lupita tovar (1910-2016)

10
Lupita Tovar N: 27 de xullo de 1910, Matías Romero, Oaxaca (México) M: 12 de novembro de 2016, Los Angeles, California (EEUU)

Upload: filmotecaforum

Post on 13-Feb-2017

175 views

Category:

Presentations & Public Speaking


0 download

TRANSCRIPT

Lupita Tovar

N: 27 de xullo de 1910, Matías Romero, Oaxaca (México)

M: 12 de novembro de 2016, Los Angeles, California (EEUU)

Guadalupe Natalia Tovar naceu en Matías Romero, Oaxaca, no ano que comezou a revolución mexicana. A súa familia era moi pobre e ela era a maior de nove irmáns. Era unha nena cando a familia toda se trasladou a Cidade de México.

Foi educada nun ambiente moi relixioso. De adolescente nin se lle pasaba pola cabeza ser actriz; nese ambiente tan estrito, ir ao cinema era algo sumamente infrecuente que esixía permiso paterno aínda que fose para acudir á sala en compaña da avoa. A danza era nesa altura o seu soño.

Foi descuberta para o cinema polo documentalista Robert Flaherty. Visitou a escola onde estudaba e viuna bailar. Convidouna a facer unha proba canda outras mozas e foi elixida de primeira para ter unha oportunidade na Fox.

Robert J. Flaherty. Foto: Arnold Genthé

O pai de Lupita rexeitou a oportunidade nun primeiro momento: a súa filla era unha estudante que nunca estivera soa fóra da casa. A Fox negociou con el a posibilidade de que fose a Hollywood acompañada, explicáronlle que tería un salario semanal e incluso acabou aparecendo unha carta de apoio dun consultor mexicano en Los Angeles dicindo que era un moi bo plan para unha moza como ela e que representaría ao país nos Estados Unidos. Os amigos do pai convencérono de que ademais coñecería outro país e aprendería ben o inglés. “Penso que iso foi o que o convenceu”, dixo Lupita hai uns anos nunha entrevista [1].

Chegou a Hollywood en novembro de 1928 cun contrato con opción a estenderse por 7 anos e un salario semanal de 150$. A súa avoa materna cobraba 25$ á semana por estar con ela. “Meu pai nunca vira xunto tanto diñeiro. Por suposto, eu enviaba todo a casa. Quedaba con moi pouco. Vivía moi modestamente”.[1] A entrevista pode lerse aquí: https://michaelgankerich.wordpress.com/2013/07/28/lupita-tovar-still-carrying-on/

Os seus primeiros filmes foron mudos, nun tempo no que o cinema sonoro estaba abríndose camiño a ritmo espectacular. Os “talkies” non tardaron en chegar. “Estaba moi preocupada porque mandara todo o diñeiro a México e era consciente de que aínda apenas falaba inglés. O director de casting, Jimmy Ryan, chamoume. Foi moi, moi amábel. Dixo, 'Lupita, síntoo moito mais o teu próximo contrato non se vai renovar pois estamos traendo xente do teatro para os talkies. É unha mágoa porque penso que tes moito futuro'. Díxome tamén que a Universal tiña un departamento para o estranxeiro e estaban dobrando as películas a diversos idiomas”.

Na Universal ofrecéronlle un traballo precario, dúas ou tres noites á semana dobrando filmes a 15$ a sesión. Mais alí coñeceu ao produtor Paul Kohner, que acabou sendo o seu marido.

Paul Kohner propúxolle a Carl Laemle a posibilidade de facer versións en español de filmes que a Universal estaba producindo en inglés, con destino aos mercados hispanos. Tratábase de aproveitar os decorados e outros recursos empregados na rodaxe principal e aos actores “Spanish speaking” que traballaban de extras nas producións da compañía. É o (fascinante) período das versións multilingües dos filmes orientadas á distribución internacional, como solución ao problema do idioma que traía o cinema sonoro.

Foi así que Lupita Tovar protagonizou, xunto a Antonio Moreno, La voluntad del muerto, versión española de The Cat Creeps. Lupita asistiu á estrea mexicana xa en calidade de estrela.

As dúas versións do filme considéranse perdidas.

Máis transcendencia tería a súa seguinte rodaxe: a versión española do Drácula de Tod Browning, baixo a dirección de George Melford. En lugar de Bela Lugosi, o príncipe das tebras estaba encarnado por Carlos Villarías.

O equipo hispano traballaba polas noites, cando descansaba o equipo principal de Browning e Lugosi. “Foi moi, moi duro porque eu precisaba durmir -10 horas. Era un cambio total pois tiña que durmir de día. E asustábanme os decorados. Ía ao traballo cunha hora de adianto e sentaba alí e trataba de concentrarme. Era moi escuro e metía medo. Ceabamos a medianoite e saíamos pola mañá antes de que o elenco americano chegase”.

O Código Hays aínda tardaría uns anos en chegar e os filmes eran ben máis atrevidos do que lles permitirían ser logo. E as versións latinas até podían ser un chisco máis “sexys”.

Ese mesmo 1931 volveu a México para protagonizar, ás ordes de Antonio Moreno, Santa, o primeiro filme plenamente sonoro dese país.

Paul Kohner viaxou a Europa para encargarse das producións Universal en Alemaña. Antes de marchar pediulle matrimonio a Lupita, que rexeitou a proposta. “Non quixen porque pensei que el ía lonxe e podía namorarse doutra persoa e quizais nunca volvería. Ao día seguinte, el deulle o anel á miña avoa e díxolle que o gardara. Máis adiante, por teléfono, Paul dixo 'Queres casar comigo?'. Así que fun á Columbia -acababa de empezar un filme- e conteille a Harry Cohn que marchaba a Europa e non podería facer o filme. Púxose furioso. 'Nunca traballarás aquí de novo', dixo. 'Non creo que queira', respondín eu”.

Casaron en 1932 e permaneceron en Europa até 1935. “De non ser por Hitler, teríamos quedado máis”.

Volveron a California con ánimo de empezar de novo. Lupita fixo algúns traballos menores como actriz para obter diñeiro. En The Invader (1935) compartiu crédito cun Buster Keaton xa en decadencia.

Paul Kohner conseguiu montar unha axencia en 1938, a Paul Kohner Talent Agency, coa cal representou a moitas grandes estrelas de Hollywood, entre elas (ao longo dos anos) Marlene Dietrich, Greta Garbo, Dolores del Río, Maurice Chevalier, Billy Wilder, Henry Fonda, David Niven, Erich von Stroheim, Ingmar Bergman, Liv Ullmann e Lana Turner. Ese ano Paul Kohner fundou tamén, con Ernst Lubitsch e Carl Laemle, a European Film Fund, unha entidade sen ánimo de lucro destinada a apoiar aos emigrados e refuxiados europeos que escapaban do nazismo. Entre os beneficiarios do fondo estivo o escritor Bertold Brecht.

Pouco a pouco Lupita abandonou por completo o cinema ao, que no fondo, chegou por casualidade. En 1936 tivo unha filla, Susan, e tres anos despois un fillo, Paul Julius “Pancho”. Pancho Kohner chegou a dirixir un par de filmes e centrouse na produción (entre outras cousas, algúns títulos do actor Charles Bronson).

Susan Kohner tivo unha breve carreira como actriz nos 50 e 60, sobre todo en producións para televisión. No cinema recordámola como a esposa de Freud no biopic Freud: The Secret Passion dirixido por John Huston (con Montgomery Clift como protagonista) e, sobre todo, pola obra mestra de Douglas Sirk Imitation of Life, pola que foi candidata ao Oscar como mellor actriz secundaria.

Os fillos de Susan, Paul e Chris Weitz, son guionistas, directores e produtores. Seus son os guións de Antz, American Pie ou About a Boy, que dirixiron xuntos e pola que foron candidatos ao Oscar ao mellor guión orixinal. Chris dirixiu tamén A Better Life e unha entrega da saga Crepúsculo; Paul Admission e Grandma.

Susan Kohner