unido á súa ansia de acción e aventura levouno a alistarse voluntario como carne de canón e metralla para a guerra de Cuba.

Non sabemos moito do ano que pasou na fronte desde o seu alistamento ata a súa baixa por enfermidade, pero algo podemos intuír: as privacións e a disciplina non ían con el. Así que decidiu que o estudo non era tan malo despois de todo. Rematou a carreira de mecánico naval e comezou a navegar. Porén, o seu espírito libre e salvaxe seguía aí, latexante. E mentres, o seu destino íase escribindo. Casa cunha rica herdeira. Como bo sedutor, primeiro conquistou a nai de tal xeito que se convertiría para sempre na súa principal valedora.

Cos cartos que a súa sogra lle facilita, merca unha fábrica de gaseosas e, como apenas uns meses despois nace o seu primeiro fillo e pouco máis tarde unha nena, diríase que o inquedo Piñeiro sentou definitivamente a cabeza, pois aquela familiar e desafogada vida colmaría os desexos de calquera. Pero Piñeiro

non é calquera. Sabe que naceu para a gloria e a única incógnita que o atenazaba era como habería de alcanzala.

Esa dúbida despexouse o día en

que, con 32 anos, Piñeiro viu voar un avión en Pontevedra ós mandos dun piloto francés. Ocorreu o 20 de agosto de 1911, durante as festas da Virxe Peregrina. A maioría dos homes limítanse a segui-lo avión; outros, porén, lonxe de viviren ó ditado, labran o seu propio destino. Piñeiro é destes últimos, e trala exhibición aeronáutica tomou a decisión: sería aviador.

E foino. Dos grandes, senón máis. Competiu e venceu os todopoderosos aviadores franceses, voou ante cincuenta mil espectadores en Bos Aires e realizou acrobacias no medio dunha tormenta na Habana, cando ninguén máis se atreveu. E todo isto fíxoo cunha bicicleta con ás. Porque o modelo de avión que sempre utilizou, o Bleriot XI, co que o seu construtor cruzou en 1909 por primeira vez o Canal da Mancha, era un monoplano sumamente sinxelo e fráxil. Tiña a á alta arriostrada con tensores, de corda constante e extremos curvados. Cada semíola era facilmente desmontable e estaba formada por costelas de madeira e algunhas de aluminio

Page 28: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

26

recubertas con tea impermeabilizada. Carecía de superficies articuladas de alabeo, dirección e profundidade, podendo o piloto gobernar moi precariamente esas variables mercede a modificacións na superficie dos planos de sustentación, alabeándoos mediante o mando exercido sobre cables. Nestas condicións era moi difícil corrixir ventos cruzados nas manobras de despegue e aterraxe. Por outra parte, o mando de profundidade non era nada preciso nos ascensos, manobras moi comprometidas, acompañadas do continuo e inminente perigo da entrada en perda e subseguinte barrena. E como se entra en perda cando a forza de sustentación é vencida pola de gravidade, unha vez que esta ocorrera, as superficies de mando do avión carecían totalmente de efectividade. Ademais, o piloto tiña unha moi imprecisa referencia de velocidade, dado que o anemómetro estaba constituído por unha variña flexible cunha curvatura que indicaba moi mal a velocidade sobre unha escala graduada. Se a todo isto engadimos que os cambios de rumbo se efectuaban “ó prato” (metendo o pé no mando de dirección) con escaso mando de alabeo; que o par motor convertía en perigoso calquera xiro á dereita, podemos comprender que os pilotos da época preferisen voar en ausencia de todo vento, xeralmente ó amencer e ó atardecer.

Por iso, ademais de habilidade e pericia (pois debe facer fronte a tódalas servidumes que o voo impón, como comproba-la estabilidade do aparato, vixia-lo réxime do motor, coñecer cal era a súa posición, conserva-la dirección e ser quen de localizar un terreo improvisado se por desgraza o motor falla), para subirse a estes aparatos facía falta algo que non se ensina en ningunha escola do mundo e que Piñeiro tiña a esgalla: valor. Non ese valor inconsciente de lanzarse á morte cos ollos pechados, senón aquel que require avalia-los riscos e asumilos; cunha fe tal en si mesmo e nas súas posibilidades que

para o resto dos mortais sería simplemente temeridade ou tolemia. A aviación seríao todo para el e a ela consagrará a súa vida.

Froito desa dedicación foi o legado que deixou ó se-lo único aviador galego que participou na etapa heroica da aviación (que conluíu coa P.X.M.). Así, a importante contribución de Galicia á historia da aviación española débese sen lugar a dúbidas a Piñeiro. Porque se tres foron as xestas con repercusión internacional realizadas pola aviación española: a travesía do “Plus Ultra” —desde Palos de Moguer a Bos Aires—, o voo Madrid-Manila —da “Patrulla Elcano”— e o voo do “Jesús del Gran Poder” —co seu periplo polo Amazonas—, tres galegos foron os que as coprotagonizaron; e todos eles, tanto Loriga como Iglesias Brage e Ramón Franco (estes dous últimos nacerían, como Piñeiro, na comarca de Ferrol), manifestaron en diversas ocasións que a súa paixón por voar naceu da contemplación dos voos de Piñeiro. A diferenza que existe entre Piñeiro e os outros tres aviadores —ademais do feito de que estes non participaron na etapa heroica da aviación— é o carácter co que desenvolveron as súas carreiras: os tres foron militares. Iso significaba que cando un avión se accidentaba ou avariaba, o Exército dáballes outro.

Para Piñeiro a súa aventura supuxo a súa ruína económica, un custo pequeno por persegui-lo seu soño e alcanzalo. E, con el, a gloria de converterse en heroe.

Por Carlos Quintía

NOTA: O autor do artigo ten escrita a primeira biografía do aviador Piñeiro: El vuelo de la gaviota

Page 29: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

27

-UN GALEGO NA LÚA- Dende Alaska a Camerún galego sempre se atopa algún.

Contaban unha vez no programa “Al filo de lo imposible” de Sebastián Álvaro unha simpática anécdota que reflicte o espírito desta sección e a idea estendida, e con razón, de que non hai recuncho no mundo onde non chegase un galego. A anécdota é a seguinte: nunha expedición do citado programa ó Everest cando despois de varios días de esgotadora ascensión conseguen facer cumio na montaña máis alta do mundo, ó chegar arriba resulta que os escaladores se atopan cun galego, e de aí a guasa do asunto, ate no cumio do Everest hai un galego. A explicación é sinxela, o escalador galego, membro dunha expedición dos Montañeiros Celtas de Vigo –coido-, viña de subir pola outra cara da montaña e coincidiron ó mesmo tempo no cumio.

CANTEIROS USA: De todos é coñecida a historia da familia Kennedy, a súa importancia na historia recente dos EEUU e por extensión no resto do mundo. O tráxico asasinato de John F. Kennedy e do seu irmán. O que quizais non saiban é que o mausoleo da familia Kennedy foi feito por un galego, mais concretamente un canteiro das terras de Cerdedo. Quen lle ía dicir a aquel rapaz que xogaba coas pedras do Seixo que acabaría facendo a tumba da que sería unha das figuras máis importantes do século XX.

Quen ía imaxinar: Din que a canción “Imagin” de John Lennon é unha das cancións máis fermosas que se teñen feito, un himno do movemento hippy e da filosofía da non violencia. Pode ser que así sexa, o que é seguro é que John Lennon tivo tempo para compor ese tema porque non se tiña que preocupar das tarefas domésticas, xa que para iso estaba Rosaura Lorenzo, oriunda da freguesía de Castro, Cerdedo e que foi a ama de chaves dos Lennon durante a sua residencia no mítico edificio Dakota de Nova Yorke. Ela foi a primeira en ve-lo asasino de John, a que coidou o seu fillo e posiblemente a que fixera a cama na que John e Yoko deron a famosa rolda de prensa. Rosana morreu recentemente e ten escrito un libro sobre as súas vivencias cos Lennon.

O Rei dos Xíbaros: Alfonso Graña (1878-1934), natural da aldea de Amiudal, Avión, tras emigrar ós 18 anos a Brasil e ser protagonista dunha incrible vida aventureira acabou converténdose no único branco que reinou durante 12 anos a temible tribo amazónica dos Xíbaros, famosos polo seu costume de reduci-las cabezas dos inimigos mortos, rango que acadou tras casar cunha india, posiblemente a filla do xefe da tribo.

Rafael Quintía

Page 30: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

28

- Pegadas do tempo - Ollando o noso patrimonio artístico, monumental e natural. O pazo de matalobos (Salcedo): Antiga casa señorial galega tristemente abandonada e en estado de total ruína que se atopa no Monte do Castro, lugar de Matalobos, Salcedo. Aínda se pode observa-lo gran tamaño de lareira e do forno de leña que había no que antano foi a cociña da casa. Estas fermosas e misteriosas ruínas de pedra e carriza, rodeadas pola vexetación, semellan sacadas dun cadro de Friedrich e a xeito de estampa romántica devólvennos a un tempo pasado de pazos, señoritos e tardes de verán á sombra dunha pérgola. É tristre ver como os propietarios deixan ó total abandono parte do noso patrimonio e da nosa historia. Preguntémonos onde está aquí patrimonio. Quizais cun pouco de sorte este nobre caserón acabe algún día restaurado e convertido en casa de turismo rural ou algo semellante que é o que se leva. Aínda que posiblemente acabe derruído para converte-lo soar nunha cara urbanización de chalets adosados a 5 minutos de Pontevedra.

O Monte das Croas (Salcedo): Se partimos da idea de que a CROA é a fortificación exterior dun castro, xa podemos ter unha idea da riqueza que pode agochar este monte de Salcedo. Para non desentoar coa tónica do país este contorno atópase totalmente deteriorado polas extraccións de pedra que alí tiveron lugar, así como pola maleza, recheos e esterqueiras varias. Prospeccións arqueolóxicas teñen atopado restos de edificacións castrexas. Cousa que por outra banda é facilmente deducible se un dá unha volta por este monte cuxa morfoloxía e localización o converten nun promontorio defensivo ideal. Observando o chan aínda se

poden distinguir baixo a terra as depresións correspondentes a formacións circulares. Na costa de subida ó monte existe un cruceiro descabezado, cristianizador destes acubillos de mouros e fadas. Malia esta riqueza arqueolóxica e o seu potencial didáctico e turístico, non parece haber plans nin vontade a curto prazo para recuperalo do total abandono. É que por desgraza neste país seguimos sen valora-lo que temos e a tola carreira cara á destrución e o esquecemento do noso patrimonio e da nosa historia continúa sen imparable remisión. Aproveiten e gocen do pouco que queda.

O Monte do Seixo: Un dos lugares máis interesantes e impresionantes da nosa provincia. Unha verdadeira montaña máxica a apenas 30 km de Pontevedra capital. Un lugar onde reatoparse coa maxia, a espiritualidade e os misterios e lendas desta terra. Presentamos a continuación o excelente tríptico feito pola Asociación Verbo Xido onde nos propón unha fabulosa aventura gozando do roteiro que percorre estas milenarias terras. Así que xa saben, a camiñar e a aprender das pedras!!

Page 31: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

29

Page 32: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Etnografía e Historia

30

Page 33: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Acción Social

31

- O anano verde - O traballo da conciencia verde do país.

Os grupos, asociacións e veciños que fan polo noso medio o que as administracións non queren facer.

“Asociación Verbo Xido”

O 24 de febreiro de 2001 foi fundada en Soutelo de Montes (Forcarei) Verbo Xido, unha asociación ecoloxista e cultural, plural e aberta, creada para o fomento, a potenciación e a difusión do noso contorno medioambiental e paisaxístico e para a denuncia das desfeitas contra o patrimonio. O ámbito de actuación está delimitado polos tres concellos integrados na Terra de Montes (Forcarei e Cerdedo, na provincia de Pontevedra, e Beariz, na de Ourense). Contando co apoio de pouco máis de medio cento de socios, mínimas achegas procedentes da Xunta de Galicia e a indiferenza dos tres concellos —agás contadas excepcións—, en seis anos fomos quen de desenvolver un amplo catálogo de actividades nas que participaron milleiros de persoas, a maior parte delas procedentes de fóra da Terra de Montes, das que boa parte acabaron por se converter en novos veciños, aínda que os seus enderezos estean lonxe dela. En paralelo, Verbo Xido veu mantendo una relación directa e constante cos propietarios do Museo Etnográfico da Terra de Montes (Cetmo), situado en Soutelo, facendo un labor de promoción e divulgación, ademais de contribuír nos gastos de mantemento. No Cetmo organizamos exposicións sobre a artesanía en Etiopía ou do fotógrafo Sebastião Salgado, ademais de servir de escenario de encontros con escritores da comarca Deza-Tabeirós-Terra de Montes. En paralelo, Verbo Xido ocupouse de facer de guía das visitas organizadas, das que boa parte tiveron como protagonistas a alumnos de centros escolares de distintos puntos da provincia. No eido divulgativo figura a edición de traballos para dar a coñece-la obra de Frei Martín Sarmiento, a quen dedicamos unha xornada no mes de Nadal para facer un roteiro seguindo os seus pasos polo concello de Cerdedo no século XVIII, así como a edición de distintos folletos. Outro cerdedense do que puxemos a súa obra en valor é Otero Espasandín, que figura na ampla lista de represaliados trala Guerra Civil e tivo que fuxir de España. A colecta que fixo posible erguerlles un monumento ós represaliados pola ditadura franquista, situado en Pedre (Cerdedo), a identificación dos asasinados de Cerdedo, o posicionamento crítico diante da proliferación irracional dos parques eólicos, a demanda de que Celulosas sexa pechada, a defensa doutra política forestal que se asente nas especies autóctonas, a cultura material e inmaterial, a música e a poesía foron os eixos das charlas celebradas baixo o epígrafe dunha iniciativa posta en pé por Verbo Xido á que chamamos Terra de Todos, que se celebra na primeira fin de semana de agosto. Tamén amosámo-lo noso rexeitamento á guerra contra Iraq (tan ilexítima como todas) e a solidariedade co mar cando a incompetencia do Goberno central converteu o accidente do Prestige nunca catástrofe, organizando un festival en Pedre (Xaneiro de 2004) ó que acudiron centos de personas. Verbo Xido está a realizar estes traballos en tres concellos que teñen características comúns: a aplastante maioría do Partido Popular, unha poboación moi avellentada, un modo de vida en extinción (agrícola e gandeiro), mínimas alternativas laborais e socioculturais e un descenso poboacional que nas últimas décadas provocou que o censo se reducise case nun 50%.

Page 34: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Acción Social

32

- - Pensa globalmente, - actúa localmente -

Consellos sinxelos para a autosuficiencia e para facermos un mundo mellor

“CAIXA NIÑO”

Deseño:

* Figura 1: Base. * Figura 2: Parede lateral.* Figura 3: Pared e lateral.* Figura 4: Parede frontal con burato de entrada (30mm).* Figura 5: Tellado.* Figura 6: Respaldo.

Medidas recomendadas para nidais específicos dalgunhas especies:

- Ferreiriño común, cristado e abelleiro : Base: 12 x 12 cm. Altura:20 cm. Burato entrada (Ø): 26 mm. – Curroxo, gorrión e ferreiro abelleiro: Base: 12 x 12 cm. Altura: 25 cm. Burato entrada (Ø): 35 mm. - Estorniño: Base: 50 x 50 cm. Altura: 28 cm. Burato entrada (Ø): 50 mm

Construción: 1.- Empezar pola parte posterior (Fig.6). 2.- Cravar un lateral ó respaldo. Deixar un pouco de espazo por riba e por baixo na táboa do respaldo co fin de poder suxeita-la futura caixa niño a un soporte. 3.- Uni-la base (Fig.1) ó respaldo e a unha parede lateral. 4.- Repeti-lo proceso de unión para o outro lateral. 5.- Colocación do frontal (Fig.4). Antes de realiza-la unión coloca-lo teito en posición para asegurarse de que non sobresae en exceso cara a

enriba; de ser así, cambia-la posición da parede frontal ata que axuste. Cando encaixe procederemos a realiza-lo cravado. 6.- Finalmente, unirémo-lo teito ó resto do niño utilizando a tira de goma, lona ou coiro. Unir coas chatolas un lateral da tira ó respaldo e o outro ó teito, deste xeito obtemos unha bisagra que nos permitirá abri-lo teito a xeito de tampa. É conveniente colocar ferrollos a ámbolos lados co fin de evitar que se poida levanta-lo teito de modo accidental. Podemos asegurármo-la accesibilidade ó niño dun maior número de especies ampliando o diámetro do burato de entrada a uns 35 mm.Como medida complementaria podemos colocar un posadeiro por debaixo da entrada para facilita-lo acceso da ave ó interior

Page 35: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Lecer

33

-Na Galiza, montunismo-

Rotas e roteiros para perderse polas parroquias

Roteiro “Río Gafos”

Page 36: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Lecer

34

Folleto editado pola Asociación Vaipolorío

Page 37: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Lecer

35

- Ó Rebusco -

Guía das vilas e lugares que non atopas nas guías O Monte da Fracha,

Inmensa mole pétrea omnipresente sempre dende a nosa cidade e á vez descoñecida pola gran maioría, que vive de costas a un dos montes máis impresionantes e fermosos do noso contorno. Se ben, coa construción do merendeiro, cada vez é máis a xente que se achega a este Olimpo pontevedrés a gozar dun día de relax e natureza.

A pesar de carecer da exuberancia arbórea do masificado parque do Lago de Castiñeiras, así como das súas comodidades e servizos, a Fracha ofrécenos múltiples posibilidades de ocio. Un contorno agrestre cheo de pequenos cumios, misteriosas pedras e enormes rochedos que explorar, infinidade de camiños e carreiros para camiñar ou perderse coa bicicleta, que non cos ruidosos e erosionantes quads tan de moda hoxe en día. Unhas vistas excepcionais da ría de Vigo e de Pontevedra e un contorno onde gozar coa observación dos cabalos que aínda viven ceibes no monte e das aves. Por desgraza a masa forestal autóctona é moi escasa.

Por último, o monte da Fracha constitúe un espazo libre de contaminación lumínica onde poder gozar dunha noite de estrelas ou de luxuria pagá, e como diciamos ó principio, un merendeiro con escasa sombra, que todo hai que dicilo, onde entregarse ó pracer galaico de facer unha churrascada coa familia e cos amigos. Iso si, coidadiño co lume que xa tivemos dabondo este verán.

Por degraza este magnífico monte foi un dos máis castigados coa vaga de lumes do pasado verán. Agardamos que a nai naturaza se recupere pronto e poidamos volver á Fracha co corazón limpo de cinzas. FdV A carballeira de Catasós

Tamén coñecida como Carballeira de Quiroga. Localízase na parroquia de Santiago de Catasós, Concello de Lalín, na estrada Nacional 525 (Santiago-Ourense) a 4 km do dito concello.

A Fraga Catasós está formada por un bosque mixto de Carballo e Castiñeiro. Permítenos, pola súa importancia e singularidade botánica, atopar especies animais e vexetais que xa non son visibles noutros lugares.

A pesar de ser un espazo reducido (5Ha aproximadamente), este souto conserva os exemplares de Castiñeiro máis altos de Europa de 30m de altura e máis de 5m de circunferencia na súa base.

No lugar existen paneis divulgativos que permiten aumenta-lo coñecemento sobre a fraga e o seu contorno.

Perderse nesta fraga supón unha máxica experiencia para os sentidos e unha viaxe no tempo para descubrir e gozar de cómo eran os soutos e os bosques galegos antano, antes de que os eucaliptais e piñeirais invadisen o noso país e destruísen a nosa naturaza e beleza autóctona. FdV

Page 38: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Lecer

36

- Fondeadoiro - Furanchos, bares, tascas e outros lugares

auténticos de parada, fonda e festa...

Furancho de Pereira

Situado xunto á Igrexa de Tomeza. Furancho de abundante clientela polo que cómpre ir con tempo, sobre todo as fins de semanas. É dos primeiros en abri-la tempada, tendo un viño aceptable así como viandas varias coas que acompaña-lo viño. Ás veces fai unhas marabillosas bolas de pan no forno de leña da casa que fan que a peregrinación a este lugar xa mereza a pena. Cun pouco de sorte, como soe ocorrer nestes casos, é posible gozar dunha velada improvisada de música tradicional. Cómpre nestes casos de festa e ilaridade lembrar que a baixada de Tomeza ten curvas dabondo, así que sexan os condutores prudentes na inxesta do viño.

FdV

A Casa do Coto

A casa do Coto é un local de tapas construído nunha antiga casa de pedra coidadosamente restaurada no que, ademais de cear, pódese gozar da mellor selección de música folk, de actuacións en directo, de interesantes exposicións, ou doutras moitas actividades culturais.

A casa do Coto está situada na subida a San Cibrán de Tomeza, a 5 minutos de Pontevedra e abre as súas portas de xoves a domingo a partir das 19:30 h.

A casa do Coto difunde a súa programación cultural a través dos diferentes periódicos locais, dalgunhas emisoras de radio locais, de Ponte de Ocio (guía de ocio local), da páxina web www.acasadocoto.com, da publicidade feita polo propio local e do boca a boca, que tamén é moi importante.

Información extraída da páxina web do local.

Page 39: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Retranca, opinión e denuncia

37

- O Quirico - Retranca e humor galego.

“As cousas de Uxío”

-Papá, papá ¿E que é un sistema político? -Uxío iso é un pouquiño difícil de entender, pero digamos que un sistema político é o elemento que permite que se artelle unha sociedade. -¿E tamén é o que permite que un partido de fascistas se xunte cada ano para conmemorar e exalta-lo violento golpe de estado dun ditador asasiño? -Tamén, Uxío, tamén. -E papá, ¿é o mesmo que non permite que se xunte ou manifeste outro grupo de xente que non condea a violencia doutros asasiños? -Tamén fillo, tamén. -Pero, entón non é igual para todos. Oes papá iso non é moi xusto, ¿non? -Xa neno pero é o que temos. -¿E como dis que se chama ese sistema? -Democracia. -A claro, porque vén de demo e xa se sabe que o demo… -Pásame o tabaco Uxío. - Oes papá, din que están a prohibir fumar porque o tabaco mata. -Iso parece neno. -Tamén pon o xornal que España é o país de Europa con máis mortes por accidente laboral. ¿Non si? -Pois si, aquí morre moita xente no traballo, fillo. -Entón pai, ¿porque non prohiben traballar?

“O humor de Quibi”

Dicían que os muíños ían deixar moitos cartos na aldeaaaaa!!!

Si oh! Pois será o único que deixen porque o que é a nós hannos mandar a todos ó carallo.

Page 40: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Retranca, opinión e denuncia

38

- CHINTOFOMANÍA - Manual enxebre da contribución galega ó feismo na

construción e arquitectura rural.

BAÑEIRA-BEBEDOIRO: Emprégase xeralmente a xeito de bebedoiro ou comedeiro para o gando. Despois da reconversión dos tanques soviéticos en maquinaria agrícola, os galegos lanzámo-la reutilización de pezas sanitarias con fin gandeiro. Reinvención do maseiro para adaptalo ós tempos globalizadores. Non podemos esquecer tamén a utilización da bañeira como sementeiro. Para esta última utilidade pódese substituí--la bañeira pola carcasa vella dunha neveira, obxecto este moi versátil en menaxe rural

-Expedientes“G”-

O diluvio universal en Galicia: Prestixiosos investigadores da Facultade de Estudos Bíblicos da Universidade do Carramal veñen de descubri-la existencia en Galicia de importantes vestixios que avalarían a teoría do

diluvio universal. Estas probas baséanse fundamentalmente na existencia de construcións palafíticas en lugares de Galicia afastados da costa e polo tanto do mar. Como é ben sabido, as vivendas sobre piares ou palafitos son propias de zonas lacustres, ou asulagadas onde a falla de terra firme obriga os seus poboadores a utilizar este tipo de construción. Polo tanto, non tería sentido a existencia destas construcións sobre piares no interior do noso territorio se non fose por que nalgún tempo pasado

toda esta terra estivo baixo o mar, o que obrigou os habitantes galaicos a construíren as casas sobre piares, para estaren a salvo das augas e así poderen sobrevivir até a baixada do nivel do mar. Se temos en conta que o territorio galaico é xeoloxicamente o máis antiguo da Península Ibérica, que aquí se atopa auga con mover unha pedra e que aínda perviven e proliferan este tipo de construcións palafíticas é moi difícil contradici-las recentes teorías que afirman que o diluvio ocorreu realmente e que Galicia sufriu as consecuencias da ira de Deus. Consecuencias que marcaron a psicoloxía do galego até tal punto que hoxe en día, milleiros de anos despois, aínda seguimos a utiliza-lo mesmo tipo de vivenda diluviana sobre piares por temor a que o gran cataclismo volva a repetirse. Grazas ó cal pódese confirma-lo que até o de agora só era unha crenza bíblica. Amosamos fotos deste tipo de construción diluvianas. Datos subministrados polo RECORDA (Rede de estudos de cousas raras de aquí)

Page 41: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Retranca, opinión e denuncia

39

- Reflexións de patacón -

Artesa das citas, dos refráns e dos ditos populares “Cando non sopra o vento incluso os cataventos teñen carácter” Stalislaw Jerzy lee “O problema de ser pobre é que che ocupa todo o tempo” Willen de Kooning “A orixinalidade é a volta ás orixes” Gaudí “O pasado fuxiu, o que agardamos está ausente, pero o presente é teu”. Proverbio árabe “A lei é unha tea de araña que detén as moscas pero deixa pasa--los paxaros” Anacarsis

“Cando escoito un home falar do seu amor pola patria, é signo de que agarda que lle paguen por iso”. Henry Louis Mencken “As desputas dos señores lense no lombo dos campesiños”. Proverbio ruso “A vida interior necesita unha casa confortable e unha boa cociña”. D.H. Lawrence

Refráns galegos

“Do tinto non me arrepinto, do branco non me espanto, o Jaén… veña tamén”. “Fillo fuches, pai serás. Así como fixeches, o terás”. “Mentres o pau vai e vén, descansa o lombo”. “O que con rapaces se deita, mexado se levanta”. “Para abaixo tódolos santos axudan”.

“Unha man lava a outra e as dúas lavan a cara”. “A capar apréndese cortando collóns”. “Cando o frade dá a ovella, colle a corda e vai por ela”. “Quentarse, e non foder, é bota-la carralla a perder”. “Sea merda valese diñeiro, os pobres nacerían sen cu”.

Page 42: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Retranca, opinión e denuncia

40

-O Altofalante- Taboleiro de opinión libre e denuncia sobre a

realidade ou irrealidade social do teu lugar, parroquia, concello, país ou mundo.

“Sodoma, Gomorra e Galicia”

Por que ardeu Sodoma e Gomorra? Segundo conta a Biblia, polos seus pecados, polos seus vicios e prácticas pervertidas e depravadas. En definitiva, por darse polo cu uns ós outros. O mesmiño que aquí. Galicia arde porque nos gusta darnos polo cu uns ós outros, e claro, chega un momento en que a divindade, divindades, deuses e seres élficos se cabrean pola nosa falla de vergoña e pudor e mándanno-las 7 pragas bíblicas mailo IVE. Se xa estaba escrito, non é nada novo. Só hai que ler e para iso, por desgraza, non se pode ser un analfabeto. Especime que aquí medra con especial graza. Neste país de irresponsables preferimos sempre pan para hoxe e fame para mañá. Vendémo--la nosa nai por catro pesos e arrasamos co que sexa con tal de levármonos uns patacóns aínda que iso supoña hipoteca-lo país, o noso futuro e o dos nosos fillos. Non importa nada mentres haxa algúns cartiños de por medio. Nesta terra somos especialistas en mirar para outro lado, esquecer e mesmo sinalar se hai guita de por medio para trincar. Non sei se me entenden. Eu si. Así preferimos arrasa-las nosas fragas, sobreiras, os nosos bosques autóctonos e converte-lo noso monte nun gran eucaliptal se con iso sacamos uns cantos euros. Non importa que sexa a ruína da nosa natureza, da nosa flora e fauna. Non importa que cada ano estas horribles plantacións se convertan en verdadeiros polvoríns á espera de que un accidente fortuíto ou un fillo da gran puta lle prenda lume e arda o monte, as casas e Cristo bendito, se é que anda por aí. Sempre sobran irresponsables e analfabetos que pidan que non se limite a súa plantación para seguir enriquecéndose a costa da ruína do pobo e do país. Aquí ninguén sente vergoña nin complexo de culpabilidade por ter destruído totalmente a paisaxe orixinaria de Galicia en apenas 100 anos. Medrar a costa de darlles polo cu ós demais. Non importa destruír un ecosistema marítimo único se con iso se crean un par de míseros postos de traballo de 50 horas semanais a 600 € ó mes, e seguro que temporais e por ETT. Non importa, se alguén recolle un pouco das farangullas que xenerosamente ofrece o capital a cambio de darnos polo cu co aplauso dos submisos e ignorantes. Que importa un río, unha fervenza, unha ría mentres as grandes empresas poidan seguir a enriquecerse a costa da explotación salvaxe da nosa natureza. E así nos vai, como en Sodoma e Gomorra. Todos aplicados con esmero e dedicación á arte de sodomizarnos uns ós outros por un prato de lentellas hoxe e a fame negra e miseria mañá. O patrimonio, que importa se algún desgraciado trinca cartos cunha explotación eólica enriba dun castro ou un monumento megalítico. Iso non vai impedir que alguén trinque a súa comisión ou coloque a un familiar a base de darlle polo cu ó pobo. Que importa levar por diante unha mámoa, un cruceiro ou uns petroglifos para facer unha pista se con iso se gañan uns votos e todos contentos.

Page 43: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Retranca, opinión e denuncia

41

Destruámo-la paisaxe, a costa e as praias. Enchámo-lo litoral de apartamentos de veraneo para ricos e guiris. Enchámo-los petos dos construtores mentres as familias están hipotecadas 30 anos para ter un mísero piso de 60 m2 grazas á especulación do solo. Así todos poderemos soñar con acceder a unha desas grileiras de verán para fardar diante dos amigos. Que máis dá, iso é progreso; chapapote, aeroxeradores indiscriminadamente nos nosos montes, minicentrais até que non quede un río salvaxe, nin troita que pescar. Non importa que aquí non quede un peso deses beneficios. Ou mellor dito, que só quede para os de sempre. Que máis dá que o pobo pague pola electricidade producida aquí o mesmo que se a tivese que traer de Ucrania. Non importa, nós somos así de bos e xenerosos… e de parvos. Apartamentos nas praias, pistas inútiles para facilitárlle-lo acceso ós pirómanos e domingueiros que non son capaces de ir pasear ó monte se non levan o coche até o cumio da montaña ou a beira do río. Autoestradas de pago e contra-autoestradas ó chou sen ningún criterio nin ambiental nin de distribución do tráfico e das comunicacións. O importante é que cada un teña a súa autoestrada para ir ó toxo, e cada político de turno faga a súa tamén. Prosperemos como Sodoma e Gomorra dándonos polo cu alegremente até que arda todo dunha puta vez e por fin nos vaiamos todos ó carallo definitivamente para deixarlle esta terra a algún pobo que realmente a ame, a respete e a mereza. Algún pobo que estea disposto a loitar responsablemente por un país que progrese respectando a súa cultura, a súa historia, os seus tesouros naturais, en definitiva, a súa esencia e razón de ser. Dispostos a traballar día día por un futuro e unha terra mellor para todos e, como din agora os “progres” de salón do politicamente correcto…, para todas. Perdoen, pero hoxe teño un mal día... Sr.Pereira “País de tafures e apostadores” É curioso o das modas no uso da linguaxe. Á parte da tremenda estupidez anglosaxona do politicamente correcto, que reduce a rica linguaxe a algo aséptico, artificial e incomprensible, e deixando á parte tamén as aberracións gramaticais que se cometen ó eliminar-lo xénero masculino como xenérico pensando que con iso xa está arranxada a eterna discriminación da muller na nosa sociedade, o que máis me chama a atención é o das palabras que de repente se poñen de moda e que todo o mundo se suma a usalas indiscriminadamente, sen pensar se existe outra palabra máis axeitada ou clarificadora para expresar unha idea. Deste xeito cada vez imos reducindo máis o vocabulario que manexamos e perdendo moita da riqueza que posuímos, converténdonos todos en parvos

repetidores das frases, expresións e retrousos que escoitamos nos medios de comunicación e na,

frecuentemente, analfabeta voz dos políticos. Por exemplo, agora todo ocorre en

escenarios. O escenario político, o escenario deportivo o escenario social. O escenario internacional. É coma se todos fósemos actores de teatro e vivísemos nunha constante función teatral ou de circo, máis ben o último. E probablemente sexa así, pero dubido de que a elección desta palabra se deba a una repentina explosión de lucidez social. Xa non existe a realidade política, a conxuntura social, a situación internacional…tan só o escenario.

Page 44: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Retranca, opinión e denuncia

42

E que me din do de “folla de rota”, como se andásemos todo o día perdidos cun plano ou un GPS na man. Xa non hai programas, guións, directivas, plan de actuación, plan. Todo é unha folla de rota. E así Lola dille a Xoán; Vou face-la folla de rota do que imos comer esta semana, ou Lois dille a María; temos que face-la folla de rota das vacacións. Aínda que a min a que máis me gusta é a de apostar. Hoxe en día xa ninguén opta por unha alternativa, elixe una política, desenvolve un labor, defende unha idea. Aquí todos apostan, coma tafures do Mississippi. Coma se a política, a educación,

as infraestruturas, os dereitos laborais fosen obxecto de subhasta, quinielas ou timba de poker. Deste xeito os políticos apostan por investir en tal ou cual proxecto, os sindicatos apostan pola conciliación, os empresarios pola flexibilidade laboral, os modistos apostan esta tempada polas cores vivas, e así nos vai, deste xeito se a cousa sae mal non pasa nada, son cousas da sorte, as apostas e o xogo; unhas veces gáñase e outras pérdese. E mentres o pobo a mira-la partida coma parvos , e a apostar tamén. Que carai!! 20€ ó negro. Sr. Pereira

Os que xa pasámo-la idade do pavo e das guindas recordamos unha serie televisiva remota no tempo pero próxima na memoria. Chamábase “V” e, basicamente, a súa temática xiraba arredor duns extraterrestres que invadían a terra e duns defensores terrestres que lles plantaban cara, con precariedade de medios pero con gran disposición para a loita. O primeiro matiz que debemos ter en conta é que os defensores, sendo terrestres, non eran nin gatos nin cans, que á fin e ó cabo pouco poderían perder co cambio, senón humanos e, dentro destes últimos, estadounidenses. Este segundo matiz é relevante porque aínda que aqueles

alieníxenas atacaban o planeta Terra no seu conxunto, a acción desenvolvíase en EEUU, que diría Urdazi. Así, naquel reduto de liberdade librábase a batalla contra o inhumano e desalmado invasor. Con inusitado valor, aqueles heroes agrupábanse en cuadrillas e atacaban por sorpresa usando os poucos utensilios bélicos dignos de tal nome que conseguiron detraerlle a unha requisa armamentísitca en toda regra. Resultaba conmovedor e emocionante á vez comprobar como, capítulo tras capítulo, un grupo de defarrapados era quen de realizar gloriosas matanzas de inimigos con só un cartucho de dinamita por aquí, unha bomba caseira por acolá... Ós españois, que demos acubillo os cartaxinenses de Barca e que parimos algún emperador romano, esta serie recordábanos outra tamén de gran éxito que levou por título “Curro Jiménez”, porén, os telespectadores de EE.UU. nunca foran invadidos, así que para eles aquelas sensacións que ofrecía a loita pola defensa da propia terra contra o inimigo exterior, imperialista e opresor, eran novas e vivificantes. Por iso, ¡que bonito seria repó-la serie!, ou, mellor aínda, facer un remake no que os invasores non fosen lagartos e comesen ratos, senón falcóns que devorasen hamburguesas e retransmitisen as súas guerras por televisión, invadindo, oprimindo e torturando en terra estraña. Claro que iso para EE.UU. noutros lugares do planeta Terra non son precisas series de ficción, bastante teñen os seus habitantes con organizárense en guerrillas e defendérense dos falcóns que os invaden, oprimen e torturan. Iso si, o que os iraquís non sexan heroes senón terroristas é só outro matiz, de todo irrelevante.

Carlos Quintía

Page 45: Fanzine Fol de Veleno 2007

43

- Denuncia - TERRORISTAS LABORAIS -Carta aberta a eses “empresarios” explotadores-

Paseades fachendosos entre nós, cos vosos Audis, BMWs e Mercedes novos, limpos e brillantes como nunca teréde-la vosa alma. Paseáde-los vosos corpos graxentos e o voso colesterol por restaurantes de luxo, casinos, urbanizacións privadas e clubs de golf. Medrades a costa das miserias dos traballadores, das ameazas, dos subornos, da represión. Falades de crecemento económico, ratios, índices, flexibilidade, mercado.

Cuspides mentiras, enganos, embustes. Cuspíde-lo voso vómito capitalista e non afogades nunca. Xogades co futuro da xente coma se fosen peóns dunha diabólica partida de xadrez onde sempre gañan os mesmos. O voso idioma está orfo de palabras como solidariedade, dereitos, liberdades, humanidade, reparto, xustiza. Tan só o diñeiro e o poder vos conmove. Representáde-lo peor da natureza humana e aínda así sodes admirados e encumiados por unha sociedade podre e corrupta. Sóde-lo verdadeiro poder, adulados pola clase política e odiados polos traballadores que votan a eses mesmos políticos que vos serven.

A algúns vénvos de raza. Moitos chegastes aí como se prospera neste país, a base de roubar. Outros, os peores, bestas analfabetas, medrastes a base de explotardes, esprimirdes e maltratárde-la vosa xente, os que mamaron do mesmo teto.

Crédesvos mellores cós demais porque vos chaman empresarios de prestixio, porque sodes modelo de éxito, porque vos din que creades riqueza. Pero esa riqueza sempre é para vós. Pensades que estades por riba da lei, que sodes intocables e inmortais. Pero cando morre algún de vós o mundo é un pouco mellor.

Falades de paz social pero sodes profesionais da violencia, do medo, do terrorismo laboral. ¿Ou acaso non é violencia obrigar un traballador a vivir con 600 € ó mes por 13 horas de traballo ó día?, ¿non é violencia deixar un pai de familia no paro con 56 anos, despois de queima-la saúde traballando para vós? ¿Non é violencia despedir unha muller por quedar preñada?, ¿non é violencia ter un obreiro 15 anos sen vacacións?, ¿non é violencia a explotación dos inmigrantes, o maltrato psicológico, as vexacións, as ameazas…? Sóde-los verdadeiros terroristas deste país, sodes uns fillos da gran puta.

FdV

A parroquia pantasma: Con sorpresa, imaxino, acollerían os veciños de Bértola a decisión unilateral do MOP de trocá-lo nome da súa parroquia. Corren novos tempos e iso de Bértola debíalles soar a pouco, demasiado simple, pouco galego e sonoro. Así que posuídos por un espírito creativo e innovador decidiron pórlle á parroquia o rimbombante nome de “Bertolalleira”, que soa máis de aquí. O triste da historia é que este novo cartel non se debe

ó afán creador e innovador das nosas autoridades, senón que é o reflexo, outra vez, do xeito de face-las cousas neste país. A chapuza elevada á categoría de feito diferencial dun pobo. Os señores que cambiaron o nome no cartel non se dignaron a borra-lo nome que figuraba anteriormente “A Ramalleira”, de xeito que escribiron Bértola enriba e como este nome é máis curto que o anterior agora o que pode lerse é

Page 46: Fanzine Fol de Veleno 2007

44

Bertolalleira. Claro, xa se sabe era moito traballo face-las cousas ben. Non sería normal. Así que agora todo aquel que pase pola estrada de Vigo poderá observar con perplexidade o cartel que indica un lugar que non existe no mapa. E isto si que é un misterio de Iker Jiménez FdV

-Na memoria dos represaliados- 14 de abril de

2006

75 aniversario da proclamación da

II República A asociación Verbo Xido visita o campo de exterminio nazi de Auschwitz-Birkenau e acende unha candea en lembranza dos represaliados de Terra de Montes

Dende Fol de Veleno queremos facer extensible esta lembranza a tódolos represaliados da Guerra Civil

-ANUNCIOS BREVAS-

MUSEO ETNOGRÁFICO DA CORUÑA BUSCA RAPAZ URBANITA GALEGO--FALANTE PARA EXPOSICIÓN

CONSTRUTOR LOCAL PERDEU MOCHILA CON 600.000 €. SE A ATOPA DEPOSÍTEA NA CONCELLARÍA DE URBANISMO. GRAZAS.

DEPUTACIÓN PALETA BUSCA GAITEIRO ESCOCÉS PARA FORMAR BANDA GALLEGA DE GAITAS

EMPRESARIO CABRÓN BUSCA TRABALLADOR EN PRECARIO PARA CONTRATO LIXO.

VÉNDESE ENCHUFE PARA OPOSICIÓNS Á XUNTA. TAMÉN DISPOÑIBLE EN MODELO DEPUTACIÓN OU OPOSICIÓN LOCAL.

HOME CASADO E CUN FILLO BUSCA SEGUNDA MULLER PARA CUMPRIR COA LEI DE PARIDADE FAMILIAR

Page 47: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno é un fanzine elaborado coa

colaboración do colectivo “Amigos do Sr. Pereira” baixo a idea e coordinación do Sr. Pereira.

Os ingresos que se acaden coa distribución deste boletín irán

destinados a financiar e mellora-las próximas edicións, que agardamos que sexan moitas e frutíferas.

Fol de Veleno non acepta nin quere financiación ou subvención de ningún tipo.

Fol de Veleno finánciase exclusivamente cos ingresos xerados pola propia distribución do fanzine e coas achegas voluntarias do

colectivo “AmigoS do Sr. Pereira”.

Como colaborar con Fol de Veleno:

Este fanzine pretende ser un instrumento vivo e aberto ás túas achegas, de xeito que se converta, á vez que en voceiro, nunha rica fonte de

material para futuras edicións.

Se queres colaborar nalgunha das seccións de Fol de Veleno pódelo facer enviando os teus comentarios ou artigos ó enderezo de e-mail:

[email protected]

Tamén podes colaborar coas túas achegas ou cometarios na edición

dixital en formato blog que estará dispoñible no enderezo:

http://fol-de-veleno.blogspot.com

O material achegado á edición dixital tamén poderá ser utilizado para as próximas edicións en papel do noso fanzine.

Obviamente, Fol de Veleno resérvase o dereito de publica-las ditas

achegas segundo se enmarquen ou non na filosofía e finalidade divulgativa e revulsiva do fanzine.

Así mesmo, marcado polo “exemplo ético” dos nosos políticos, Fol de Veleno non se fai responsable das opinión persoais aquí verquidas.

Faltaría máis.

Page 48: Fanzine Fol de Veleno 2007

Fol de Veleno Núm. 2, Inverno 2007

Este boletín non ten copyright nin falta que fai.