pelÍculas relacionadas cos movementos … · 2 francos, 40 pesetas (2014). continuación de 1...
TRANSCRIPT
PELÍCULAS RELACIONADAS COS MOVEMENTOS MIGRATORIOS
1 franco, 14 pesetas (2006). Na España dos anos 60, os axustes que
precisa o crecemento económico provocan o despido de miles de
traballadores que emigran a Europa. Esta é a historia dunha familia
que marcha a Suíza, sen contrato de traballo e tendo que pasar por
turistas na aduana, pero que consegue establecerse e mellorar
significativamente a súa situación. O duro será ter que volver a
España.
14 kilómetros (2007). Estes quilómetros son os que separan España
de África, o Estreito de Xibraltar. Poder cruzalos para entrar en
Europa é o desexo e a meta de milleiros de africanos que tratan de
fuxir das pésimas condicións de vida que sofren nos seus países de
orixe.
2 francos, 40 pesetas (2014). Continuación de 1 franco, 14 pesetas.
A familia protagonista refixo a súa vida en Madrid logo de pasar
anos en Suíza, pero seu fillo, pertencente a unha nova xeración con
problemas de desemprego, convence aos seus para retornar a Suíza.
25 grados en invierno (2004). Durante un día excepcionalmente
cálido para o normal do inverno en Bruxelas, crúzanse os destinos de
varias persoas con destinos unidos pola emigración.
7 soles (2009). Historia centrada no tráfico de vidas humanas, os
indocumentados que son conducidos por organizacións mafiosas para
entrar clandestinamente en Estados Unidos e os desencontros entre
os traficantes.
90 millas (2005). 90 millas é a distancia que separa as costas de Cuba
e Estados Unidos. Unha familia cubana abandona a illa de forma
ilegal nunha embarcación de fabricación caseira artesanal e vive
unha tráxica viaxe, pero sen perder as esperanzas de alcanzar o seu
obxectivo.
Acorazado (2010). Tratando de pasar por un cubano que fuxe do
comunismo, un fracasado sindicalista decide transformar o seu vello
taxi Acorazado Jarocho para tratar de chegar por mar a Estados
Unidos sen ser descuberto polos servizos de vixilancia costeiros.
Agua con sal (2005). Historia de dúas mozas –unha cubana en
España e unha valenciana de familia marxinada- unidas pola
explotación laboral e salarial de que son vítimas como traballadoras
nunha fábrica de mobles.
Almanya: bienvenido a Alemania (2011). Historia dunha familia
turca que emigrou a Alemaña. Logo de vivir 45 anos neste país, o pai
decide mercar unha casa e retornar a Turquía, o que provoca
discusións na familia, momento no que se rememoran as dificultades
vividas e as razóns da emigración.
América, América (1963). O desexo de emigrar a América leva ao
mozo grego Stavros e superar todos os obstáculos que se lle
interpoñen na súa viaxe, comezando por ter que reunir os cartos para
mercar a pasaxe do barco.
Amigo no gima (2004). Historias de varios personaxes que viven no
barrio multicultural de Lavapiés en Madrid, moitos deles emigrantes
que tratan de sobrevivir e alcanzar os soños que forxaron cando
saíron dos seus países de orixe.
Anija. La nave (2012). Historia que parte do feito real da chegada,
en marzo de 1991, de barcos cargados de albaneses que trataban de
alcanzar as costas italiana do Adriático e que presenta algúns dos
seus dramas, aspiracións e dificultades por alcanzar os seus
obxectivos.
Aquí y allá (2012). Tras estar traballando varios anos en Estados
Unidos, Pedro regresa a México, onde trata de gañarse a vida cun
grupo musical. Os anos da emigración cambiaron as súas raíces e
tamén aos membros da súa familia. As dificultades económicas fan
que pense de novo en emigrar, igual que moitos dos seus paisanos
que ven nesta saída a única posible para mellorar a súas condicións
de vida.
Avalon (1990). Narra a vida de Sam Krichinsky, un inmigrante
xudeu de orixe polaca, na cidade norteamericana de Baltimore a
comezos do século XX.
Aventuras y desventuras de un italiano emigrado (1974). Como
indica o título, narra a historia de Nino, un emigrante italiano en
Suíza. Tras perder o seu posto de traballo ten que regresar a Italia,
pero decide quedarse; a sorte está da súa parte e acaba por conseguir
un bo traballo cun compatriota que fixo fortuna no país.
Bastardos en el paraíso (2000). Historia de amigos nun barrio
multirracial de Estocolmo antes e despois de que tivese lugar un
tiroteo no centro da capital, ocasión que lles permite volver a
encontrarse logo de varios anos sen contacto.
Bolivia (2001). Freddy emigra desde Bolivia a Bos Aires en busca
dunha vida máis próspera, pero a cidade non é paraíso co que soñaba.
Aínda así, consegue traballo como cociñeiro nun restaurante, unha
situación que non todos os emigrantes ilegais conseguen.
Buscando a Leti (2006). Leti, unha nena mexicana, sufre a
discriminación polos seus problemas de atraso tanto entre a propia
familia en Zacatecas como na escola en Chicago, cidade a onde a
leva a súa nai que traballa como inmigrante
Bwana (1995). A familia dun taxista decide ir a pasar unhas
vacacións á costa andaluza. Alí se encontran con Ombasi, un
inmigrante negro ilegal que non entende o castelán e que ten fame e
frío. Deben convivir con el porque perderon as chaves do coche, pero
a chegada dun grupo de skinheads faralles a vida imposible.
Cartoneo y Nopalitos (2010). Historia dunha familia mexicana que
loita por conseguir unha vida mellor en Estados Unidos.
Come, duerme, muere (2012). Historia de superación ante as
dificultades dunha moza sueca de orixe montenegrino que ve como, a
pesar de ser a traballadora de maior rendemento na fábrica, sufre a
discriminación pola súa orixe.
Compañeros de fatigas (Brothers in Trouble) (1995). Drama social
de carácter reivindicativo que narra a amarga crónica duns
emigrantes paquistanís en Gran Bretaña, vivindo sempre co medo a
ser descubertos e deportados.
Cosas que dejé en La Habana (1997). Historia de tres mozas
cubanas que veñen a España buscando un mundo mellor. A súa tía
María, cubana que reside en España desde hai moitos anos, recíbeas
con afecto, pero como non teñen permiso de traballo, aproveita para
explotalas laboralmente no seu taller de peletería.
Cuscús (2007). O pai dunha familia procedente do norte de África é
despedido do seu traballo no sur de Francia. Decide entón montar un
restaurante nun vello barco do porto, pero as autoridades francesas
non lle facilitarán a empresa.
Edén al oeste (2009). Historia das dificultades vividas por un
emigrante ata conseguir entrar na Unión Europea e chegar ata París.
El chico de Chaâba (1998). Narración sobre a vida cotiá dos
emigrantes alxerianos en Francia. No barrio de chabolas de Chaâba
viven 21 familias que fuxiron de Alxeria fuxindo da miseria e da
guerra.
El color del océano (2011). Ás Canarias chegan constantemente
africanos que tratan de entrar en España viaxando en pateras. As
vidas dun policía de fronteira, dunha turista alemá e duns congoleños
superviventes dun naufraxio entrecrúzanse e cambian ante a nova
situación.
El dios de madera (2010). Historia de vidas entrecruzadas, persoas
de diferente relixión, orixe e condición, sobre o fondo da emigración
ilegal. A acción desenvólvese en Valencia, pero podería transcorrer
en calquera cidade dun país da vella Europa a onde chegan
constantemente inmigrantes en busca dunha vida mellor.
El domingo si Dios quiere (2001). Zouina viaxa cos seus fillos e a
sogra de Alxeria a Francia para reunirse co seu marido, que leva anos
traballando alí. A pesar dos problemas cos seus veciños, coa sogra e
co marido, decide adaptarse á súa nova vida. Cando descobre que no
mesmo pobo vive outra familia alxeriana, decide buscala e coñecela.
El Havre (2011). Un escritor bohemio, exiliado voluntariamente no
porto francés de El Havre, vive tranquilamente ata que se cruza no
seu camiño un neno negro, inmigrante ilegal. Para protexelo e evitar
que caia en mans da policía terá que loitar contra as autoridades e
contará coa solidariedade dos seus veciños.
El jardín del edén (1994). Historia de tres mulleres que buscan o
significado da súa vida en Tijuana, o pobo na fronteira entre México
e Estados Unidos, un lugar que para uns é un edén e para outros un
inferno.
El norte (1983). Dous irmáns foxen do seu pobo maia tras a morte de
seus pais a mans das tropas do exército. Diríxense ao norte, a Estados
Unidos, coa esperanza de refacer as súas vidas e mellorar a súa
condición.
El pequeño tallarín (2007). Unha traballadora de orixe chinés que
traballa para unha muller israelí pide permiso para ausentarse unha
hora e desaparee sen deixar rastro, deixando na casa a un pequeno
neno que non fala hebreo e que é coñecido polo alcume de tallarín.
El próximo oriente (2006). En clave de comedia, a película narra
historias do barrio multicultral de Lavapiés centradas na vida de dous
irmáns. Caín é gordo e tímido; Abel é guapo e ten unha estupenda
familia. Cando Caín descubre que Abel deixou embarazada a Aisha,
unha veciña musulmá filla de inmigrantes de Bangladesh, sorprende
a todos cando decide facerse pasar polo pai, converterse ao islam e
asumir o mantemento e a educación da criatura.
El rayo (2013). Hassam, un inmigrante marroquí, logo de
permanecer 13 anos en España, xa non atopa traballo e decide
regresar ao seu país. Para gañarse a vida en Marrocos decide investir
todos os seus aforros en mercar un tractor, El rayo.
El sudor de los ruiseñores (1998). Un violonchelista rumano emigra
a España e inicia unha amizade cun titiriteiro que actúa en El Retiro
de Madrid. O seu soño é traballar nunha orquestra e gañar o
suficiente para poder traer a España á súa familia, pero as
dificultades son maiores do que imaxinaba.
El sueño de Ellis (2013). Dúas irmáns polacas emigran a Nova York
en 1921, pero a unha dela detéñena e deixan en corentena porque está
enferma de tuberculose. A outra queda desamparada e para salvar á
irmá está disposta a realizar todos os sacrificios, incluído a
prostitución. Namorada dun ilusionista, parece que a vida lle sorrí,
pero os celos do proxeneta complican a historia.
El techo del mundo (1994). Seguindo os pasos de seu pai, Tomás
tamén emigra a Suíza. Alí traballa como mestre de obras dunha
cuadrilla de traballadores inmigrantes. Un accidente laboral
cambiará a súa vida e experimentará efectos do racismo e
xenofobia.
El traje (2002). africano nun garaxe de Sevilla. Como pago por
amañar un pinchazo recibe un traxe case sen estrear, pero este golpe
de sorte leva parello unha serie de problemas. O peor, cruzarse cun
trapicheador sen escrúpulos.
El viaje de Said (2006). Película de animación que narra as
peripecias dun neno marroquí que cruza o Estreito e descobre que o
que imaxinaba como o país das oportunidades non é tan fermoso
como llelo contaron.
En América (2002). Unha familia irlandesa emigra a Nova York,
onde o pai soña con triunfar como actor no mundo do espectáculo.
Pero mentres tratan de adaptarse á nova vida e superar as dificultades
de vivir nun vello apartamento entre drogadictos e travestís, non
poden deixar de lembrar a perda dun dos seus fillos.
En busca del paraíso (2009). Historia de dous irmáns hispanos que
en España buscan o que soñan que sexa un paraíso, pero a realidade é
moi diferente e as múltiples dificultades impiden a materialización
dos desexos.
En este mundo (2002). Dous mozos afgáns que viven no campo de
refuxiados de Peshawar soñan con poder vivir en Gran Bretaña, pero
a viaxe ata chegar alí está cheo de dificultades, pois deben atravesar
numerosos países e en todos eles son estranxeiros.
En un mundo libre (2007). Angie e Rose, dúas compañeiras de piso,
deciden abrir unha axencia de traballo temporal para inmigrantes e
pronto se decatan de que a súa empresa prospera porque a man de
obra é moi barata e as leis de protección dos inmigrantes non se
cumpren, de modo que a explotación destes traballadores supón un
negocio moi rendible.
Españolas en París (1971). Historias particulares de catro mulleres
españolas que, como tantas outras miles, emigraron a París nos anos
70. Cada unha é unha historia diferente pero con moitos puntos en
común.
Five Colors (2011). Comedia comprometida e creativa arredor do
mundo da emigración e a arte. Unha santera propón a unha moza
colombiana cambiar a súa vida se se compromete a axudar a cinco
persoas a atopar o seu verdadeiro camiño. As vidas das seis persoas
se entrecruzan, cos seus desexos e esperanzas.
Flores de otro mundo (1999). Unha dominicana, unha cubana e unha
española asisten a unha festa dun pobo no que hai moitos homes
solteiros, un pobo sen mulleres casadeiras. Alí coñecen a tres destes
solteiros e comezan tres novas historias de convivencias non exentas
de dificultades.
Frontera sur (1998). Historias de españois que emigraron a Bos
Aires a comezos do século XX. Episodios de amizades sinceras e
solidariedade, pero tamén de sentimentos máis sórdidos nunha época
na que se podía conseguir unha fortuna co traballo honrado e con
outros medios máis doados e rápidos como as poxas ilegais, a trata
de mulleres ou a apropiación ilegal de terras.
Gallego (1988). Un rapaz galego decide abandonar a súa aldea e
embarcarse para conseguir un futuro mellor en Cuba. Pero a fortuna
non lle sorrí e decide regresar a España para tomar parte na Guerra
Civil.
Ghosts (2006). Unha moza china decide emigrar a Gran Bretaña para
poder gañar cartos e envialos á súa familia e manter a seu fillo, pero
debe pedir prestados os 25.000 dólares para a banda que a trasladará
ilegalmente. Na busca de traballos mellor remunerados traballa de
mariscadora pero falece afogada, xunto a outros 23 traballadores, na
baía de Morecambe. As familias en China deben seguir pagando as
débedas.
Go (2001). Problemas de segregación racial en Xapón onde un mozo
coreano, aínda que pertence á segunda xeración de inmigrantes, sofre
os problemas dunha sociedade que o discrimina racialmente.
Honeymoons (Lunas de miel) (2009). Dúas parellas do leste deciden
emigrar a oeste coa esperanza de conseguir unha vida mellor. A
albanesa viaxa a Italia e a de Serbia a Austria. Pero xorden
numerosos problemas, incluso para os que teñan os pasaportes e os
visados en regra.
Ilegal (2003). Dous reporteiros queren realizar o que cren que pode
ser o mellor traballo da súa vida: descubrir a mafia que transporta
emigrantes ilegais de África a Europa para denunciala e poñer fin ás
súas actividades.
Illégal (2012). Historia unha muller rusa qintegrada e que traballa en
Bélxica. Durante un control de documentos é detida e encarcerada,
mentres que seu fillo logra escapar. Inicia entón unha loita para non
perder a propia dignidade e identidade e localizar a seu fillo
Intocables (2011). Historia de dous mundos enfrontados que acaban
por convivir nunha amizade inesperada pero sólida e divertida. É a
historia dun aristócrata millonario e tetrapléxico ao que coida un
inmigrante negro que acaba de saír do cárcere.
Ismael (2013). Ismael Tchou, un neno mulato de 8 anos, se fuga do
AVE para ir a Barcelona a coñecer a seu pai. Pero non ten máis
pistas que o remite dunha carta dirixida á súa nai.
Kebab connection (2005). En Hamburgo vive Ibo, un mozo turco
que soña con poder dirixir unha película de artes marciais asiáticas
pero que ten que conformarse con facer spots publicitarios para o
restaurante de kebab de seu tío. A vida cambia radicalmente cando
deixa embarazada á súa noiva alemá porque seus pais non a aceptan e
Ibo ten pánico a converterse en pai. Quédanlle os amigos e os spots
pero tampouco iso marcha ben.
La cité rose (2012). A cidade rosa é un barrio do extrarradio de París
no que conviven inmigrantes de múltiples nacionalidades.
Presentación da vida dese barrio da man dun neno antillano de 12
anos.
La cour de Babel (2014). Historias de vida dun grupo de
adolescentes que comparten a clase de francés e que proceden de
numerosos países ao longo do seu primeiro ano de estadía en Francia.
La frontera (1982). Charlie Smith é un garda da fronteira sur de
Estados Unidos que vive en permanente conflito coa súa conciencia,
pois a cotío vive o drama dos que intentan entrar ilegalmente no país.
La jaula de oro (2013). Historia da viaxe de tres mozos
guatemaltecos menores de idade que abandonan a súa aldea para
intentar atravesar a fronteira mexicana en tren e buscar un futuro
mellor en Estados Unidos.
La mia classe (2013). Valerio Mastandrea é un profesor de italiano
nunha escola nocturna para estranxeiros. Todos queren aprender
italiano para integrarse mellor pero o problema xorde cando un dos
estudantes, procedente de Costa de Marfil, é ameazado coa expulsión
do país por non ter permiso de residencia.
La misma luna (2007). Rosario traballa de forma ilegal en Estados
Unidos coa esperanza de dar unha vida mellor a seu fillo ao que
deixou ao coidado da súa avoa en México. Pero nai e fillo queren
reunirse e inician sendas viaxes nas que os obstáculos non lles fan
perder a esperanza de poderse encontrar.
Lamerica (1994). Dous empresarios italiano trasládanse a Albania
despois da caída do comunismo para poñer en marcha unha suposta
fábrica de zapatos e gañar diñeiro rápido a costa das subvencións do
goberno italiano, pero en realidade non teñen intención de poñela a
funcionar. Os empresarios buscan un home de palla como presidente
da falsa compañía pero as cousas se complican. O vello foxe e un
dos italianos, na súa busca, acaba como un refuxiado máis
intentando fuxir do colapso social no que está atrapa Albania.
La otra América (1995). Nos anos 90, o montenegrino Bayo vive en
Brooklyn e traballa no restaurante dun inmigrante español. Mentres,
a familia de Bayo decide embarcarse nun cargueiro con destino a
Nova York.
La pequeña Venecia (2012). Unha inmigrante china traballa en
Roma e intenta legalizar a súa situación para poder levar a Italia a
seu fillo de 8 anos. Pero inesperadamente envíana a traballar a unha
das illas da lagoa de Venecia onde coñecerá a un pescador eslavo co
que establecerá boas relacións. Pero nin os chinos nin os do lugar ven
con bos ollos esta relación.
La piragua (2012). Baye Laye, capitán dunha das piraguas que
parten dos portos de Dakar con inmigrantes que tratan de alcanzar as
costas de Canarias, coñece ben o mar e non quere saír, pero non ten
alternativa e deberá levar a España a 30 homes que non se entenden
entre eles e dos que varios deles non viran nunca o mar. E ningún
sabe o que lles agarda.
La promesa (1996). A vida de Igor, un adolescente belga, carece de
toda ética e traballa axudando a seu pai, un déspota que utiliza a
inmigrantes ilegais nos seus negocios de construción. Cando un
inspector se presenta de improviso na obra, un dos traballadores sofre
un terrible accidente e, antes de morrer, consegue de Igor a promesa
de que protexerá a súa faimilia.
La venta del paraíso (2012). Moitos dos inmigrantes que en España
creron que podían encontrar un paraíso viron frustrados os seus soños
e decidiron regresar aos seus países de orixe. Varios destes
inmigrantes coinciden nunha pensión e acaban por descubrir que a
deportación é a única vía para poder regresar ao seu país.
Las cartas de Alou (1990). Alou é un senegalés que chega
clandestinamente ás costas españolas. En Almería róubanlle as súas
pertinencias e non lle queda outra que dedicarse á venda ambulante.
As únicas alegrías que ten son as cartas que escribe á súa familia nas
que dá conta das súas aventuras en España.
Las chicas de la sexta planta (2010). Historia en clave de comedia
das aventuras dun grupo de españolas que nos anos 60 emigraron a
Francia para traballar como criadas en casas de familias acomodadas.
Lejos (2001). Srege, un camioneiro francés, acepta a proposta de
incrementar os seus ingresos traficando con hachís. Aínda que
namorado de Sarah, non quere comprometerse e ela dubida en
marcharse a Canadá co seu irmán. Mentres, o amigo de Serge, Said,
continúa vivindo o soño de cruzar o Estreito.
Lettere dal Sahara (2006). A película relata a vida dun mozo
senegalés que emigra a Italia nunha viaxe clandestina que arriba á
illa de Lampedusa. Ten a posibilidade de establecerse en Turín, unha
agresión racista faille reflexionar sobre a conveniencia de integrarse
porque a nova situación podería significar ter que renunciar á propia
cultura e identidade.
Menos que cero (1996). En Bilbao, un inmigrante ilegal rumano
faise amigo dun vello xubilado que se resiste a abandonar a súa casa
situada nunha zona codiciada polos construtores. A cambio da
promesa de conseguirlle un pasaporte en regra, un dos socios dálle un
emprego no restaurante dunha amiga colaborando en sucias
manobras de extorsión destinadas a cobrar unha antiga débeda. Un
día coñece a unha fotógrafa e a vida parece que pode cambiarlle de
rumbo.
Naufragio (2010). Robison é un inmigrante subsahariano que
naufraga fronte ás costas do sur de España pero que consegue
alcanzar a beira e salvarse. Consegue traballar nos invernadoiros de
Almería como miles de traballadores na súa situación, pero este
inmigrante non é como os demais. Escoita voces, espíritos que o
confunden e gobernan e para liberarse delas terá que cumprir unha
misión: matar a un home.
No más muertes en la frontera (2008). Drama fronteirizo
ambientado nos límites de México con Estados Unidos. Uns desexan
alcanzar o soño americano e outros aproveitarse dos seus soños
Nómadas (2011). Un inmigrante ilegal mexicano que limpa cristais
nos rañaceos de Nova York coñece a unha editora que traballa nun
documental sobre suicidas en México. Dúas vidas solitarias que se
xuntan superando diferenzas de orixe e pasado.
Norteado (2009). Andrés intenta atravesar a fronteira mexicana para
entrar en Estados Unidos. Detense en Tijuana e, tras cada intento
frustrado de cruzar a fronteira, examina os seus sentimentos, lembra
o que deixou atrás no seu pobo e valora as amizades que atopou en
Tijuana.
Nuevo mundo (2006). Crónica sobre a emigración italiana durante o
século XX a través das experiencias dos Mancuso, unha familia
siciliana que, en 1900, parte de Agrigento con destino a Estados
Unidos.
Occidente es occidente (2010). Manchester, 1975. Sayid, o fillo
menor da familia Khan sufre a tiránica insistencia de seu pai por
impoñerlle as tradicións do seu país de orixe, Paquistán. Nun intento
desesperado por encarrilalo, é enviada a vivir en Punjab coa súa
primeira muller e fillas ás que abandonara 35 anos atrás.
Oriente es oriente (1999). A comezo dos anos 70, a familia de
George Khan, de orixe paquistaní moi tradicionalista casado cunha
británica, ve como seus fillos non queren seguir as súas tradicións e
os seis resístense a que os seus matrimonios sexan concertados.
Queren vivir de acordo cos costumes ingleses, o que provoca a
reacción do pai.
Padre nuestro (2007). Dous mozos mexicanos inician a súa amizade
no camión que os traslada ilegalmente a Nova York. Pedro, que
ignora que Juan é un criminal perseguido, explícalle que vai a ver a
seu pai, que é un rico hostaleiro que o abandonou sendo un neno. Ao
chegar a Nova York Pedro decátase que lle roubaron o equipaxe e a
carta de seu pai co enderezo. Juan usará a súa identidade para facerse
pasar polo auténtico fillo que por fin dará co seu pai.
Pan y rosas (2000). Dúas irmás mexicanas traballan como
limpadoras nun edificio de oficinas do centro de Los Ángeles sendo
explotadas laboralmente. As súas vidas cambian cando coñecen a un
activista norteamericano grazas ao que toman conciencia da súa
situación e inician unha campaña de loita polos seus dereitos. Pero
corren o risco de perder o traballo e de ser expulsadas do país.
París a toda costa (2013). Os osños de Maya parecían estar
cumpridos: traballa en París para unha revista de moda. Pero estes
soños convértense en pesadelo cando é detida pola policía e
deportada ao seu país de orixe, Marrocos.
Pepe & Santo vs. América (2009). Tras a morte da súa avoa, Os
protagonistas viaxan a Estados Unidos. O reto non é doado, pero a
axuda doutros inmigrantes facilitará a consecución do obxectivo.
Perdiendo el norte (2015). Dous universitarios españois, fartos de
non atopar traballo en España deciden marchar a Alemaña. Pero alí
descobren que os problemas poden ser iguais ou maiores que no seu
país.
Pesadilla americana (2009). O pesadelo é o que experimentan e
sofren un grupo de inmigrantes cando se enfrontan cos corruptos
oficiais norteamericanos da fronteira.
Prometeo deportado (2010). Nun aeroporto dun país da Unión
Europea é detido un grupo de ecuatorianos, entre eles un mago
escapista chamado Prometeo. Á sala onde están retidos os
ecuatorianos son conducidos máis e máis compatriotas que acaban
por converter o lugar nunha pequena nación onde saen a flote os seus
costumes e sufrimentos. Prometeo constrúe algo de ilusión e maxia e
outro lugar parece ser posible.
Querida Bamako (2007). A prolongada seca obriga a un mozo de
Burkina Faso a emigrar a Europa para, desde alí, tratar de axudar á
familia que deixa atrás, especialmente á súa muller á que chama
Bamako.
Querido Haití (2007). A película recolle as duras condicións de vida
nos poboados de chabolas das plantación de caña de azucre da
República Dominicana nos que a maioría son inmigrantes
procedentes de Haití que soportan unha situación de moderna
escravitude.
Quiero ser como Beckham (2002). Os pais de Jess queren que sexa
unha chica tradicional india, pero ela só desexa xogar a o fútbol
como David Beckham. Un día Jules invítaa a unirse ao equipo de
fútbol feminino local, o que supón a oposición frontal paterna, que
non comprenden por que non é como a súa obediente e tradicional
irmá. Pero Jess acaba por conseguir o seu soño.
Retorno a Hansala (2008). A película recrea un feito real: a
aparición, nas praias de Rota, dos cadáveres de 11 inmigrantes
marroquís precedentes da mesma aldea, Hansala, que trataban de
cruzar o Estreito en patera. O suceso é visto desde o punto de vista
dun empresario funerario que pretende facer negocio e a irmán dun
dos falecidos.
Río Helado. (2008). Cando Ray Eddy está a punto de mercar a casa
dos seus soños, o marido desaparece e a deixa soa e cos fillos.
Mentres trata de localizalo coñece a unha chica india que lle propón
un arriscado negocio: pasar ilegalmente inmigrantes de Canadá a
Estados Unidos a través do xeado río Saint Lawrence. Na súa
desesperación, Ray acepta a oferta.
Salvajes (2001). Tras o salvaxe apaleamento dun inmigrante ilegal en
Valencia, un de tantos subsaharianos que tratan de buscar mellor vida
en España, as investigacións da policía levan a sospeitar que os
autores foron os sobriños dunha enfermeira amiga do inspector que
dirixe a investigación.
Samba (2014). O senegalés Samba leva 10 anos en Francia
sobrevivindo con traballos mal pagados. Alice é unha executiva que
está atravesando unha mala época na súa vida. E os destino os xunta.
Samia (2000). Narra a vida de musulmáns alxerianos tradicionais da
periferia de Marsella, centrada na imposibilidade de unha
adolescente de 15 anos e a sexta dunha familia de 8 fillos, para poder
compatibilizar os ríxidos principios relixiosos coa permisividade
occidental.
Sempre Xonxa (1989). Historia centrada en tres personaxes nunha
aldea galega desde a súa infancia en 1947 ata a súa madurez en 1986.
O regreso dun deles da emigración desestabilizará a relación dos que
quedaron en Galicia.
Sin nombre (2009). Unha adolescente hondureña reúnese co seu pai
para viaxar con el a Estados Unidos. A partir de Chiapas, viaxan no
teito dun vagón de carga, onde están expostos tanto ás inclemencias
do tempo como á violencia.
Sin retorno (2002). Pablo, un profesor de inglés de Honduras perde a
súa muller embarazada durante o furacán Mitch. Nun intento de
ofrecer unha vida mellor á súa filla de 5 anos, emigran ilegalmente a
California para traballar recollendo froita. Para celebrar o aniversario
da nena, colle sen permiso a camioneta do xefe a atropela a unha
nena. Presas do pánico, foxen da policía.
Solo un beso (2004). Un mozo escocés de orixe paquistaní soña con
abrir un club co seu mellor amigo. Seguindo a tradición musulmá,
seus pais decidiron que debe casar coa súa prima pero el está
namorado da profesora de música da súa irmá. As difrenzas
relixiosas e culturais fan que a relación se teña que manter en secreto.
Terraferma (2011). A pesca xa non da para vivir na pequena illa
próxima a Sicilia polo que a familia de Filippo decide vender a barca
e alugar a casa aos turistas. Un día descobren unha patera chea de
inmigrantes a piques de naufragar.
Territorio prohibido (2019). Drama sobre as dificultades dos
inmigrantes ilegais para conseguir un permiso de residencia en Los
Ángeles.
The Girl (2012). Unha nai solteira do sur de Texas aventúrese nunha
viaxe inesperada que lle cambia a vida cando os seus intentos por
guiar clandestinamente a inmigrantes a través da fronteira rematan
mal, deixándoa desamparada coa súa filla en Oaxaca.
The visitor (2007). Un profesor universitario de Connecticut vese
envolto na vida dunha parella de inmigrantes que vive no seu
apartamento de Manhattan. Alguén lles alugou o apartamento
facéndose pasar polo seu propietario.
Tierra extanjera (1995). En 1990, o plan económico do goberno
brasileiro non funciona e o país camiña á bancarrota. Os soños de
Paco de converterse en actor xa non son posibles e decide marchar a
España, a terra da súa nai aceptando pasar por Lisboa e deixar alí un
obxecto de contrabando.
Ulises (2010). Historia de Julio, un emigrante peruano, que chega a
Chile en busca dun cambio na súa vida. Esta é a historia da
alienación dun emigrante, a historia do síndrome de Ulises.
Un viaje de diez metros (2014). Unha familia india trasládase a
Francia e abre un restaurante ao outro lado da rúa na que está un
restaurante francés con estrelas Michelín. Aliarse? Competir?
Ignorarse?
Una noche (2012). Sumido na nerviosa desesperación de La Habana,
Raúl soña con escapar a Miami e pide axuda ao seu mellor amigo
para atravesar as 90 millas que separan Cuba de Estados Unidos.
Vente a Alemania, Pepe (1971). Peralejos, un tranquilo pobo
aragonés é un lugar onde nunca pasa nada. Un día regresa ao pobo
para pasar as vacacións Angelino, un emigrante que conduce un
magnífico Mercedes e conta marabillas sobre Alemaña e as súas
mulleres. Pepe, fascinado polas historias do seu amigo, decide
emigrar tamén, pero o seu soño comeza ás 5 da mañá limpando
cristais e remata ás 12 da noite pegando carteis.
Vete y vive (2005). Por iniciativa do Estado de Israel, en 1985
levouse acabo unha operación para trasladar a miles de xudeus
etíopes a Israel. Unha muller etíope, que non é xudía, convence a seu
fillo para que se declare xudeu co obxectivo de escapar da miseria.
Adoptado por unha familia en Tel Aviv, pasa a infancia atemorizado
ante a posibilidade de que se descubra o seu dobre secreto: non é
xudeu nin orfo, só é negro, un etíope salvado da morte.
Viaje a la esperanza (1990). Historia dunha familia turca con poucos
recursos que decide inmigrar ilegalmente a Suíza. Durante a vixe terá
que enfrontarse a todo tipo de humillacións e discriminacións pola
súa orixe.
Welcome (2009). Bilal, un mozo de 17 anos procedente do Kurdistán
iraní, cruzou Oriente Próximo e Europa para reunirse coa súa noiva,
emigrada a Inglaterra. Pero a súa viaxe queda bruscamente
interrompido cando en Francia lle impiden cruzar o Canal da
Mancha. Entón decide atravesalo a nado; para preparase entrena
nunha piscina onde coñece a un profesor de natación disposto a
axudalo.