platon 08-09-t1
TRANSCRIPT
CIUG — G.T./ «Composición dun texto (de tipo filosófico)» curso 2008—2009
1
Textos propostos polo Grupo de Traballo para a preparación das PAAU
PLATÓN –Texto1 PLATÓN; República libro IV, 427e—435c
- Creo que se a nosa cidade foi fundada correctamente, será completamente boa.
- Forzoso que así sexa.
- É claro, entón, que é sabia, valente, prudente e xusta.
- Sen dúbida.
- Se, entón, encontramos na cidade algunha desas cousas, ¿o que reste será o que non teñamos
encontrado?
- ¿Que se non?
- Se de catro cousas calquera –no asunto que fose- buscásemos unha soa e cando, en primeiro lugar,
recoñecésemos esa, sería suficiente para nós. Pola contra, se en primeiro lugar recoñecésemos as
outras tres, con isto mesmo xa recoñeceriamos a que buscamos, posto que é evidente que non sería
outra cousa que a que aínda quedase.
- O que dis é correcto.
- Así pois, e respecto daquelas calidades, xa que tamén son catro, ¿debemos indagar do mesmo
modo?.
- É evidente que si.
- Paréceme que o que se ve claro primeiramente é a sabedoría; aínda que no tocante a ela vese algo
estraño.
-¿Que é iso?
- En realidade, sabia paréceme a cidade sobre a que tratamos, pois é prudente, ¿non?
- Si.
- E isto mesmo, a prudencia é evidente que é un coñecemento, pois non se obra prudentemente por
ignorancia, senón por coñecemento.
- É evidente.
- Pero na cidade hai múltiples e diversas clases de coñecemento.
- ¿Como non?
- Nese caso, ¿hai que considerar a cidade sabia e prudente polo coñecemento dos seus carpinteiros?
–De ningunha maneira, por ese coñecemento soamente será hábil en carpintería.
- Tampouco ha de ser chamada sabia a cidade polo coñecemento relativo aos mobles de madeira, se
delibera sobre como facelos o mellor posible.
-Non, por certo.
-Nin polo coñecemento relativo aos obxectos que se fan con bronce, nin por ningún outro
semellante.
-De ningunha maneira.
-Nin é sabia polo coñecemento relativo á produción de froitos, senón que é hábil en agricultura.
-Parécemo a mín.
-Entón, ¿hai na cidade que acabamos de fundar algún tipo de coñecemento nalgúns cidadáns, polo
que non se delibere sobre algunha cousa da cidade, senón sobre esta na súa totalidade e sobre a
maneira de manter as mellores relacións consigo mesma e coas demais cidades?.
- Certamente, si hai.
- ¿Cal é e en quen está presente?.
- Esta é a vixilancia e está naqueles gobernantes aos que chamamos gardiáns perfectos.
- E en relación con ese coñecemento, ¿que dirás da cidade?.
- Que é prudente e verdadeiramente sabia.
- ¿E cres que na nosa cidade abondarán máis os traballadores do bronce ou estes verdadeiros
gardiáns?
- Moitos máis traballadores do bronce.
CIUG — G.T./ «Composición dun texto (de tipo filosófico)» curso 2008—2009
2
- ¿E non serán estes gardiáns moitos menos que todos aqueloutros que reciben o nome consonte aos
coñecementos que posúen.
- Moitos menos.
- En consecuencia, polo grupo humano máis pequeno e a parte de si mesmo na que está ese
coñecemento, que preside e goberna, unha cidade fundada consonte á natureza será sabia na súa
totalidade. E é este, segundo parece, o grupo máis pequeno por natureza ao que lle corresponde a
participación deste coñecemento que é o único que debe ser chamado co nome de sabedoría.
- Dis a verdade.
- Non sei de que maneira temos descuberto unha das catro calidades e en que lugar da cidade se
asenta.
- E paréceme que se ten descuberto satisfactoriamente.
-Pero a valentía mesma e a parte da cidade na que reside, pola que a cidade debe ser chamada
valente, non é moi difícil de percibir.
-¿De que modo?
-¿Podería alguén dicir que a cidade e covarde ou valente se non dirixise a mirada á parte dela que
combate e vai á guerra para a súa defensa?.
-Ninguén, se mira a outra parte.
-Pois creo que os demais cidadáns que a habitan, sexan covardes ou valentes non son responsables
de que a cidade teña unha ou a outra calidade.
-Iso creo eu.
-Por tanto, a cidade é valente na parte de si mesma grazas á cal ten a posibilidade de conservar a
opinión acerca das cousas temibles, que teñen que ser sempre as mesmas e tal e como o lexislador
dispuxo na súa educación.. ¿Non chamas a isto valentía? (...)
-Pois ben, restan dúas cousas na cidade que temos aínda que observar, a moderación e a outra, pola
que estamos investigando todo, a xustiza.
-Sen dúbida.
-¿Como poderiamos encontrar a xustiza, para non ter que ocuparnos da moderación?
-Eu, polo menos, non o sei e nin sequera querería que aparecese iso primeiro, se aínda non nos
ocupamos da moderación. Mais, se queres compracerme, examina antes esta.
-Claro que quero, senón sería inxusto.
-Examínao, pois.
-Debo examinalo. E dende o meu punto de vista, parécese máis a unha concordancia e a unha
harmonía que a todo o anteriormente examinado.
-¿Como?
-A moderación é un tipo de orde e de continencia nos praceres e apetitos, como din os que declaran
ser donos de si mesmos, non sei de que maneira, e outras expresións que se din e que significan o
mesmo. ¿Non si?
- Así é.
-Pero iso de ser dono de si mesmo ¿non é ridículo? Pois o que é dono de si mesmo tamén é escravo
de si mesmo, e o escravo sería tamén dono. Pois en todos esas expresións faise referencia á mesma
persoa.
-De acordo.
-Porén, paréceme que esa forma de falar quere dicir que nun mesmo home a alma ten algo que é
mellor e algo que é peor, e que cando o mellor por natureza manda sobre o peor que iso é ser dono
de si mesmo – é, polo menos, un eloxio–; pero cando por culpa dunha mala crianza ou compañía, o
mellor, que é cativo, é dominado polo peor, que abonda máis, isto considérase que é unha deshonra
e dise do que está nesa situación que é escravo de si mesmo e inmoderado.
-Pois así parece.
-Dirixe agora a túa mirada cara á nosa nova cidade e encontrarás nela unha desas dúas situacións.
En efecto, afirmarás xustamente que é dona de si mesma, se é que se debe chamar moderado e dono
de si mesmo a aquel no que a parte mellor goberna á peor.
CIUG — G.T./ «Composición dun texto (de tipo filosófico)» curso 2008—2009
3
-Ao consideralo, vexo que tes razón.
-E en verdade, poderíanse encontrar moitos desexos de todo tipo, de praceres e de padecementos,
sobre todo nos nenos nas mulleres e nos serventes e en moitos homes de pouca valía, aínda que son
chamados libres.
-Certamente.
-Pola contra, os desexos que son simples e mesurados, que son guiados sensatamente pola razón e a
recta opinión, encontraralos en poucos, nos que son mellores por natureza e pola súa educación.
-É verdade.
-Pero ¿non te decatas de que tamén isto ocorre na cidade e que nesta os desexos que hai na maioría
da xente vulgar son dominados polos desexos e a moderación dos menos e máis virtuosos.
- Si que me decato.
-Se, entón, hai que dar o nome dunha cidade dona dos seus praceres e desexos e de si mesma, esta
merece esa designación.
-Absolutamente certo.
-¿Acaso non é iso sensato, segundo todo o que dixemos?
-Efectivamente.
-E se nalgunha outra cidade os que gobernan e os gobernados teñen a mesma opinión respecto de
quen ten que gobernar, tamén será así nesta. ¿Non che parece?
-Claro que si.
-E en que tipo de cidadáns dirás que se encontra a moderación, nunha situación así, ¿nos que
gobernan ou nos gobernados?.
-En ambos, quizais.
-¿Decátaste agora de como predicimos correctamente antes cando dixemos que a moderación se
asemella a unha certa harmonía?
-¿Por que?
-Porque non ocorre como coa valentía e a sabedoría que, aínda residindo nunha parte da cidade, fai
a esta sabia e valente, senón que a moderación esténdese naturalmente pola totalidade, sobre todos
os cidadáns, conseguindo que canten ao unísono os máis débiles, os máis fortes e os intermedios, xa
sexa pola súa intelixencia, pola forza, pola cantidade, polas riquezas ou por calquera outra cousa
semellante, como prefiras. De maneira que poderiamos dicir con toda razón que a moderación é esta
concordia e unha harmonía entre o peor e o mellor por natureza, en canto a cal dos dous debe
gobernar, tanto na cidade como en cada individuo.
-Estou de acordo contigo.
-Ben. Xa vimos, segundo parece, tres calidades da cidade, e en canto á especie que resta para que a
cidade alcance a excelencia, ¿cal podería ser? É evidente que a xustiza.
(...)
Pois o que establecemos dende o principio que debía facerse en toda circunstancia, cando fundamos
a cidade, segundo a miña opinión, é a xustiza ou unha especie desta. Pois establecemos, se recordas,
e moitas veces xa o repetimos, que cada un debía de ocuparse dunha soa cousa de entre as que
concirnen á cidade, precisamente daquela na que estivese mellor preparado por natureza.
- En efecto, dixémolo.
-E que a xustiza consiste en facer o que é propio dun, sen meterse nas cousas alleas, é algo que xa
oímos a outros moitos e que dixemos repetidamente.
-En efecto, afirmámolo frecuentemente.
-Nese caso, amigo meu, a xustiza parece que consiste en facer cada un o seu. ¿sabes de onde o
deduzo?
-Non, pero dimo ti.
-Ao meu parecer do que temos examinado, a moderación, a valentía e a sabedoría, o que resta por
ver a cidade, é o que dá a todas aquelas calidades a capacidade de nacer e, unha vez nacidas,
permítelles conservarse, mentres permaneza nelas. E xa dixemos que, se encontrabamos as tres, a
xustiza sería a que restase.
CIUG — G.T./ «Composición dun texto (de tipo filosófico)» curso 2008—2009
4
-Por forza é así.
-Non obstante, se fose preciso discernir cal destas calidades fará a nosa cidade mellor, resultaría
difícil discriminar se consiste nunha coincidencia de opinión entre os gobernantes e os gobernados,
ou se é a conservación da opinión consonte á lei que hai entre os militares acerca do que debe ser
temible ou non, ou a intelixencia e a vixilancia entre os gobernantes; ou iso que fai mellor á cidade
consiste, tanto no neno coma na muller, no escravo coma no home ceibe, e no artesán, no
gobernante e no gobernado, en que cada un se ocupe do seu, sen atender ao alleo.
-Dende logo, sería difícil. ¿Como non?
-Entón, segundo parece, en relación á excelencia da cidade, a capacidade de facer cada un o seu
nela pode rivalizar coa súa sabedoría, coa súa moderación e a súa valentía.(...)
-Pois un home xusto non diferirá en nada da cidade xusta en canto á idea da xustiza mesma, senón
que será semellante.
-Semellante, en efecto.
-Porén, unha cidade parece xusta cando os tres tipos de naturezas que existen naquela fan cada un o
seu; e pareceunos moderada, valente e sabia a causa dalgunhas outras afeccións e hábitos deses
mesmos tipos de naturezas.
-É verdade.
-Por conseguinte, querido amigo, estimaremos que quen teña eses mesmos tipos na súa alma, a
causa das mesmas afeccións que aqueles, é ben merecedor de recibir os mesmos apelativos que a
cidade.
PLATÓN; República libro IV, 427e—435c
Versión galega de M. Teresa Miñambres Gómez – I.S. Eduardo Pondal – Santiago de Compostela